Inaugurada a mostra sobre Cabanillas en Vigo


Redacción

O director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López-Barxas, e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Anxo Lorenzo, asistiron onte á inauguración da mostra A Roseira dos recordos, que percorre a figura e a obra de Ramón Cabanillas e que estará exposta ata o 31 de xaneiro de 2010 na Biblioteca Penzol da Casa Galega da Cultura de Vigo. A mostra rende homenaxe ao 50 aniversario do seu pasamento. No acto tamén interviñeron o concelleiro de cultura do concello de Vigo, Xesús López Carreira; o director xeral da Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes; o vicepresidente da Fundación Penzol, Alfonso Zulueta de Haz; e o comisario da exposición, Luís Rei.

Segundo o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, esta homenaxe a Ramón Cabanillas, o que describiu como “o noso poeta da raza”, convídanos a "coñecer un pouco máis da dimensión da súa obra e dos lugares e pegadas do home sobre a súa terra”, porque é esta unha iniciativa que nos permite “dar un paso máis cara o reencontro con don Ramón, coa súa mirada e coa súa escrita”.

Doutra banda, Francisco López comparou a xesta do poeta de Cambados afirmando que “Antonio Palacios pode revolucionar a arquitectura nos comezos do século XX e centrar en Vigo un concepto de cidade deseñada que anticipa a Brasilia de Niemeyer; Seoane trae un abrazo profundo con Picasso ou Juan Gris, e Cabanillas configura unha experiencia telúrica e identitaria que se expande a toda a escrita galega actual”. Esta exposición arredor de Cabanillas “ponnos diante do substrato que nos nutre, sen xuízos nin valoracións conxunturais, senón como material que permanece seguro nos espazos que imos acadando, nunha transformación imparable de Galicia, coa mensaxe escrita a partir do noso propio chan e das achegas recibidas de toda Europa”, afirmou o director xeral.

Ramón Cabanillas Enríquez (Cambados 1876–1959) foi integrante da Xeración Antre Dous Séculos, situada entre o Rexurdimento e a modernidade do século XX. Tras abandonar a carreira eclesiástica en Compostela regresa ao seu pobo natal, Cambados, para logo viaxar a Cuba con 34 anos. De Cabanillas destaca o seu traballo durante o forte éxodo galego a Cuba, onde coñeceu a Basilio Álvarez quen o convenceu para loitar pola causa agrarista e a Xosé Fontenla Leal, clave par a súa literatura en galego. Na Habana publicou No desterro (1913) e Vento mareiro (1915).

Na súa volta a Galicia conseguiu co seu traballo a prol da loita agrarista e formou parte comprometida coas Irmandades da Fala e con A Nosa Terra. Nesta segunda etapa galega coñeceu a Vicente Risco, con quen compartiu teses estéticas e culturais. Gañouse a pulso o sobrenome de "Poeta de Raza" e utilizou os seus poemas en aras do galeguismo. Nesta liña poética destaca Da terra asoballada (1917) cunha actitude moi educadora. Pretendeu concienciar á colectividade acerca do nacionalismo con obras como A man de Santiña (1921), O mariscal (1926) –que versa sobre a execución do mariscal Pedro Pardo de Cela por parte dos Reis Católicos- ou Na noite estrelecida (1926), onde reelabora mitos do ciclo artúrico que funcionan como símbolos produtivos.

Da literatura de Cabanillas destaca a depurada linguaxe, a preocupación formal, o mundo artúrico ou o lirismo intimista de ecos rosalianos. Todas estas facetas de Cabanillas tratadas rigorosamente desde un punto de vista galeguizado. En 1920 foi elixido membro da Real Academia Galega e en 1929 entrou na Real Academia Española. No ocaso da súa vida publicou Antífona da Cantiga (1951), Da miña zanfona (1954), Versos de alleas terras e tempos idos (1954) e Samos (1958).

18/12/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión