Obras son amores, tamén en Vilalba


Xulio Xiz

Hoxe vai de obras, desas que principio incomodan, e logo resulta que melloran a nosa vida. E en Vilalba, nestes momentos, hai dúas en marcha que sen ser grandes infraestructuras, van ser recibidas con ledicia polos usuarios dos dous espacios na actualidade pechados por obras.

Cando hai uns días estiven en Vilalba, para ir da igrexa parroquial ó auditorio Carmen Estévez, tiven que dar a volta pola Porta de Encima, a miña rúa, porque por fin está en obras a perigosa escalinata que une ambos lugares.

Xa hai anos o alcalde me comentara que era difícil facer nada nesa escaleira porque o arquitecto proxector se opoñía a que se lle tocara, e obrigaba a que se utilizara como estaba prevista, unha auténtica trampa mortal.

Trátase dunha escaleira con chanzos moi estreitos, sen protección algunha, que as persoas maiores tiñan dificultade para utilizala xa que non hai ningún tipo de apoio para superar a respetable altura.

Agora a escaleira está pechada por obras, incluínas do Plan E de axudas ós concellos. Trátase dunha obra xeitosa, que a ver como queda, pero se ten en conta que os que por alí pasan precisan de seguridade e protección seguro que todos quedaremos contentos.

A outra obra en marcha é a do subterráneo da praza da Constitución, na que se fan obras de acondicionamento do aparcadoiro para a súa utilización como aparcamento de pago, que axude a regularizar o difícil tráfico da zona e proporcionar aloxamento temporal – por horas ou minutos – ós automóbiles dos que precisen facer algunha xestión no contorno da Casa do Concello e unha ampla zona inmediata.

A raiz destas obras, o vello mercado dos martes e os venres, de tradición máis que secular, transformado nun moderno mercadillo, pasou a situarse ó aire libre na praza da Constitución, algún nos soportais da praza, outros no medio e medio, con opinións para todos os gustos, pero na seguridade de que comeza un tempo novo para este xeito de comerciar, acorde co que ocorre en todos os pobos e cidades.

En Lugo este mercadillo – que se celebra os venres- faise na explanada da antiga factoría Frigsa que da á rúa inmediatada, e comerciantes e compradores saben que teñen cita establecida coa conformidade de todos. E mesmo o semanal mercadillo de antigüidades e segunda man que se celebraba os domingos na praza da Soedade, vai pasar á Praza Maior na percura dunha maior dignificación, pero tamén dun maior control por parte do Concello lucense.

O mercado chegou ó exterior da praza da Constitución, para quedarse, xa que nunca volverá ó subterráneo que vai ser aparcamento de pago, e terá que compatibilizar a súa presencia coa feira do capón ou do queixo de San Simón, que como cadran en domingo non teñen problema de colisión. Todo, antes que irse para as instalacións do Campo da Feira, que arredaría os postos do centro do pobo quitándolles colorido e todo o demais.

E xa que falamos da Feira do capón, que ven aí, pensándoo ben, vai haber que darlle a razón ó concello por cambiala de data. En tempos, era o 19 de decembro. Logo, cando melloraron os transportes e non había problema por facer chegar os capóns directamente e a tempo ó consumidor, pasou ó 21. E como o ano pasado o 21 cadrou en domingo, comprobouse o ben que lle sentaba o día festivo á feira, e este ano vai ser o domingo, vinte de decembro. E suponse que a partir de agora, continuara deste xeito. Agardemos que o cambio resulte, e todos quedemos satisfeitos.

Aínda que non veña moito a conto: eu, a semana pasada, fun a dúas degustación do capón das que organiza a Confraría do capón de Vilalba, e quedei – teño que dicilo – moi satisfeito.

02/12/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión