Programa Cultura 2007-2013 da Comisión Europea

Redacción

O CGAC acollerá o próximo 4 de novembro unha xornada informativa, organizada pola Consellería de Cultura e Turismo e o Ministerio de Cultura, co fin de facilitar o coñecemento e o acceso aos distintos tipos de axuda do Programa Cultura 2007-2013 da Comisión Europea. A xornada informativa será inaugurada o vindeiro mércores 4 en Santiago polo conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela. O infoday está organizado pola Subdirección Xeral de Cooperación Cultural do Minsiterio de Cultura e a Consellería de Cultura e Turismo, que rexistrou máis de 250 inscricións de operadores e industrias culturais do sector público e privado de Galicia e Portugal.

A xornada informativa Programa Cultura desenvolverase no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) co obxectivo de axudar aos participantes a coñecer as diferentes accións e liñas de subvención do programa, así como os criterios para a avaliación de propostas. A xuntanza facilitará o intercambio de ideas e experiencias e a posta en contacto de posibles socios para futuros consorcios. Entre os asistentes teñen confirmada a súa presenza representantes das administracións públicas, fundacións, empresas, asociacións, compañías consultoras e produtoras vinculadas ao sector cultural galego.

A xornada abrirase coa intervención do conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela. Posteriormente, tomarán a palabra a coordinadora de proxectos da Axencia Executiva no Ámbito Educativo Audiovisual e Cultural, Katharina Riediger, e o responsable do Punto de Contacto Cultural en España, Augusto Paramio. A última parte do infoday dedicarase a coñecer os proxectos galegos seleccionados ata o momento no Programa Cultura 2007-2013. Neste apartado, expoñerán as súas experiencias os representantes da Cofradía de Pescadores de Lira (proxecto seleccionado convocatoria 2008) e de OQO Editora (proxecto seleccionado na convocatoria 2009). Asemade, intervirá un responsable do CSIC Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, entidade colaboradora en 2007 nun proxecto de investigación arqueolóxica de nacionalidade francesa.

Partenariado de Cultura e Turismo
A Consellería de Cultura e Turismo colabora en 2009 na organización de tres proxectos no marco do Programa Cultura 2007-2013. A través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo apoiase a iniciativa galega Os contos do Camiño, coordinado por OQO Editora, que aposta polo espallamento do patrimonio cultural dos pobos europeos a través dos contos de tradición oral. Máis de 25.000 escolares de Portugal, Francia e España participarán en sesións de contacontos e en obradoiros de creación artística e de animación á lectura nos que se dará a coñecer o patrimonio cultural e artístico das diferentes rutas xacobeas. As actividades que serán desenvoltas entre xaneiro e xuño de 2010, terán como sede itinerante ás cidades de Évora, Bordeaux, Óbidos, Madrid e, como peche final, Santiago de Compostela.

A Axencia Galega das Industrias Culturais, da Consellería de Cultura e Turismo participa en dous proxectos en réxime de coorganización. Departs: Prácticas para un desenrolo integrado da danza europea contemporánea é un proxecto plurianual belga que apoia e promove aos xoves bailaríns con talento e facilita o seu acceso ao mundo artístico profesional. A organización realízase entre 11 institucións de orixe portugués, húngaro, holandés, danés, belga, francés, inglés, alemán, turco e español. Xoves Talentos Circo Europa é un programa francés destinado a identificar a aparición de xoves potenciais, fomentar a creación e a mobilidade, a difusión da arte e da cultura circense así como o diálogo intercultural. A organización do evento realízase entre catro institucións de orixe finés, belga, inglés e español.

2007-2008
A colaboración de institucións galegas co Programa Cultura 2007-2013 é permanente desde a primeira convocatoria. En 2007, o CSIC Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento coorganizou un proxecto plurianual de nacionalidade francesa do Institut National de Recherches Archeologiques Preventives (INRAP) co fin de promover a investigación arqueolóxica. No mesmo exercicio, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia coproduciu unha acción de cooperación portuguesa Ordem dos arquitectos, pensada para estreitar os lazos da arquitectura europea.

No ano 2008 a Confraría de Pescadores de Lira interveu no proxecto plurianual español Fishing Cultural Heritage Network, co fin de valorizar a herdanza cultural pesqueira mediante un intercambio de profesionais e cidadáns da Cultura Pesqueira Europea. O Concello de Ourense cooperou no mesmo período anual na iniciativa portuguesa Oralites co obxecto de revalorizar o patrimonio cultural intanxible común de Europa do sur e do Mediterráneo.

Programa de axudas
O Programa Cultura 2007-2013 foi creado co fin de destacar o valor do espazo cultural común dos europeos, fundado nunha herdanza cultural colectiva, mediante o desenvolvemento de actividades de cooperación entre axentes culturais dos países europeos con vistas a fomentar a aparición dunha cidadanía europea.

O Programa ten tres obxectivos específicos: promover a mobilidade transnacional das persoas que traballen no sector cultural; fomentar a circulación transnacional de obras e produtos artísticos e culturais e fomentar o diálogo intercultural.

02/11/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión