O Proxecto Buxiganga segue adiante

Redacción

Unha fin de semana máis, a Área de Cultura da Deputación achegou, grazas ao Proxecto Buxiganga, o teatro afeccionado aos concellos lucenses. Nesta ocasión, foron as compañías Raiolas, O Bardelo, o Grupo de Teatro do Hospital Xeral de Lugo e a Asociación Cultural Falcatrueiros quen presentaron ante os veciños de Begonte, O Vicedo, Quiroga e O Valadouro, respectivamente, unha mostra do seu traballo. Ao remate do ano, as 15 compañías de teatro afeccionado que participan nesta iniciativa pecharán este circuíto logo de realizaren case un cento de representacións en boa parte da xeografía lucense.

A Área de Cultura da Deputación promove e financia esta iniciativa cultural que pretende impulsar e fortalecer a formación, a creación, a produción e a distribución dos distintos espectáculos que elabora o conxunto de grupos de teatro afeccionado que desenvolven a súa actividade nas distintas comarcas lucenses. Deste xeito, nesta primeira fase propíciase e incluso se garante o dereito de que todas estas obras poidan ser representadas en cada un dos concellos que participan, por primeira vez, nun proxecto cultural de semellantes características.

06/12/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión