Tributo a Enrique e Antonio

Redacción
Hoxe cúmprense dez anos da desaparición de Enrique Urquijo, o que fora líder do grupo Los Secretos. E o pasado mes de maio deixábanos tamén Antonio Vega, outro icono da música pop española. Dous amigos, dous poetas, dous creadores irrepetibles, aos que hoxe queremos rendir unha homenaxe especial. Con tal motivo, reproducimos a continuación as letras que o xornalista Moncho Paz escribiu sobre eles e que foron publicadas nas páxinas de El Progreso (“Alma desgarrada”, novembro de 1999) e de Xornal de Galicia (“Sol e temporal”, maio de 2009).

ENRIQUE URQUIJO, ALMA DESGARRADA
(Madrid, 18 de novembro de 1999).

“O cadáver de Enrique Urquijo, cantante de Los Secretos, foi atopado na noite do mércores nun portal da rúa Espíritu Santo, no barrio madrileño de Malasaña…”. Quedeime petrificado e dunha peza cando escoitei a noticia na radio. Os meus oídos non daban crédito nese momento, que me parecía imposible, irreal. O frío invadiume de súpeto e aínda non fun capaz de quitarmo de encima. Tiven que facer un par de chamadas para confirmar que era certo, e non o froito dun mal soño.

Na miña mente e na miña lembranza máis íntima estiveches todos estes anos; nunha nebulosa –como doutro tempo– aparecía a túa imaxe percorrendo precisamente esas rúas que agoran sepultan o teu corpo, dende a Gran Vía ata Malasaña, Fuencarral, Hortaleza, Velarde, praza do 2 de Maio, Chueca, en fín… Vímonos de novo a pasada primavera nunha fría mañá de domingo no Rastro; estabas máis delgado e quizais un pouco desmellorado, pero a primeira vista parecías alegre.

O eco da túa voz rota percorre hoxe todo o barrio entoando boleros, Enrique, “al son de acordes aún no inventados” e quedará para sempre no ar que respiremos os teus amigos, coa imaxe indeleble do teu eterno sorriso melancólico.

“He muerto y he resucitado / con mis cenizas un árbol he plantado / su fruto ha dado / y desde hoy algo ha empezado. / He roto todos mis poemas / los de tristezas y de penas / lo he pensado / y hoy sin dudar vuelvo a tu lado. / Ayúdame y te habré ayudado / que hoy he soñado en otra vida / en otro mundo, pero a tu lado”. Sempre entrañable e triste. Lembrarémosche así, ata que un día nos atopemos outra vez. Os teus colegas e os teus seres máis queridos, a túa compañeira Pía e María, a nena dos teus ollos, o teus irmáns Álvaro, Javier e Lidia, o resto de Los Secretos e tamén Los Problemas. Contigo vaise parte de nós; nada será igual sen a túa presenza. Ata sempre, amigo.

ANTONIO VEGA, SOL E TEMPORAL
(Madrid, 13 de maio de 2009).

Onte deixounos Antonio Vega. Foi un dos iconos da miña xeración, especialmente dos que vivimos en Madrid nos anos oitenta. Creador e poeta que harmonizou como poucos o mundo dos sentimentos, destacou pola súa extrema sensibilidade. No seu interior cohabitaban trasgos e diaños; unha mistura de sol e temporal, como aquela flor coa que tanto soñou. Antonio levaba ao inimigo dentro.

Amante do proceso creativo, estivo namorado da arquitectura e da física; estudou as propiedades do espazo e amosou interese polo tempo, a materia, a enerxía…, aos que se refire de xeito obsesivo nas súas composicións. Este é o universo Vega, capaz de espertar as sensacións máis contraditorias: unha realidade febril poboada de medos irracionais. Poe en estado puro.

As rúas de Malasaña acolleron a súa figura triste e solitaria. Dende o Penta de La chica de ayer, pasando por Vía Láctea, Nueva Visión, Mescalito, Maravillas… para rematar no Lady Pepa de Isaac, onde naquela época era fácil atopalo en compañía de Enrique Urquijo e outros colegas. Fuxiu o talento, queda a súa voz. Para sempre.

17/11/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión