Revista de prensa: EL PAÍS

A lingua inútil

Manuel Rivas


Equivócase vostede, señor titular do xulgado número 6 de Alcorcón, ao proclamar a carencia de "utilidade pública" do idioma galego. Nunha caricatura de Castelao, un campesiño di: "Deus nos libre da Xustiza!". Quizais estaba a pensar en vostede, señor xuíz. Fíxese que útiles e previsoras son as linguas "subalternas".

Fíxese si son previsoras que nos contos galegos de Álvaro Cunqueiro hai personaxes que como último desexo piden que no cadaleito, ademais da Biblia, lles metan o Código Civil por se teñen que pleitear na outra vida. Á vista de como reculan os tempos, adiántome a pedir para a postrer viaxe un exemplar da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, ademais da Constitución española (subliñado o artigo 3º, apartado 2) por se o barqueiro Caronte se pon pesado, dispensando, e me nega a "utilidade pública do galego" no Máis Aló, seguindo a doutrina da súa señoría.

Xa que estamos coa verdade narrativa dos contos e as últimas vontades, permítame unha breve historia. Un ancián campesiño manda chamar ao notario para facer o testamento definitivo. Di: "Da terra, deixo un terzo para Ramón, un terzo para María, un terzo para Concha, un terzo para Manuel, outro terzo para Andrés..." O notario interrómpeo: "Pero, non serán moitos terzos?" E o campesiño responde: "Non sabe vostede o grande que é a terra!" Pois coas linguas ocorre algo parecido. Que hai sitio para todas. Que non pesan na cabeza. Que non hai lingua inútil.

Inútiles, inútiles non lle somos, señor xuíz. Hai moitas persoas que nos comunicamos normalmente en galego e non nos consideramos do todo inútiles. Como ocorre mesmo na xudicatura, uns somos menos útiles que outros, facemos o que podemos, pero respectamos. Iso si, temos unha educación mínima do respecto. Os nosos pais arroláronnos, criáronnos e contáronnos contos en galego para espantar o medo. E non eran uns inútiles, créame. Grazas a eles, non lle teño medo, señor xuíz.

Na súa Tese sobre o concepto da Historia, di Walter Benjamin: "Non hai ningún documento da civilización que non sexa ao mesmo tempo un documento de barbarie". Eu antes non entendía moi ben esta frase, xúrollo, pero aclaráronseme de súpeto as ideas, como por un raio, despois de ler o seu fundamento "lingüístico" para negar o traslado escolar a Vigo dunhas nenas no auto tramitado nun caso de divorcio. Nese aspecto, o documento non resiste o principio de realidade. En Galicia, as nenas non só aprenderían galego, senón que poderían enriquecer o seu castelán coas "marabillosas curvas" que Unamuno admiraba en Valle-Inclán.

Non vou falarlle agora de Alfonso X o Sabio, nin de Rosalía de Castro, nin do tronco común galaico-portugués, patrimonio lingüístico que nos permite comunicarnos con millóns de persoas no mundo, desde Brasil ao Timor Oriental. Como ademais temos a sorte de compartir o castelán, vexa vostede, señor xuíz, que non imos tan mal pertrechados, sempre, claro, que aos nenos non lles amputen a lingua "inútil". Creo que o que procede neste momento é ir ao argumento protoecolóxico enunciado por Julio Camba. Segundo demostrou nun irónico artigo, o galego é un idioma moi apto para falar non só entre as persoas senón tamén con todo tipo de animais. Fíxese vostede si será útil!

EL PAÍS (19-XI-2009)

21/11/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión