Ciclo de conferencias da Asociación Cultural "O Facho"

Redacción

A Agrupación Cultural O Facho de A Coruña celebra os seus ciclos de palestras públicas do período 2009-10 e por iso o vindeiro dia 15 de decembro, martes, convida ao Profesor da Universidade d’A Coruña, Xosé R. Freixeiro Mato, quen falará, dentro do ciclo "Língua, Literatura e Nación". A sua charla versará sobre: "O galego desde a perspectiva histórica e no momento actual".

O Profesor Freixeiro Mato, depois de obter o doutoramento na Universidade da Coruña no ano 1992 cunha tese sobre Noriega Varela e a edición crítica da sua obra completa, acedeu no ano seguinte a unha praza docente nesa mesma institución, onde na actualidade é Catedrático na Faculdade de Filoloxia na área de Filologia galego-portuguesa. Posúe unha abondosa obra publicada, da que suliñamos: Sebastián Martínez-Risco na cultura galega, Antonio Noriega Varela. Estudo e edición da obra completa, Rafael Dieste: Vida, personalidade e obra, Antologia da prosa literária medieval, Os séculos escuros e a Ilustración galega. Antologia, Língua galega: Normalidade e conflicto, Historia da língua galega, xunto con Anxo Gómez Sánchez, Gramática da Língua Galega (Volumes I-II-III e IV, Língua, nación e identidade.

O Facho na cultura galega
Corenta e tres anos non é unha idade da que poidan presumir moitas asociacións culturais. Desde a defensa da cultura e a lingua galega no franquismo ata o actual momento de institucionalización cultural e de globalización, a Agrupación Cultural O Facho mantén un traballo continuo. Coa elección dunha nova directiva, o colectivo iniciou un proceso de revitalización que lle agoira continuidade á súa extensa carreira, na que pasou de facer cultura de resistencia a se constituír nunha auténtica mostra de resistencia da cultura.

Hai aproximadamente un ano, o colectivo vivía un proceso de renovación que quere tirar O Facho do relativo esmorecemento no que se encontraba. "Hai algo máis dun ano que mudou a directiva. Eu entrei de presidente porque había un grupo de socios fundadores que entendía que o colectivo fora desaparecendo da vida cultural da cidade da Coruña e de Galiza e fora quedando en círculos un pouco intelectualizados", sinala Rodríguez Pardo. "O grupo naceu cos sinais de identidade da resistencia contra o franquismo e da defensa da plena valía da lingua e da cultura galega. Había unha clarísima vocación política do que se facía precisamente porque esa era toda a actividade política que se podía facer", completa o presidente. A mudanza de sistema político, se ben deu por unha banda nun incremento das posibilidades asociativas, tamén lle restou, segundo lembra Harguindey, efectivos humanos, que pasaron en grande medida a desenvolver a súa actividade en formacións políticas ou sindicais. Tamén o actual presidente apunta que a longo prazo este cambio deu nun relativo esmorecemento destes grupos. "Ao chegar a democracia esta reivindicación, que ata entón era exclusiva das asociacións, pasou en grande medida a se integrar nas propias organizacións gobernamentais, e isto levou a ese certo decaemento dos colectivos".

Logo de pasados corenta anos da súa fundación, estes pioneiros da cultura teñen clara a importancia que continúan a ter os movementos asociativos de base. "Está claro que a sociedade sigue a necesitar o protagonismo de base, por moitas institucións que haxa, por moita simpatía ou apoio que amosen de cara aos obxectivos das asociacións, se non hai unha organización social dinámica e independente do poder, queda un movemento cultural eivado", apunta Harguindey. "Ao desapareceren da vida pública estas agrupacións, a sociedade de hoxe quedaba, en certa medida, sen medios polos que expresar as súas necesidades", completa Rodríguez Pardo.

Na actualidade, O Facho preséntase plenamente consciente dos retos culturais do século XXI. "Xa non se trata de reivindicar o sermos galegos fronte ao Franquismo", recoñece o presidente do colectivo. "Agora hai que tentar ver o significado que pode ter hoxe o sermos galegos nun mundo globalizado. A idea básica é que sermos galegos agora implica ser dunha maneira concreta nunha sociedade mundial". Entre as iniciativas máis recentes estivo a constitución do Facho de Ouro, un premio para reivindicar galegos significados que levou na primeira edición, en xaneiro de 2006, Isaac Díaz Pardo. "Agora mesmo estamos con dous ciclos. Un trata sobre a valía do idioma galego a nivel internacional, abordando a cuestión da lusofonía e do reintegracionismo", apunta Rodríguez Pardo, "No outro traballamos os sinais de identidade do ser galego, tentamos ver como pensamos ou como se pode pensar Galiza, como unha entidade propia e exclusiva dos galegos e o que pode isto significar no mundo". Ademais, estanse a preparar os actos para celebrar o vindeiro dezasete de maio entre outras iniciativas, o que amosa a propia agrupación é unha cultura que resiste.

08/12/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión