Réquiem por e-norte

Mario Paz González

A coincidencia na desaparición da autodenominada “plataforma aberta de cultura” e-norte coa elección dos directores de dous dos centros de arte máis senlleiros do noroeste —a do portugués Miguel Von Haffe Pérez para o Centro Galego de Arte Contemporánea e a de Agustín Pérez Rubio para o Musac leonés— non semella froito exclusivo da casualidade. Con todo, tampouco debería verse unha relación de causa-efecto entre ámbolos dous feitos. De calquera xeito ía xa tempo que o pasamento de e-norte era a crónica dunha morte anunciada. Certo cansazo fora percibíndose nos seus xestores logo de tres longos anos —catro, se temos en consideración os primeiros preparativos— de frutífera existencia nos que a plataforma chegou a converterse nun referente indiscutible para o mundo artístico do noroeste peninsular e, mesmo, dos seus arredores. Neste sentido, segundo Alfredo Puente, un dos seus administradores, consideraron que a plataforma acadara o seu obxectivo, o cal “pasaba por trazar un mapa das diferentes actitudes e sensibilidades —ou ausencia delas— cara as políticas culturais, focalizado no noroeste da Península”. Con todo, o esgotamento levounos a convocar a comezos de 2009 un concurso de renovación no que non se atopou, paradoxalmente, ningún continuador, entre os milleiros de seguidores que sen dúbida tiñan. 

E-norte nacera no verán de 2006 ao aveiro doutras plataformas semellantes e aínda existentes: e-madrid, e-valencia, e-barcelona e e-sevilla. Como ocorría nelas, a súa finalidade consistiu en alicerzar o terreo da discusión no ámbito artístico nun espazo aberto, accesible tanto ao público especializado como ao gran público, valéndose das múltiples posibilidades de participación que permiten a día de hoxe os avances tecnolóxicos. A súa exclusividade temática era a diferenza fundamental con outros portais de redifusión aínda que, do mesmo xeito que en moitos deles (como o galego Chuza!), eran os propios usuarios os encargados de subir as referencias construíndo, dun xeito colaborativo, un mesto tecido de arquivos. Sabido é que este tipo de formato permite, por riba, a emisión de comentarios, críticas, debates, discusións sen andrómenas nin censuras, libres de restricións, algo que —anonimato polo medio— pode rematar aburando o foro ao converterse nunha arma de dous gumes. Para Alfredo Puente, sen embargo, ofreceuse esta opción porque apostaban desde o comezo “por manter un esforzo con certa carga de pedagoxía, no sentido literal da palabra, asumindo, cando así o requiriu a situación, a responsabilidade de pór unha certa orde nos comentarios, pero sen vontade de acaparar os debates nin acomodalos de antemán aos intereses de ninguén”. E-norte actuaba, pois, de mediador, ofrecendo aos seus seguidores un ágora, un espazo para o debate, a comunicación, a produción de críticas ou, mesmo, a cooperación cultural xestionada, iso si, dun xeito independente, arrincándoa desa periferia á que a ten conducido a institucionalización da cultura. O seu obxectivo inicial —e ideal— consistía, xa que logo, en pór en contacto focos e axentes de actividade cultural afoutando con iso a creación dun tecido social crítico desde a base. 

Nese sentido é probable que e-norte conseguira o seu propósito máis aló do que se puido imaxinar ao comezo. A amplitude destes seguidores excedeu con moito o noroeste peninsular estendéndose a todo o ámbito hispánico. No seo de “Contra e-norte”, sección na que o escritor e artista plástico Bruno Marcos analizaba, segundo as súas propias verbas “as emerxencias do subxacente” no mundo das artes, chegaron a exporse, no que a Galicia se refire, algúns dos debates máis vizosos e intensos xurdidos na existencia da web. “Non é desprezable”, asegúranos Marcos, “que por e-norte pasasen, e baixasen á area da ágora, prebostes, galeristas, xornalistas ou membros de institucións, non sempre dun xeito anónimo, como nos casos de Fernando Castro Flórez, Rafael Doctor, José Luis Brea, Pedro G. Romero ou David Barro, entre moitos outros”. Sirva como exemplo o debate en torno ao Hartismo, movemento estético —con manifesto incluído—, emparentado co británico Stuckism, xurdido da man dos artistas galegos Mariano Casas, Carmen Martín Serantes e Miguel-Anxo Varela. Por mor do seu nacemento recolleuse unha tensa e visceral confrontación entre dúas faccións que se dicían en certa medida representantes de dúas Galicias ben diferentes, rural e urbana —co que isto puidese ter de anacronismo—, unha confrontación que ficou inzada de arroutados comentarios que semellaban ter saído da hiperbólica fantasía dun Rabelais galaico. Estes debates, de ampla participación, estendéronse a outros asuntos de moito máis calado, como a elección dos novos directores do Centro Galego de Arte Contemporánea —o número de opinións chegou a acadar as oitocentas entradas— e do Musac, elevando, en ocasións —e coa axuda do anonimato—, o ton até máis aló do razoable e ocupando o centro do furacán da plataforma. Sen dúbida os temas abordados, adobiados con estas intervencións, non deixaban indiferente a ninguén, polo que os xestores de e-norte decidiron pospor o seu peche até o fallo dos concursos para a dirección dos museos citados. Mesmo se rumorea que os comités encargados da elección fixeron coincidir entre si os anuncios do seu fallo para evitar reabrir o coloquio. 

Tras o peche, “un profesor da Universidade da Coruña”, cóntanos Bruno Marcos, “solicitou facerse con parte do debatido para levar a cabo un estudo sobre a situación artística en Galicia. Tamén se falou de sepultar os discos duros, que ningunha institución quixo custodiar, no cemiterio de cousas artísticas de Morille (Salamanca), cabo das cinzas de Klosowsky, o Pontiac de Utray e a performance de Esther Ferrer [idea, ao parecer, apoiada polo crítico Fernando Castro]. Finalmente, o administrador xefe e outro administrador, Abelardo Gil-Fournier, decidiron reducir e-norte mediante un algoritmo a un arquivo minúsculo, como unha Big Crunch”. 

Facendo balance da súa singradura, para o equipo de e-norte, á espreita dun novo reto, ábrese agora, segundo sinala Alfredo Puente, “un tempo para establecer as súas propias conclusións e asimilar, con perspectiva, pros e contras do proxecto”. Sexa como for, co súbito esvaecemento do portal, o mundo das artes perdeu un dos seus máis precisos e preciosos baluartes no que se escalaron banzos abondo como para enarborar unha bandeira de liberdade que, se cadra, dificilmente poderá acadarse de novo.

23 de dec. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión