A Peña Celtista de Vilalba


Xulio Xiz

En Vilalba había e hai unha grandísima afección ó futbol, e o Racing Club Villalbés é desde sempre un dos mellores elementos para identificar o vilalbesismo.

Quedan para a historia os trofeos futbolísticos triangulares que se disputaban con motivo das festas patronais de San Ramón, e polo estadio Roca pasaron os máis importantes clubes galegos que, por outra parte tiñan en Vilalba importante e fiel clientela.

Para defenderme da miña escasa cultura futbolística cando no meu contorno alguén fala de fútbol, eu sempre me defendo dicindo que son do Racing Club Vilalbés, e pregunto candidamente se será un dos que xogan na competición televisada de que se trate.


A miña boa sona ten mermado sustancialmente no aspecto deportivo, e xa me deixan por imposible, pensando que non teño nin idea do tema, pero eu sei o que sei, e o Racing pode estar en categoría humilde para os afeccionados furibundos, pero para min representa a Vilalba, e con eso xa é abondo.

Pero ben vexo que hai numerosos vilalbeses e vilalbesas que comparten a devoción polo Racing con outros clubes importantes, entre os que destacan os dous primeiros dos galegos, Deportivo da Coruña e Celta de Vigo. E sorprendeume ver na prensa escrita unha foto na que aparecen socios da Peña Celtista de Vilalba que levan na sociedade desde a súa fundación hai corenta anos.

Repaso a foto e atopo caras coñecidas de vellos amigos vilalbeses, que en tempos me parecían maiores e agora son contemporáneos. E algún, como Agustín Baamonde, aínda máis novo ca min, que leva o futbol no sangue desde a infancia.

Hai equipos de fútbol que, polo que comentan os entendidos, non dan demasiadas satisfaccións ós siareiros, pero poden máis as cores ca os resultados. O Celta non é precisamente, nestes últimos tempos, un equipo punteiro que permita presumir públicamente da súa traxectoria, pero para eso están os afeccionados, que han de aguantar nos tempos difíciles, apoiando para que volvan os momentos de gloria, e logo poder disfrutar deles.

Supoño que a Peña Celtista de Vilalba será a única do país que ten un piso propio como sede social, unha das máis numerosas con varios centos de socios, e das máis constantes do que é boa proba que daqueles fundadores no 23 de xuño de 1969 quedan nada menos que 42 socios e socias, ós que non dubido en desexar alomenos outros tantos anos de devoción futbolera.

Esto si que é fidelidade. Agora que o que máis se leva é ser socio do Real Madrid ou do Barcelona, que fan fichaxes multimillonarias e gañan copas ou competicións españolas ou europeas, a persistencia na fidelidade ó celtiña – así lle chaman os máis devotos- é algo digno de recoñecemento e admiración.

Porque os mecanismos que desatan a afección na actualidade coido que teñen pouco que ver cos que antes movían ós devotos do futbol. E o relumbrón das estrelas futbolísticas e dos grandes clubes logra resonancia mundial, provocan negocios multimillonarios, pero nada teñen que ver con esta devoción cega que houbo e hai por un equipo que coidamos podemos levar moi dentro de nós.

Eu sigo a proclamar a miña devoción polo Racing Club Vilalbés, por pura pertenencia ó clan, á tribu vilalbesa. Por eso entendo o agarimo dos vellos futboleiros que nunca morren, por un club como o Celta de Vigo que, ben mirado, podería ser considerado o segundo club de Vilalba.

05/11/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión