O galego segue a ser a lingua maioritaria en Galicia


Redacción

O galego segue a ser a lingua habitual maioritaria en Galicia, en contra do que podía deducirse do Mapa Sociolingüístico de 2004. Así o afirmou Mauro Fernández, profesor da Universidade da Coruña, no relatorio presentado no seminario “Lingua, sociedade e política en Galicia”, celebrado onte no Consello da Cultura Galega. Un encontro, que terá continuidade noutras tres sesións en 2010, e no que tamén quedou claro que a cuestión lingüística tivo apenas unha influencia residual no comportamento dos electores galegos nas pasadas eleccións autonómicas, tal e como explicaron os politólogos Fermín Bouza e Antón Losada.

Nesta xornada, programada para analizar a situación sociolingúística actual, o profesor Mauro Fernández falou do galego como a lingua habitual maioritaria logo de distintas análises estatísticas entre o Mapa Sociolingüístico de 1992, da Real Academia Galega, e a Enquisa sobre as condicións de vida das familias, elaborada polo Instituto Galego de Estatística en 2003. Datos que sitúan a porcentaxe dos galegofalantes no 61 %. E a variación nun 5 por cento, moi lonxe do 15 por cento que podía deducirse do Mapa 2004, que deixaba aos galegofalantes nun 38´4 por cento no segmento dos 15 aos 54 anos. Unha das causas desas diferencias reside en que as opcións de resposta non foron as mesmas mos Mapas de 1992 e 2004, polo que a comparación entre os dous “resultaba incerta”.

Outro aspecto destacable foi a constatación da irrelevante influencia da cuestión lingüística nas pasadas eleccións autonómicas galegas. Apenas tivo presenza esa variable no comportamento electoral dos galegos, como demostraron os politólogos Fermín Bouza (Universidade Complutense de Madrid) e Antón Losada (Universidade de Santiago), para quen todo debe encontrar a súa explicación nos erros do Goberno Bipartito.

Albert Branchadell (Universidade Autónoma de Barcelona) falou do consenso necesario para lograr un bilingüismo estratéxico, modulando a presenza das linguas no espazo público, pero tendo presente que o bilingüismo garante a posiblidade real de elección por parte dos falantes. Lembrou que en España non existe o dereito a escoller a lingua vehicular no ensino.

O Seminario foi inaugurado polo Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, que insistiu na necesidade de facer da lingua un espazo neutral, como resultado dun acordo básico. Henrique Monteagudo, coordinador do seminario, referiuse á importancia de acertar no diagnóstico, obxectivo dun encontro que se prolongará noutras tres sesións en 2010. Os temas serán: os modelos posibles de oficialidade e da regulación lingüística no sistema educativo, a situación sociolingüística nos medios de comunicación e no ámbito socioeconómico e os modelos de convivencia para o futuro. O ciclo finalizará coa elaboración dun informe que recollerá unha selección dos relatorios e intervencións e un texto de conclusións sometido á consideración dos participantes. Este informe será elevado ao Consello da Cultura Galega.

02/12/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión