Aminatu, en terra de ninguén


Moncho Paz

Cando se cumpre o décimo aniversario da entronización de Mohamed VI de Marrocos, o Estado español ten que lidar diplomaticamente co país veciño. A delicada situación de Aminatu Haidar, activista saharauí en terra de ninguén, é parella á que atravesa o seu pobo, esquecido no complexo mundo das relacións internacionais, agás cando se producen sucesos de relevancia pública como este.

A pesar dos intereses comúns entre os dous países, hai que lembrar que Marrocos segue a ser unha monarquía absoluta, disfrazada de constitucional polo feito de ter un parlamento bicameral e un sistema de partidos; mais cando algo non é do agrado do rei, “a calar”. E os medios de comunicación seguen suxeitos a unha férrea censura.

Marrocos tampouco mudou a súa actitude sobre os dereitos humanos, polos que sempre amosou pouco respecto. O actual monarca comezou o seu reinado cun discurso cheo de boas intencións, mencionando expresamente a necesidade de garantir os dereitos humanos no seu país; pero a día de hoxe a realidade garda máis parecido cos “anos de chumbo” de Hassan.

A importancia de manter unhas boas relacións con Marrocos non debe servir de escusa para emprender accións claras e contundentes -implicando a calquera institución do Estado español- e resolver dunha vez o caso de Aminatu, apátrida en Lanzarote.

07/12/2009

1 comentários :

  • A Asociacion de Escritores en Lingua Galega amosou hoxe a sua solidariedade coa saharaui Aminetu Haidar, quenmanten unha folga de fame en Lanzarote, en demanda de que se lle permita o seu regreso a El Aaiun. O membro da AELG e responsable do seu gabinete de comunicacion, Xan Arias, expresou persoalmente na terminal aérea de Lanzarote a solidariedade dos escritores e escritoras galeg@s que integran a Asociación, valorando profundamente a loita de Aminetu Haidar en defensa da súa dignididade e identidade.

    17:14 do 14 de decembro de 2009

Danos a túa opinión