A política lingüística da Xunta, cuestionada internacionalmente

Redacción

A Axencia Europea para as linguas Minorizadas –European Bureau for Lesser-Ussed Languages (Eblul)– emitiu onte unha resolución pola que esixe á Xunta de Galicia que remate coas iniciativas que tomou nos últimos meses en contra do idioma galego nos diferentes eidos. Este organismo considera que estas medidas “supoñen unha vulneración de tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos subscritos polo Estado español, como o pacto internacional de dereitos civís e políticos ou a carta europea de linguas rexionais ou minoritarias”.

A axencia, promovida polo Parlamento Europeo, ten tamén rango de entidade consultiva desta institución, da ONU e do Consello de Europa. Por iso, considera “de especial gravidade” que o Goberno galego non teña en conta o último ditame do Comité de Expertos do Consello de Europa sobre a situación lingüística de Galicia, emitido a finais do ano pasado. Como dato significativo, sinalar que esta institución, que promove os dereitos humanos e a democracia, consideraba as Galescolas como un “dos proxectos máis aplaudidos” por ser “a única rede de ensino infantil que contemplaba con normalidade o uso do galego”.

A resolución foi aprobada polo comité español do Eblul na reunión que celebrou o xoves en Barcelona. A proposta, realizada pola Mesa pola Normalización Lingüística, saíu adiante por unanimidade, polo que o presidente da Mesa e representante galego en Barcelona, Carlos Callón, amosouse “moi satisfeito”. Así, lembrou que a resolución “vénse unir a chamadas no mesmo sentido por parte da Real Academia Galega ou do Consello da Cultura Galega, alén do clamor da sociedade”. A resolución da Eblul remata advertindo á Xunta que “trasladará esta situación aos diferentes foros internacionais en que se encontra presente”, no caso de que a política autonómica non experimente variacións.

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, defendeuse desas acusacións asegurando que “non hai nin houbo ningunha actuación desprotectora do galego” senón que, co cambio de goberno, houbo “ritmos” e “actuacións” distintas ás do goberno anterior. Lorenzo tamén asegurou que “as Galescolas non están desmanteladas” e que “o goberno galego non incumple ningunha normativa nin tratado internacional”. Por todo iso, o seu departamento chegou a dicir que a axencia para as linguas minorizadas “descoñece a realidade lingüística de Galicia”.

28 de nov. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión