Simposio “Lingua galega e comunicación nos inicios da Idade Contemporánea"

Redacción

Desde o ano 2001 o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela vén organizando simposios dedicados a temas relacionados coa investigación lingüística que son de interese para a comunidade científica. O Simposio deste ano 2009 abordará o tema Lingua galega e comunicación nos inicios da Idade Contemporánea.

No mes de setembro do ano 2008 publicouse o libro titulado Papés d’emprenta condenada. A escrita galega entre 1797 e 1846 (I) (Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2008), que era o resultado dun traballo colectivo iniciado anos atrás co obxectivo de reunir a produción escrita en lingua galega durante as primeiras décadas do século XIX que se deu conservado ata hoxe e que na actualidade se coñece. Desde os inicios da dita investigación pensouse que o volume en que se recollesen todos estes textos rexistrados e editados debería acompañarse doutro máis en que se analizase aquela actividade xornalística e literaria desde os campos científicos da historia, das ciencias da comunicación e da filoloxía. Queríase, deste xeito, ofrecer á sociedade galega un produto nacido da colaboración interdisciplinaria que presentase datos e conclusións de interese a propósito da historia política, social, cultural, literaria, xornalística e lingüística da Galicia das primeiras décadas do século XIX.

Os organizadores do simposio Lingua galega e comunicación nos inicios da Idade Contemporánea (Santiago de Compostela, 2009) pretendemos que este encontro sirva para presentar publicamente unha boa parte dos traballos que van conformar o volume de estudos anteriormente mencionado. O intercambio de ideas entre os distintos conferenciantes e entre estes e os asistentes ás xornadas permitirá, con certeza, afinar os xuízos dos relatores e arrequentalos cos coñecementos e as reflexións provenientes doutras persoas. Esperamos, polo tanto, que as contribucións que finalmente se integren no libro proxectado sexan o resultado do enriquecemento que os textos inicialmente preparados polos distintos investigadores convidados a participar experimenten grazas ao intercambio de ideas que se produza durante o simposio.

Os temas das conferencias proxectadas supoñerán unha aproximación aos textos de Papés d’emprenta condenada desde catro grandes puntos de vista. En primeiro lugar, cóntase coa participación dun destacadísimo investigador do ámbito da historia contemporánea de Galicia, que disertará sobre o final do Antigo Réxime na nosa terra e sobre a significación da prensa e a imprenta na Galicia da primeira metade do século XIX. Desde o eido das ciencias da comunicación, falarase sobre os casos das prensa vasca e catalá na época sometida a análise e, xunto a isto, estudarase o caso da primeira prensa galega. Do punto de vista da historia literaria, avaliarase a significación dos primeiros pasos da literatura galega moderna e, desde o campo da lingüística, estudaranse os trazos máis salientables do galego escrito da época e analizaranse os vocabularios e outras obras lingüísticas menores que se produciron naquela época.

Pica aquí para ver o programa
Pica aquí para obter o formulario de inscrición


06/11/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión