O futuro do capón


Xulio Xiz

Celebrada a vilalbesa Feira do Capón, volvo a ela pola repercusión que tivo en diversos medios informativos.

Non fun á feira esta última vez, aínda que a noite anterior vin xa montada a carpa e comprobei que de noite quedaban funcionando os aparatos de quentar o aire para que o ambiente da mañanciña non fose demasiado xélido.

Todos agardábamos moito desta feira do capón, por entender que a pesar da crise existente, o noso primeiro produto do Nadal daría superado calquera dificultade. E en principio foi así e todas as crónicas previas e do mesmo día estaban tinguidas de optimismo mencionando “La Voz” que se buscaba un precio de referencia, que parecía poder estar arredor de 100 euros por exemplar. De todos os xeitos eu vin mercar na feira de dous mil oito dous exemplares por cen euros: A verdade é que eran ben pequenos e foi ó final da feira cando o vendedor non quería volver con eles para a casa.

A concelleira de mercados, Cheri Grandío, afirmaba – e con razón- que este é un produto asegurado, que a xente reserva como agasallo de Nadal. Falamos de 66 criadores e 1.800 exemplares que podían entrar na feira, co que se se conseguise ese precio tipo anceiado falariamos de 180.000€, trinta millóns das antigas pesetas, cantidade como a ter en conta se consideramos que é un produto criado na casa con bastante facilidade, que complementa sustanciosamente a renda familiar.

Pero vivimos moito do que por aí diante se conta de nós, e no xornal “Galicia Hoxe” o titular non era moi ledo: “Feira do capón: moita xente, baixos prezos”, sinalando que foi a máis concorrida dos últimos tempos pero que a crise fíxose notar lixeiramente.

“La Región”, de Ourense –en crónica de axencias- titulaba “Vilalba vivió la feria del capón más concurrida, aunque el precio y las ventas sufrieron la crisis”, mencionando que os precios se resentiron lixeiramente, e comentando que diante da abundancia do produto os compradores retraéronse.

Por fin, “Faro de Vigo” dedícalle a última páxina do xornal titulando a catro columnas “El capón de Vilalba, también en crisis”, sinalando que só os primeiros pares da feira do capón lograron unha cotización similar á do ano pasado de cen euros por cabeza. Destaca asimesmo a gran afluencia de público, e comenta a curiosidade que se ben en tempos o capón era moeda de pago de fóros e alugueres, na actualidade só se sabe dun caso en Mourence onde o criador aínda paga con capóns as terras e o pazo que ten alugados.

Agora, hai que mirar para o futuro, confiar en que a crise remate, e agardar que a política que siga o concello beneficie o sector. Que en Castro de Rei xa van facer a primeira festa da galiña de Mos para darlle unha saída económica a esta ave en fase de recuperación, e aquí algo haberá que facer con eses “caponciños” que poden complementar a oferta, pero clarificando moito a diferencia.

Se se pretende seguir cobrando noventa ou cen euros por exemplar de capón – que me parece moi ben, polo traballo e o prestixio – polos caponciños que se ofrezan, con cinco meses, menos traballo e polo tanto de inferior calidade, e que van ser comercializados a un prezo de arredor de trinta euros exemplar, hai que especificar moi ben a diferencia, clarificar que un producto é de primeira e outro de segunda, ou calquera outro matiz que deixe moi claro que o Capón de Vilalba é diferente a todo o demáis.

En fin: que o que hai que pretender é o beneficio dos vilalbeses dedicados á cría do capón.

Feliz aninovo a todos.

30/12/2009

11 comentários :

  • A min o futuro do capón de Vilalba paréceme máis ben negro, e coido que faría falla unha análise máis realista do tema por parte de quen toma as decisións.
    Todavez que o capón xa non paga rendas, e na nosa sociedade cada vez está peor considerado o "pago de favores", perfectamente simbolizado nos "agasallos" do concello a Fraga, Rouco, Carrasco e compañía -unha especie de comechura pagada por todos que debería rematar xa-, ao capón só lle queda a condición de "delicatessen", que é a que habería que promocionar.
    Pero agora mesmo esta é a feira de "imos contar mentiras": Nin pitos do país, nin castrados nin cebados á man... Quen raio vai pagar 100 euros, case dezasetemil pesetas, por un pito común?
    E o dos caponciños é outra leria máis. Se algo caracterizaba o capón, amáis do xeito de crialos, era a súa estacionalidade, o que é igual a escaseza e, por tanto, alto prezo. Industrializar e dar continuidade todo o ano ao capón é matar a galiña dos ovos de ouro.
    O capón hai que volver a crialo cos métodos tradicionais e situalo nas cartas dos mellores restaurantes como produto duns poucos días. Esa é a maneira de manter sona e altos prezos, como "delicatessen" sofisticada, escasa e cara.

    13:44 do 30 de decembro de 2009

  • Calqueira con un minimo de coñecementos de mercadotecnia darase conta de que eliminar as singularidades que caracterizaban o capon de Vilalba e directamente un suicidio.

    Non fai falta saber o que e posicionamento, diferenciacion, e singularidade dun producto para darse conta de porque o capon e tan valorado.

    Pensar en diversificar via sub-productos, ou eliminar a estacionalidade da venda do capon e simplemente unha paletada. A quen se lle ocurriria semellante xenialidade?

    20:41 do 30 de decembro de 2009

  • A quen se lle ocorreu, caro anónimo #2? Pois está claro. Dende o concello parecen empeñados en acabar co capón. Primeiro sacaron a feira da praza da igrexa, a carón do castelo, e levárona para un pavillón polideportivo. Pódese facer peor? A resposta é SI: Levala para o mexadoiro, onde estivo moitos anos grazas ao ínclito Agustín Baamonde, tan louvado por este medio. Se nin sequera respectan as tradicións nunha cousa tan sinxela, xa me diredes...
    Hai pouco viñeron co conto do pito de Mós, que viña seica salvar o capón... e aí morreu o conto. Gustaríame saber quen anda detras dos "caponciños" e outras sandeces deste tipo. Seguro que certos "axentiños" de, disque, desenvolvemento. Desenvolvemento de que?
    Tamén estou dacordo co que di o #1 sobre os regalos de capóns a persoeiros. Algúns amigos meus de fóra dálles a risa co conto, e non é para menos. É unha pailarocada.

    20:56 do 30 de decembro de 2009

  • Comezo dicindo que os Capóns que se mandan a certos persoeiros efectivamente están fora de lugar, polo que o Goberno Municipal debería poñer fin a prevendas que veñen de tempos franquistas en algún caso.
    Sobre a feira dos Capóns, penso que cada vez máis non ten sentido, xa que os tempos cambian e a oferta aumenta en tan boa calidade e sin ter que facer feiras.O único sentido da feira é manter o selo Capón de Vilalba.Dito o anterior e para min, non é mala idea a dos caponciños por desestacionalizar a venda de capóns, (de menor tamaño), pero con garantía de Produto de Calidade e ao amparo do Selo Capón de Vilalba.Naturalmente o que os vilalbeses vemos ou lémos do caponciño, penso que non representa a Vilalba e o Selo, tampouco se sabe o que hai detrás de tal idea.
    O Ideal sería facer unha estratexia de como levar a cabo a venda de caponciños e en que condicións, así como unha liturxia anterior de producción,control, e garantía de calidade.Con unhas condicións mínimas de calidade penso que podería ser rentable, e atraer capital para Vilalba e tamén traballo, e unha forma de fixar poboación no rural.É a miña opinión.
    Dende logo o que están a facer co caponciño de xeito incontrolado e aleatorio,(é o que parece),pouco favor lle fai a Feira do Capón.
    Opino que debería ser cuestión de estudo e reformulación, tanto a Feira como o Caponciño.Quenes deberan potenciar ambalas duas cousas, semella que para eles están ben as cousas como están, e teñen o Día da Feira, o seu Día de Gloria.Poden tomar nota de Arzúa có Queixo,de As Pontes có Grelo o Queixo de Friol e Pan de Ousá, o Porco da Ceba de Cospeito...etc.Non se pode vivir de rentas actualmente, e se require esforzo e gañas de Traballo, se realmente queren para Vilalba Progreso e Fixación e mesmo aumento de Poboación e Riqueza para toda a sociedade vilalbesa.
    Xa non me quero meter nos Premios, que dan para outro debate.

    FENDETESTAS

    16:39 do 4 de xaneiro de 2010

  • Amigo/a Fendetestas:

    A calidade dun producto non ven fixada por ningun proceso de control de calidade ou garantia, e moito menos por ningun selo.
    Sinxelamente, a calidade ven dada pola valoracion do mercado, que actua en consecuencia a varios principios: vantaxes competitivas, escaseza do producto, valores engadidos...
    Convertir o capon nun producto non estacional, desligado da Feira, seria eliminar as caracteristicas diferenciais do capon de Vilalba. Por moito selo de calidade que o caponciño levase, cal serian os atributos diferenciadores, que lle outorgarian valor de mercado? Ou dito noutras palabras, porque vai ser mellor un capon de Vilalba que un de Mondoñedo, ou xa postos, que un de Murcia?. Como competiria o caponciño contra xigantes coma Coren ou Sada?
    O capon de Vilalba ten unhas caracteristicas unicas, diferenciadoras. E percibido no mercado coma un producto premium, de elevado precio e existencias limitadas. Non calquera pode ter un capon na sua mesa, pois so se vende en Vilalba durante un dia ao ano. E ainda que a moitos nos pareza absurdo pagar 100 euros por un pito, existen compradores dispostos a pagar por esa exclusividade, tantos como para manter viva a feira do capon. Son estes compradores os que lle outorgan o capon o atributo de producto de "calidade".

    O que haberia que facer co Capon, primeiro, e alonxalo da dependencia publica. Un concello non esta para funcionar como unha empresa. Segundo, haberia que aproveitar os atributos diferenciadores e dirixilo apropiadamente o seu publico obxetivo, (aquel que paga con gusto un alto prezo polo capon), de tal forma que se produzca unha demanda de capons suficiente como para rentabilizar a sua cria/ceba.


    Por suposto, a creacion dunha empresa de caponciños poderia -ou non- ser rentable, e crear algo de emprego, como calqueira outra empresa. Tamen poderia ir a quebra, como calqueira outra empresa. Pero o seguro e que deixarian de aparecer compradores dispostos a pagar un sobreprecio na feira do capon. "Para que vou pagar tanto na feira por un pito que se vende mais barato no Gadis durante todo o ano? ". Consecuentemente, desapareceria a Feira. (Ou sobreviviria como festa gastronomica en loor dos veciños).

    A min todo esto da industrializacion do caponciño soname a listillos a caza de subvencions de fondos comunitarios, mais que a creacion de emprego e "captacion de capital" para Vilalba.

    00:15 do 5 de xaneiro de 2010

  • Estimado anónimo/a anterior, creo que no fondo estamos dicindo o mesmo dende diferentes pontos de vista.
    Xa poño no escrito anterior que a oferta é cada vez maior,(de outros productos), que restan a venda do noso,poño un exemplo real:Criador que contaba con un cliente de fora que lle mercaba a frioleira de 50 Capóns.Este ano mercou Xamón e Embutidos de "Jabugo".A calidade de Jabugo como sabes é a mesma que poda ter a do Capón, pero as campañas de Promoción e Calidade do Producto desviaron ó comprador que tamén o paga con gusto.
    Trátase de vender, e Jabugo tamén ten monstruos detras, mesmo Coren, por certo esta última podería entrar na comercialización tamén do Caponciño.Mesmo temos o exemplo no Concello:Queixo de San Simón da Costa, tamén se fai en Lanzós ou en Oleiros, como tamén o podería facer Besnier ou a empresa Entrepinares que se está instalando no Polígono Industrial e coa mesma ou mellor calidade; estarás conmigo en que tamén teñen monstruos detrás.Non é pois cousa de non ter mercado, sí de competencia, e aquí e onde ten que ser mellor o Producto.
    Naturalmente estamos a falar de Empresa Privada e supoño que tí tamén na anterior exposición, ou ves tí aos Criadores de Capóns coa capacidade de poder facer unha campaña estacional, para vender 180.000 euros ou 30 Millóns de Pesetas no mellor dos casos.Este ano venderonse aos meus ollos a 30 Euros.Estamos a falar de cantidades que non dan para facer un Producto rendible, e menos si fora feito do xeito artesán,(terian que venderse a máis de 100 Euros o Capón), como cando unha tía miña pagaba as rendas das terras en Capóns.
    E xa finalizo, pois creo que falamos en vano, xa que non creo que a Feira do Capón teña para moitos máis anos,(agás outro enfoque milagreiro), é un soño de media mañá para os que van de "Miranda", non para os Criadores que este ano bufaban máis que nunca.
    En canto ao da captación de subvencións de fondos comunitarios, a verdade que si así é non valerá todo para nada, só para dous ou tres que sabrán como funciona iso,e que intuimos quenes.
    Como ves, creo que máis ou menos falamos do mesmo.
    Saúdos Cordiais e bon ano 2010.

    FENDETESTAS

    16:59 do 5 de xaneiro de 2010

  • Sen animo de ser pesado, pero e que este debate pareceme interesantisimo.
    O capon entraria na categoria de producto premium como o xamon de Jabugo, ainda que con caracterisiticas diferentes. A calidade destes xamons non e o sabor da carne en si, realmente hai que ser case un experto en xamons para distinguir un de 36 meses ( que se alimenta de landras) de un de 24 meses (porco de cebo, alimentado con pienso), senon o valor engadido que o comprador lle otorga o proceso de cria dos porcos. Un xamon de 36 meses difire ostensiblemente en prezo dun de 24. Si as grandes marcas non comercializan xamon de 36 meses e porque seria un suicidio a nivel comercial:para o comprador estes xamons deixarian de identificarse coa cria nas dehesas, desapareceria o compoñente "premium" e o xamon baixaria de prezo, facendose inviable continuar a sua produccion.
    Co capon, pasaria o mesmo, solo que en vez das dehesas e as landras temos que poñer a ceba artesanal e a feira do capon. En canto a calidade da carne do capon, pois o mesmo, quen distingue o capon de Vilalba dun pito campero unha vez plateado? Non moita xente, seguro.

    Enton, vendamos capons todo o ano. Cal seria o compoñente premium que lle quedaria ao capon ou ao caponciño?. Privado de argumentos de venta, como vai a ser rentable?. Como moito chegaria a ser un producto de consumo local.

    O queixo de San Simon non sirve de exemplo para o capon pois non se trata de un producto "premium". E se as pequenas factorias de queixo de San Simon son mais ou menos rentables e porque o mercado potencial deste tipo de queixo e tamen de reducidas proporcions, dentro do mundo dos queixos, claro.

    Polo que se refire a estacionalidade, no mundo vendense anualmente ao redor de 8 millons de quilos de turron de Jijona, o 85% na campaña de Navidad.As angulas (que non as gulas) alcanzan os 1.300 euros por quilo este Nadal. Como vemos, un mercado estacional non ten porque non ser rentable. Os 100 euros por capon non serian unha barreira imbatible si se lle da o enfoque necesario . Claro que haberia que ter sentidiño e facer unha feira para a xente disposta a pagar esos prezos, e non a cotrollada que se fai agora.
    Pero claro, os criadores de Vilalba non son artesans de Alicante nin armadores bilbainos, verdade?
    A verdade e que se poderian facer moitas cousas, pero non se fara nada ou farase o peor posible. E como ben dices, Fendetestas, en beneficio de dous ou tres que saben como "funciona" todo.

    01:47 do 7 de xaneiro de 2010

  • Estimado anónimo anterior, xa leo que estás moi interesado no tema.
    Non pretendo convencerte de nada, e parece que tes coñecementos de mercado, eu non os teño, máis si son de sempre observador e de algún xeito comerciante.
    Insisto no tema do "carto", as magnitudes de movemento de Jabugo ou S.Simón,Jijona son tremendamente maiores que as do Capón, que repito, a Feira como moito deixaría 180.000 euros e estes non dan para facer a promoción necesaria para que seña demandado ao prezo de 100 euros Capón, polo tanto xa non sería redible.Non sei si a túa idea a collo e sería a de "Garantir" un Capón de Calidade có tipo de crianza de "Sempre ou Tradicional", (que hoxe non se fai ao completo),obtendo o resultado de plusvalía que dis.Dado ese suposto a "Feira" tería que ser de outro xeito, (máis marketing), e a producción tería que ser moi superior, cousa que eu non sei cuantificar así de repente, pero a grosso modo o montante habería que equiparalo como mínimo ó nível de vendas do Queixo S. Simón.
    Para rematar decirche que non te creas ó pé da letra o do Jabugo, Jíjona ou calquer outro producto de venda masiva, en esto sí teño coñecementos e funciona máis o "marquismo" que o producto en sí mesmo.
    A min tamén gostaríame que as vendas do Capón deixaran máis cartos, que irian en beneficio de toda a bisbarra.
    Outro xeito sería desestacionalizar a venda,(sempre coa calidade garantida), pois pódese facer como o Jabugo que era un producto de temporada convertido en atemporal, cós medios de hoxe pódese facer, e xa entramos noutro xeito de mercado que en principio sería de alto coste.
    Creo que para agora xa está ben o escrito, retirome a xantar.
    En calquer caso de seguir así creo que non durará moitos máis anos a Feira do Capón.
    Unha aperta.

    14:03 do 9 de xaneiro de 2010

  • Estimado Fendetestas:
    Gracias polo debate aberto, e polo teu interese no tema.
    O fondo da cuestion, para min e sinxelo: en Vilalba hai un producto que vale coma o ouro e non sei por que, parece que hai interese en devalualo, menosprecialo. Evidentemente, para facer o capon rendible pode que houbera que incrementa-la produccion, facer un plan estratexico e estimar todolos factores, pero a dia de hoxe eso non e nada imposible de facer, so hai que tomalo en serio e facelo cos medios e as persoas adecuadas. Desgraciadamente en Vilalba, estmos moi afeitos a tomar as decisions como nas tabernas, deixandonos guiar polo entusiasmo e sen facer nin tan siquera unha pequena refelxion baseada en datos. Por exemplo, lendo a web do Capon de Vilalba, no apartado PROXECTOS DE FUTURO, describese un proxecto de identificacion da carne ideal para a desestacionalizacion. Entre razas e outras descripcions pseudotecnicas, non atopo por ningures ningunha referencia a un sondeo de mercado, cuantificacion da demanda, valor da mesma, etc...E digo eu, con modestia, como faran para fixar obxectivos de venda, cuantificar a produccion necesaria.

    Por outra parte, son da opinion que o capon lle fai falta "marquismo" como ti dis. Ten todalas condicions para convertirse nun producto "premium", de alto nivel. Pero nembargantes as propostas son rebaixalo a un producto de manufactura con baixa demanda ( que non e o mesmo que mercado selecto). A diferencia? Pois esta clara, aparte dun producto rendible economicamente, esta o beneficio que para Vilalba supon ser o orixe deste producto e a capacidade de atraccion de visitantes da feira, a atraccion mediatica que supon, etc...
    Vender caponciños... bueno, haberia que estudiar a donde se poderia chegar,o que e seguro que de beneficios adicionais, nada de nada, como moito unha ou duas familias poderian vivir delo, e sen grandes luxos. Con un producto "premium" quizas non se revolucionaria a vida economica do concello, pero si se daria un pulo, dos moitos que ainda fan falla, para vitalizar Vilalba.

    22:50 do 9 de xaneiro de 2010

  • Estimado Anónimo, xa vexo que insistes,e é curioso pois nunca escoitei a ninguén unha opinión como a túa que creo sintoniza coa miña.
    Cando falas de Devaluación, seguro que te refires aos comentarios dos propios Vilalbeses, pero tes que ter en conta que quenes así opinan non son precisamente os criadores, máis ben os comedores; si lles fas o agasallo dun Capón xa verías como o comian...e con viño bó.Creo que hai que obvialos.
    Tí como eu, veslle ao Capón unha fonte de ingresos que ben poderian ser de alto rango si se fixera algo serio con él.Como vexo que estiveche argallando pola invitote a que compares a información coa realidade, e atoparás semellanzas có do Capón.Eu, que son de Vilalba, teño visto e escoitado moitas cousas que poderian ser beneficiosas para a economía do Concello, pero non se fai nada, e o que é peor parece que estiveramos a velas vir có tema sempiterno do "cruce de camiños", que nos traerá prosperidade, máis o mesmo que a trae, tamén pode que se leve á xente a outros lugares a traballar.
    A miña teima é a despoboación do rural,e os organismos que poden axudar á movilización de sectores productivos conformanse ao parecer coas cousas como están, agás unha empresa de queixos que se está a instalar no Poligono.
    Vaia funme do tema.Sí. eu creo no Capón tal e como se facia,si o caponciño dá cartos pois millor,pero é evidente que si se conseguise unha desestacionalización, (do CAPÓN), sería unha boa fonte de ingresos, tanto ou máis que o queixo de San Simón, o tope só o pon o mercado, no sector primario Vilalba ten moitas potencialidades, de feito hai unhas cantas empresas Cárnicas con sona, perdeuse a producción da Pataca de Vilalba que tantos venderon en Galiza, Asturias, ata León, tamén boa carne de Tenreira, ou o sector Forestal,agora Parques Eólicos, en fin que non se entende moi ben que non haxa máis interese por parte das Institucións e da Empresa Privada, mesmo conxuntamente dando facilidades como o caso da Factoria de Entrepinares e Besnier.
    Ter, eu creo que temos para millorar a nosa potencialidade económica e o progreso sostible e deixar atrás o enquistamento que estamos a sufrir.
    Para rematar creo que tamén hai que poñer en valor e vender estas potencialidades ou outras con Estudos e Datos Serios, que poideramos ter en Vilalba.
    Non é cousa nosa, polo menos miña, sí o é de quenes nos gobernan que deben velar pola nosa progresión cara a millor.
    Unha aperta.

    FENDETESTAS

    19:39 do 11 de xaneiro de 2010

  • Capón para Fraga e Rouco Varela NON

    19:32 do 13 de xaneiro de 2010

Danos a túa opinión