Feliz aninovo nunha copa de dúbidas


Fermín Bouza

Tampouco parece que de momento o mundo teña grandes solucións á vista. Dun lado da barricada unha banda de fanáticos que opera en nome de Deus trata de derrubar avións civís, voar edificios civís e causar o maior dano posible ás poboacións civís. Un grupo que interpreta o mundo en termos relixiosos e raciais e que ten unha versión da Providencia similar á daqueles cristiáns medievais e non tan medievais que fixeron cruzadas exteriores e interiores tamén en nome de Deus, por suposto.

Canto dano físico, só en vidas humanas, causaron as ideas relixiosas así interpretadas? Canto amor de Deus había en cada un dos asasinos de centos de miles de cidadáns exterminados polo réxime fascista que dominou corenta anos este estado español ou España, se vostedes queren?

Dende o comezo do humano as ideas relixiosas estiveron na base de todas as guerras e desastres, ofrecendo como contrapeso a boa fe e o bo traballo duns puñados dos seus mellores militantes, que nunca determinaron a evolución do conxunto do cristianismo. Foron os anarquistas os que quizais tomaron demasiado en serio todo isto até considerar ao relixioso e aos relixiosos os auténticos inimigos do home civilizado, o que levou tamén a excesos non menos relixiosos no fondo que aqueles aos que se pretendía combater.

Se o relixioso deixa de ser a solidariedade entre os homes e algún esperanzado sentimento do divino ou transcendente que nos leva a outros mundos trasmundanos, e se converte, da man de humanos imperfectos e represores, nun sistema de restricións, entón o relixioso non é máis que un insoportable substituto da lei civil, unha farsa represiva e antidemocrática que pode patrocinar toda clase de crimes (e castigos).

É certo que houbo seres exemplares nas relixións, tamén no cristianismo, pero non é esa a cuestión, porque sempre hai seres excepcionais en todo, mesmo nos maiores vertedoiros políticos. Eu falo de seres normais, de subir a que podemos chamar taxa de normalidade, o sentido común ben entendido ou algo intuitivo no que case todos poderiamos coincidir como un estado desexable de "normalidade" humana. Eu estou convencido de que a maioría da poboación, cristiáns e musulmáns incluídos, van por aí.

Pero no mundo mandan as minorías, sempre o fixeron. En fronte daqueles fanáticos que soñan en derrubar avións, tirar edificios (a Catedral do meu pobo é un deles) ou afundir barcos, unha serie de países desenvolvidos disponse a saír da crise sen abordar unha soa medida de fondo que garanta unha menor posibilidade de repetición. Incrementaranse os controis financeiros durante unha tempada, e despois a esperar outra igual por que, finalmente, resultan moi rendibles estas amargas crises nas que sempre sofren os outros.

A esquerda non fracasa por falta de ideas e iniciativas, que as ten (tamén atesoura certa herdanza mitolóxica e lendaria bastante inútil, como parte que foi do proceso de evolución do cristianismo e doutras ideas de aspecto solidario), senón pola enrevesada construción do real que entre todos fixemos e que fai case imposible darlle a volta ás cousas e programar algunhas novidades cara a un futuro mellor. Fixémolo entre todos, pero algúns sacaron un gran partido diso e non están dispostos a cambialo. A inercia dos mitos lévanos de novo cara a ningunha parte.

E unha pinga local: en Galicia agardamos un decreto que reduza o 50% de clases en galego (a nosa lingua propia, segundo a mellor ciencia e segundo a Constitución española pola vía do noso Estatuto de Autonomía), e así seguimos avanzando cara á nosa disolución, que tamén dará grandes réditos a uns poucos. A pesar de todo, haberá que celebrar o fin do ano 2009, e que non volva. Se cadra no 2010 seguiremos soñando e combatendo con algunha racionalidade fronte a todas estas cousas absurdas. Venceremos, por suposto. E que haxa saúde.

Feliz 2010 a todos.

30/12/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión