Revista avozdevilalba.com


Redacción

Xa está a dispor dos lectores o número 19 da revista avozdevilalba.com, que recolle os contidos da web no mes de decembro.

Pódese descargar premendo na imaxe.


31 de dec. de 2009

Presentadas as reedicións do Caderno de Estudos Chairegos

Redacción

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Antón Bao, presentou esta mañá na Casa da Cultura de Vilalba, acompañado do presidente do Instituto de Estudios Chairegos (IESCHA), Manuel Castro Santamariña, a reedición dos números 1 e 3 do Caderno de Estudos Chairegos, que levou a cabo a asociación homónima co apoio da Área de Cultura da Deputación. A reedición destes dous números, así como outras edicións e actividades promovidas pola entidade cultural vilalbesa, fíxose realidade grazas á estreita colaboración entre a Área de Cultura da Deputación e o Instituto de Estudos Chairegos.

Na súa intervención, Bao destacou o “traballo abnegado do Instituto de Estudos Chairegos a prol da recuperación, revitalización e investigación do noso patrimonio cultural, sinal de identidade que nos identifica como pobo”. Por iso, Bao manifestou que “desde a entrada no goberno da Deputación, desde a Área de Cultura sempre tivemos claro que para dinamizar culturalmente Lugo e o País era necesario apoiar o asociacionismo, xerme de ideas e motor cultural e social”. Deste xeito, Antón Bao remarcou que “a Deputación de Lugo estará sempre axudando a todos aqueles colectivos que, como o IESCHA, traballan para manter vivos unha cultura, un idioma – e máis nestes tempos nos que se está vendo continuamente ameazado a teor da resposta social que hoxe vai haber a favor do fomento da lingua- e todos aqueles elementos culturais que edificaron a nosa historia como pobo e cuxa preservación e valorización resultan fundamentais para manter viva a nosa identidade”.

30 de dec. de 2009

O río que nos une


Iago Castro e Rui C. Martíns

"Se imaginássemos que os Estados centrais implodiam, a Galiza e o Norte de Portugal formam claramente um país, partilhando características muito próprias"
José Albino Da Silva Pereira
Entrevista no Jornal de Notícias 19/12/09

O autor desta frase é nin máis nin menos que o presidente do Conselho Económico e Social da República Portuguesa, recentemente eleito por maioría de dous terzos na Asemblea da República, membro do Partido Social Democrata, ex-deputado europeu e ex-ministro de emprego e Segurança Social nos gobernos de Cavaco Silva.

Cada vez somos máis os que concordamos nesta idea. De facto, é a que fai que esteamos a escreber estas liñas, a catro mans, dous minhotos que hai tempo nos tratamos de compatriotas, a pesares de termos diferentes pasaportes, e que ultrapasamos constantemente esa fronteira cada vez máis artificial.

Nesta Europa que procura, por primeira vez na historia, unha identidade común, as identidades particulares que forman o conxunto cobran cada vez máis importancia. É neste proceso de construción onde ten sentido repensar a identidade minhota como referente común a máis de seis millóns de persoas que viven en ambalasdúas beiras do pai Minho e que comparten sinaladas características comúns alén da língua e a cultura.

O contexto actual débenos facer reflexionar sobre as posibilidades desa “implosión” dos estados actuais que Da Silva tan só imaxina. Portugal leva xa demasiado tempo mergullado nunha fonda crise que o centralismo lisboeta non contribúe a minguar. Alén diso, a fracasada regionalizaçao sometida a referendo en 1998, e que a caste política non tomou abondo en serio, obtivo sen embargo na altura un claro respaldo nas zonas urbanas do norte -trunfou o si en Porto, Matosinhos, Viana do Castelo, etc.- Pola contra, a alta abstención e a negativa global do electorado relegaron ao esquecemento unha reforma a cada paso máis necesaria, debido á crecente conciencia de boa parte da poboación “periférica” portuguesa do cada vez maior desequilibrio en cuestións como as infraestruturas, o gasto público, etc.

Na España, pola súa banda, non é política-ficción pensar nunha secesión catalá máis próxima do que poida parecer, e non axuda nada esoutro centralismo madrileño incapaz de pactar un modelo de estado máis plural e integrador que o actual. Neste escenario, unha España sen Catalunya, quedaría por ver se é posíbel manter o actual status quo entre as diversas “nacionalidades e rexións” que proclama o texto constitucional.

É por iso que, alén de ideoloxías ou sentimentos, deberiamos comezar a pensar nas cousas que nos unen, nas enormes posibilidades deste país que, aínda dividido entre dous estados, posúe un serio potencial de futuro. A re-unión das Galecias lucense e bracarense precisa que tomemos conciencia de sermos algo máis que bos veciños.

Feliz aninovo nunha copa de dúbidas


Fermín Bouza

Tampouco parece que de momento o mundo teña grandes solucións á vista. Dun lado da barricada unha banda de fanáticos que opera en nome de Deus trata de derrubar avións civís, voar edificios civís e causar o maior dano posible ás poboacións civís. Un grupo que interpreta o mundo en termos relixiosos e raciais e que ten unha versión da Providencia similar á daqueles cristiáns medievais e non tan medievais que fixeron cruzadas exteriores e interiores tamén en nome de Deus, por suposto.

Canto dano físico, só en vidas humanas, causaron as ideas relixiosas así interpretadas? Canto amor de Deus había en cada un dos asasinos de centos de miles de cidadáns exterminados polo réxime fascista que dominou corenta anos este estado español ou España, se vostedes queren?

Dende o comezo do humano as ideas relixiosas estiveron na base de todas as guerras e desastres, ofrecendo como contrapeso a boa fe e o bo traballo duns puñados dos seus mellores militantes, que nunca determinaron a evolución do conxunto do cristianismo. Foron os anarquistas os que quizais tomaron demasiado en serio todo isto até considerar ao relixioso e aos relixiosos os auténticos inimigos do home civilizado, o que levou tamén a excesos non menos relixiosos no fondo que aqueles aos que se pretendía combater.

Se o relixioso deixa de ser a solidariedade entre os homes e algún esperanzado sentimento do divino ou transcendente que nos leva a outros mundos trasmundanos, e se converte, da man de humanos imperfectos e represores, nun sistema de restricións, entón o relixioso non é máis que un insoportable substituto da lei civil, unha farsa represiva e antidemocrática que pode patrocinar toda clase de crimes (e castigos).

É certo que houbo seres exemplares nas relixións, tamén no cristianismo, pero non é esa a cuestión, porque sempre hai seres excepcionais en todo, mesmo nos maiores vertedoiros políticos. Eu falo de seres normais, de subir a que podemos chamar taxa de normalidade, o sentido común ben entendido ou algo intuitivo no que case todos poderiamos coincidir como un estado desexable de "normalidade" humana. Eu estou convencido de que a maioría da poboación, cristiáns e musulmáns incluídos, van por aí.

Pero no mundo mandan as minorías, sempre o fixeron. En fronte daqueles fanáticos que soñan en derrubar avións, tirar edificios (a Catedral do meu pobo é un deles) ou afundir barcos, unha serie de países desenvolvidos disponse a saír da crise sen abordar unha soa medida de fondo que garanta unha menor posibilidade de repetición. Incrementaranse os controis financeiros durante unha tempada, e despois a esperar outra igual por que, finalmente, resultan moi rendibles estas amargas crises nas que sempre sofren os outros.

A esquerda non fracasa por falta de ideas e iniciativas, que as ten (tamén atesoura certa herdanza mitolóxica e lendaria bastante inútil, como parte que foi do proceso de evolución do cristianismo e doutras ideas de aspecto solidario), senón pola enrevesada construción do real que entre todos fixemos e que fai case imposible darlle a volta ás cousas e programar algunhas novidades cara a un futuro mellor. Fixémolo entre todos, pero algúns sacaron un gran partido diso e non están dispostos a cambialo. A inercia dos mitos lévanos de novo cara a ningunha parte.

E unha pinga local: en Galicia agardamos un decreto que reduza o 50% de clases en galego (a nosa lingua propia, segundo a mellor ciencia e segundo a Constitución española pola vía do noso Estatuto de Autonomía), e así seguimos avanzando cara á nosa disolución, que tamén dará grandes réditos a uns poucos. A pesar de todo, haberá que celebrar o fin do ano 2009, e que non volva. Se cadra no 2010 seguiremos soñando e combatendo con algunha racionalidade fronte a todas estas cousas absurdas. Venceremos, por suposto. E que haxa saúde.

Feliz 2010 a todos.

O futuro do capón


Xulio Xiz

Celebrada a vilalbesa Feira do Capón, volvo a ela pola repercusión que tivo en diversos medios informativos.

Non fun á feira esta última vez, aínda que a noite anterior vin xa montada a carpa e comprobei que de noite quedaban funcionando os aparatos de quentar o aire para que o ambiente da mañanciña non fose demasiado xélido.

Todos agardábamos moito desta feira do capón, por entender que a pesar da crise existente, o noso primeiro produto do Nadal daría superado calquera dificultade. E en principio foi así e todas as crónicas previas e do mesmo día estaban tinguidas de optimismo mencionando “La Voz” que se buscaba un precio de referencia, que parecía poder estar arredor de 100 euros por exemplar. De todos os xeitos eu vin mercar na feira de dous mil oito dous exemplares por cen euros: A verdade é que eran ben pequenos e foi ó final da feira cando o vendedor non quería volver con eles para a casa.

A concelleira de mercados, Cheri Grandío, afirmaba – e con razón- que este é un produto asegurado, que a xente reserva como agasallo de Nadal. Falamos de 66 criadores e 1.800 exemplares que podían entrar na feira, co que se se conseguise ese precio tipo anceiado falariamos de 180.000€, trinta millóns das antigas pesetas, cantidade como a ter en conta se consideramos que é un produto criado na casa con bastante facilidade, que complementa sustanciosamente a renda familiar.

Pero vivimos moito do que por aí diante se conta de nós, e no xornal “Galicia Hoxe” o titular non era moi ledo: “Feira do capón: moita xente, baixos prezos”, sinalando que foi a máis concorrida dos últimos tempos pero que a crise fíxose notar lixeiramente.

“La Región”, de Ourense –en crónica de axencias- titulaba “Vilalba vivió la feria del capón más concurrida, aunque el precio y las ventas sufrieron la crisis”, mencionando que os precios se resentiron lixeiramente, e comentando que diante da abundancia do produto os compradores retraéronse.

Por fin, “Faro de Vigo” dedícalle a última páxina do xornal titulando a catro columnas “El capón de Vilalba, también en crisis”, sinalando que só os primeiros pares da feira do capón lograron unha cotización similar á do ano pasado de cen euros por cabeza. Destaca asimesmo a gran afluencia de público, e comenta a curiosidade que se ben en tempos o capón era moeda de pago de fóros e alugueres, na actualidade só se sabe dun caso en Mourence onde o criador aínda paga con capóns as terras e o pazo que ten alugados.

Agora, hai que mirar para o futuro, confiar en que a crise remate, e agardar que a política que siga o concello beneficie o sector. Que en Castro de Rei xa van facer a primeira festa da galiña de Mos para darlle unha saída económica a esta ave en fase de recuperación, e aquí algo haberá que facer con eses “caponciños” que poden complementar a oferta, pero clarificando moito a diferencia.

Se se pretende seguir cobrando noventa ou cen euros por exemplar de capón – que me parece moi ben, polo traballo e o prestixio – polos caponciños que se ofrezan, con cinco meses, menos traballo e polo tanto de inferior calidade, e que van ser comercializados a un prezo de arredor de trinta euros exemplar, hai que especificar moi ben a diferencia, clarificar que un producto é de primeira e outro de segunda, ou calquera outro matiz que deixe moi claro que o Capón de Vilalba é diferente a todo o demáis.

En fin: que o que hai que pretender é o beneficio dos vilalbeses dedicados á cría do capón.

Feliz aninovo a todos.

Presentación de libros


Redacción

O Instituto de Estudos Chairegos presentará o vindeiro mércores, día 30, ás 12:30 no salón de actos da Casa da Cultura de Vilalba a reedición dos Cadernos de Estudos Chairegos números 1 e 3,

No acto, no que participarán Antón Bao, vicepresidente 1º da Deputación de Lugo e Manuel Castro, presidente do IESCHA, presentarase tamén o Boletín "Pena do Encanto" correspondente a este 2009, así como o convenio asinado entrambas entidades.

28 de dec. de 2009

Aguarelas de Eduardo Zurita


Redacción

O pintor cordobés afincado en Vilalba Eduardo Zurita de la Vega expón as súas aguarelas na sala de exposicións do auditorio de Vilalba, dende o pasado 18 de decembro e até o 6 de xaneiro.

O artista presenta unha variada temática na que dominan as paisaxes vilalbesas.

Máis información sobre o artista na súa web: www.ezurita.com

Vilalba, la nuit

Xulio Xiz

Recentemente, puiden disfrutar de “Vilalba la nuit” xunto con medio cento de visitantes, membros do Orfeón Lucense e solistas amigos, que acudiron ó auditorio Carmen Estévez a ofrecer un concerto de cancións do Nadal.

Hai que recoñecer que a noite estaba fría, que non invitaba a andar por fóra, pero é que por fóra non andaba ninguén. Chegamos ás sete e media da tarde, cunha temperatura de Cero grados, que se ben chegou a ser aló por Noche dun baixo cero, en Vilalba volveu subir. Cando nos fomos, perto da medianoite, xa andabamos polos dous e medio baixo cero.

No Auditorio, algo máis de medio cento de persoas – máis ou menos tantas como actuantes- que seguiron fervorosamente a actuación nun clima cálido resultante da boa calefacción da instalación e no entusiasmo dos melómanos.

Logo fomos a pé desde o Auditorio ó Centro Cultural tomar uns pinchos agasallo do concello, e sentinme na obriga de explicar que se Vilalba parecía unha cidade deserta era polo frío, pero non colou porque houbo alguén que me respostou que non estaba máis nin menos deserta que todos os pobos e cidades lucenses pola noite, que non hai quen ande polo exterior.

Nin, polo que se ve, polos interiores xa que chegados ó Centro Cultural – sábado, arredor das dez da noite- non chegaba a media ducia o número de socios existentes na cafetería. Sen embargo cando saímos, polas rúas empezaban a aparecer rapaces novos, como despistados por ser demasiado cedo para saír de troula.

Eu non sei – ou resulta que o sei demasiado ben- o que ocorre nas nosas cidades e pobos que de noite fican desertos. Non sei que ocorre cos nosos cómodos ósos que fican asentados nos pisos con calefacción, de xeito que as poucas veces que sallo en horas desusadas – dez ou once da noite, que tampouco é tan tarde – a miña muller é máis eu non só somos os máis veteranos da concorrencia senón que a maioría dos –paseantes, por chamarlles algo- son bastantes máis novos ca os nosos fillos.

Ou sexa, que “Vilalba la nuit”, de inverno é un pouco tristeira. Iluminada, sí, que lucían bombillas en todas as rúas, e así lles puiden sinalar a miña casa natal da Porta de Cima ós amigos visitantes, indicándoa de lonxe con referencia a un farol inmediato. E todas as rúas circundantes con lastras e pedras que evidencian a atención que se está tendo co núcleo histórico do noso pobo. Pero xentiña, moi pouca.

Eu ben comprendo que non son os tempos de antano nos que moita vida se facía na rúa, onde nas casas non había nin o confort nin os medios de agora, pero saíase moito máis ó exterior, as casas non eran como caixas fortes para gardar a xente das inclemencias do exterior polo que non circula ninguén.

Se vale como consolo, en Lugo pasa o mesmo. No centro histórico, en canto dan as dez, non quedan nin os serenos, que non hai. Volvemos a un xeito moderno de medioevo, que nos arreda do exterior na percura da seguridade, por medo á escuridade e ó frío.

Vilalba la nuit, alomenos en inverno, é un ermo frío e solitario.

Foto: P. Naseiro

27 de dec. de 2009

O Apalpador volve ao Nadal lucense


Redacción

O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antón Bao, anunciou esta mañá a iniciativa posta en marcha pola Área de Cultura da Deputación para recuperar a figura do Apalpador, unha personaxe tradicional do Nadal lugués que procede das montañas do Caurel, de onde baixa no Nadal para apalpar as barrigas dos nenos e nenas de Galiza para comprobar se teñen fame e deixarlle unha presada de castañas e agasallos.

Segundo sinalou Antón Bao, “recuperar a figura do Apalpador, por desgraza case desaparecida en Galiza, é recuperar unha serie de valores identitarios, culturais e de respecto para os nenos e nenas de man dunha tradición que asenta as súas raíces no fondo da historia nación galega”. Por este motivo, a Área de Cultura da Deputación quixo que o Nadal lucense contase coa visita do Apalpador dentro das actividades que se organizan.

O Apalpador sairá mañá, día 25, ás 18:00 horas da rúa Bispo Aguirre, percorrerá a praza Maior, a rúa da Raiña e a Praza. de Sto. Domingo para chegar ás 18:30 a diante da Deputación, onde recibirá aos nenos e nenas con castañas para encher os seus bandullos.

O vello Apalpador, ou Pandegueiro como se lle chama en partes do oriente ourensán, é unha figura lendaria galega que achega os agasallos aos nenos polas datas de Nadal. Este xigante, de oficio carboeiro, baixaba das devesas e apalpaba as barriguiñas dos cativos. Se estaban cheas dicía: «así, así esteas todo o ano» e deixáballes unha presa de castañas. Senón calaba, pero deixáballes tamén as castañas.

Ten un tronco común con outras tradicións europeas e do norte de España (Olentzero vasco e Esteru astur-cántabro) e probabelmente a mesma orixe, pero que desgrazadamente en Galiza estaba practicamente esquecido. O rito da Noite do Apalpadoiro foi descrito por varios estudosos e a figura do personaxe refírese na zona da montaña lucense e, nomeadamente, no Courel.

24 de dec. de 2009

Bo Nadal a todos co "Himno galego"

Redacción
A Voz de Vilalba quere agradecer a fidelidade dos seus seguidores e felicitarlles este Nadal, cos mellores desexos de saúde e sorte para o vindeiro ano 2010, que agardamos veña acompañado de parabens para a lingua e a cultura galega. Neste senso, ofrecémoslles en exclusiva este vídeo no que, xunto a diversos símbolos emblemáticos da nosa terra, pode escoitarse a versión do "Himno galego" interpretada por A banda íntima de Martin Frost. Bo Nadal a Aninovo a todos.

23 de dec. de 2009

Réquiem por e-norte

Mario Paz González

A coincidencia na desaparición da autodenominada “plataforma aberta de cultura” e-norte coa elección dos directores de dous dos centros de arte máis senlleiros do noroeste —a do portugués Miguel Von Haffe Pérez para o Centro Galego de Arte Contemporánea e a de Agustín Pérez Rubio para o Musac leonés— non semella froito exclusivo da casualidade. Con todo, tampouco debería verse unha relación de causa-efecto entre ámbolos dous feitos. De calquera xeito ía xa tempo que o pasamento de e-norte era a crónica dunha morte anunciada. Certo cansazo fora percibíndose nos seus xestores logo de tres longos anos —catro, se temos en consideración os primeiros preparativos— de frutífera existencia nos que a plataforma chegou a converterse nun referente indiscutible para o mundo artístico do noroeste peninsular e, mesmo, dos seus arredores. Neste sentido, segundo Alfredo Puente, un dos seus administradores, consideraron que a plataforma acadara o seu obxectivo, o cal “pasaba por trazar un mapa das diferentes actitudes e sensibilidades —ou ausencia delas— cara as políticas culturais, focalizado no noroeste da Península”. Con todo, o esgotamento levounos a convocar a comezos de 2009 un concurso de renovación no que non se atopou, paradoxalmente, ningún continuador, entre os milleiros de seguidores que sen dúbida tiñan. 

E-norte nacera no verán de 2006 ao aveiro doutras plataformas semellantes e aínda existentes: e-madrid, e-valencia, e-barcelona e e-sevilla. Como ocorría nelas, a súa finalidade consistiu en alicerzar o terreo da discusión no ámbito artístico nun espazo aberto, accesible tanto ao público especializado como ao gran público, valéndose das múltiples posibilidades de participación que permiten a día de hoxe os avances tecnolóxicos. A súa exclusividade temática era a diferenza fundamental con outros portais de redifusión aínda que, do mesmo xeito que en moitos deles (como o galego Chuza!), eran os propios usuarios os encargados de subir as referencias construíndo, dun xeito colaborativo, un mesto tecido de arquivos. Sabido é que este tipo de formato permite, por riba, a emisión de comentarios, críticas, debates, discusións sen andrómenas nin censuras, libres de restricións, algo que —anonimato polo medio— pode rematar aburando o foro ao converterse nunha arma de dous gumes. Para Alfredo Puente, sen embargo, ofreceuse esta opción porque apostaban desde o comezo “por manter un esforzo con certa carga de pedagoxía, no sentido literal da palabra, asumindo, cando así o requiriu a situación, a responsabilidade de pór unha certa orde nos comentarios, pero sen vontade de acaparar os debates nin acomodalos de antemán aos intereses de ninguén”. E-norte actuaba, pois, de mediador, ofrecendo aos seus seguidores un ágora, un espazo para o debate, a comunicación, a produción de críticas ou, mesmo, a cooperación cultural xestionada, iso si, dun xeito independente, arrincándoa desa periferia á que a ten conducido a institucionalización da cultura. O seu obxectivo inicial —e ideal— consistía, xa que logo, en pór en contacto focos e axentes de actividade cultural afoutando con iso a creación dun tecido social crítico desde a base. 

Nese sentido é probable que e-norte conseguira o seu propósito máis aló do que se puido imaxinar ao comezo. A amplitude destes seguidores excedeu con moito o noroeste peninsular estendéndose a todo o ámbito hispánico. No seo de “Contra e-norte”, sección na que o escritor e artista plástico Bruno Marcos analizaba, segundo as súas propias verbas “as emerxencias do subxacente” no mundo das artes, chegaron a exporse, no que a Galicia se refire, algúns dos debates máis vizosos e intensos xurdidos na existencia da web. “Non é desprezable”, asegúranos Marcos, “que por e-norte pasasen, e baixasen á area da ágora, prebostes, galeristas, xornalistas ou membros de institucións, non sempre dun xeito anónimo, como nos casos de Fernando Castro Flórez, Rafael Doctor, José Luis Brea, Pedro G. Romero ou David Barro, entre moitos outros”. Sirva como exemplo o debate en torno ao Hartismo, movemento estético —con manifesto incluído—, emparentado co británico Stuckism, xurdido da man dos artistas galegos Mariano Casas, Carmen Martín Serantes e Miguel-Anxo Varela. Por mor do seu nacemento recolleuse unha tensa e visceral confrontación entre dúas faccións que se dicían en certa medida representantes de dúas Galicias ben diferentes, rural e urbana —co que isto puidese ter de anacronismo—, unha confrontación que ficou inzada de arroutados comentarios que semellaban ter saído da hiperbólica fantasía dun Rabelais galaico. Estes debates, de ampla participación, estendéronse a outros asuntos de moito máis calado, como a elección dos novos directores do Centro Galego de Arte Contemporánea —o número de opinións chegou a acadar as oitocentas entradas— e do Musac, elevando, en ocasións —e coa axuda do anonimato—, o ton até máis aló do razoable e ocupando o centro do furacán da plataforma. Sen dúbida os temas abordados, adobiados con estas intervencións, non deixaban indiferente a ninguén, polo que os xestores de e-norte decidiron pospor o seu peche até o fallo dos concursos para a dirección dos museos citados. Mesmo se rumorea que os comités encargados da elección fixeron coincidir entre si os anuncios do seu fallo para evitar reabrir o coloquio. 

Tras o peche, “un profesor da Universidade da Coruña”, cóntanos Bruno Marcos, “solicitou facerse con parte do debatido para levar a cabo un estudo sobre a situación artística en Galicia. Tamén se falou de sepultar os discos duros, que ningunha institución quixo custodiar, no cemiterio de cousas artísticas de Morille (Salamanca), cabo das cinzas de Klosowsky, o Pontiac de Utray e a performance de Esther Ferrer [idea, ao parecer, apoiada polo crítico Fernando Castro]. Finalmente, o administrador xefe e outro administrador, Abelardo Gil-Fournier, decidiron reducir e-norte mediante un algoritmo a un arquivo minúsculo, como unha Big Crunch”. 

Facendo balance da súa singradura, para o equipo de e-norte, á espreita dun novo reto, ábrese agora, segundo sinala Alfredo Puente, “un tempo para establecer as súas propias conclusións e asimilar, con perspectiva, pros e contras do proxecto”. Sexa como for, co súbito esvaecemento do portal, o mundo das artes perdeu un dos seus máis precisos e preciosos baluartes no que se escalaron banzos abondo como para enarborar unha bandeira de liberdade que, se cadra, dificilmente poderá acadarse de novo.

Darío Villanueva, novo secretario da RAE

Redacción
O filólogo e crítico literario chairego Darío Villanueva Prieto (Vilalba, 1950), experto en Teoría da Literatura, foi designado novo secretario da Real Academia Española na última sesión plenaria da mesma en substitución de José Manuel Blecua, que ocupaba este cargo desde xaneiro de 2007. Nesa mesma sesión elixiuse José María Merino como vicesecretario.

No currículo de Darío Villanueva figura unha máis que destacable traxectoria. Coma fitos destacados dela compre lembrar que foi Reitor da Universidade de Santiago de Compostela desde 1994 até 2002 e que ademáis é autor de numerosos ensaios sobre diferentes escritores como Valle-Inclán, Azorín, Torrente Ballester, Sánchez Ferlosio, Cela, Emilia Pardo Bazán ou Quevedo. Tamén é membro da Fundación Camilo José Cela e do comité científico da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, e patrón de diferentes institucións, entre elas do Centro Galego de Arte Contemporánea. Por outra banda é académico da Lingua desde o 5 de xullo de 2007, data na que foi elixido para ocupar a vacante de Alonso Zamora Vicente.

Nos seu discurso de ingreso, "O Quixote antes do cinema", amosou, segundo as súas verbas, "o gran potencial cinematográfico" que encerra o clásico de Cervantes. Villanueva non puido asistir á sesión na que se produciu a súa elección, o xoves pola noite, porque está aínda convalecente dun accidente automobilístico que sufriu fai tres meses. Se ser secretario da Real Academia Española esixe unha gran dedicación, pois del depende, entre outras funcións, tanto a coordinación das diferentes comisións de traballo da RAE como a canalización das consultas que chegan desde o exterior sobre dúbidas relacionadas co idioma ou con propostas de novos termos para o Dicionario, o seu novo cargo vaino obligar a trasladarse de Galicia a Madrid con máis asiduidade que até agora.

Feijóo9 versus Doutor OU


Moncho Paz

Tras a xira mediática polas Américas e completamente enfrascado na polémica das caixas, o noso axente secreto non agardaba que o Doutor OU, especialista en medir tempos, tivera preparado un mecanismo de acción-reacción como o que puxo en marcha a pasada semana. Imitando aos clásicos campións de xadrez, o pequeniño moveu as súas pezas –en horizontal, vertical e diagonal– e deixou tremendo a Feijóo9, que agora quere desligarse das intrigas artelladas dende os cenáculos do MMLP (Movemento Mariano Liberado do Poleiro).

O que moito abrangue, pouco aperta. O político xestor, “que non malgasta o tempo na imaxe, en buscar a foto”, en palabras de Javier Arenas, pode sair escaldado da operación Ourense, a segunda provincia galega con máis concellos, a un tiro das municipais. Hai un sector do PP que, por convicción ou por necesidade de autoconvencemento, non deixa de repetir ata a saciedade que “nunca un presidente galego tivo tanto poder como Alberto”. Un caso clínico de falsa seguridade: pensar que as baronías provinciais desapareceron por arte de birlibirloque é motivo dabondo para que se reabra a fenda e, como consecuencia, estea en perigo a “licenza para gobernar”. De feito, este pode ser unha das causas que expliquen a presenza pública, nas últimas semanas, da longa sombra de Romay.

21 de dec. de 2009

Exposición fotográfica "60 anos con Cantigas e Frores"

Redacción

A Asociación Cultural “Cántigas e Frores” de Lugo, ven de organizar unha exposición fotográfica na que se recollen as distintas etapas polas que pasou a asociación ao longo dos seus máis de 60 anos. Para isto, a Asociación Cultural Cántigas e Frores contou con un amplo arquivo fotográfico, no que se reflexa toda a súa historia, dende os primeiros anos coa coral ata os nosos días. Cántigas e Frores quere recoñecer con esta exposición a laboura que durante máis de 60 anos realizaron todas as persoas que pasaron pola entidade, logrando dinamizar a vida cultural de Lugo, e intentando que a música e baile tradicionais tiveran unha grande presenza no transcorrer cotiá da cidade.

Son por tanto, 60 anos de historia dunha asociación que tivo e ten, por finalidade principal, o traballo en prol da cultura tradicional galega, o seu estudio, fomento e divulgación; sen olvidar outro dos seus obxectivos, que é a dinamización da vida cultural lucense. Ésta exposición permanecerá aberta durante todo o Nadal, dende o día 22 de Decembro do 2009 ata o día 10 de Xaneiro do 2010 no Complexo Residencial Xuvenil Lug II, na Rúa Pintor Corredoira nº 4 de Lugo. A inauguración terá lugar o vindeiro martes 22 de Decembro ás 20.30 h

A asociación cultural “Cantigas e Frores” foi creada no ano 1948 como unión das agrupacións “Frores e Silveiras” e “Cantigas e Aturuxos”. Ambas agrupacións procedían da excisión do “Orfeón Galego” que dirixía o mestre Xoán Montes. Dende esta época a Asociación Cultural “Cantigas e Frores” estivo e está vencellada á dinamización da vida cultural lucense. É membro fundador da Federación Galega de Grupos de Danzas e máis da Federación Española de Agrupacións de Folclore. Organiza tódolos anos cursos sobre cultura tradicional e outras manifestacións culturais vencelladas con ela.

A Asociación Cultural “Cantigas e Frores” participou de xeito continuo en actuacións e festivais coa súa coral, grupo de danzas e grupo de gaitas. Estas actuacións tiveron lugar por toda a Península Ibérica (Andalucía, Aragón, Baleares, Canarias, Cantabria, Castela León, Castela-A Mancha, Cataluña, Comunidade Valenciana, Galicia, A Rioxa, Madrid, Murcia, País Vasco, Portugal e Principado de Asturias) e fora de esta (China, Arxentina, Bélxica, Brasil, Cuba e Francia).

Na actualidade conta con perto de 300 socios e as súas escolas acollen a máis de 180 alumnos cada ano, ademais dos 120 que asisten ó “Curso de cultura tradicional Galega” na Semana Santa.
As súas actividades actuais inclúen:
• Actuacións dos grupos de gaitas, banda de gaitas, cantareiras e grupo de baile.
• Actividades docentes cos grupos infantís, xuvenís e de adultos (iniciación en varios niveis, e perfeccionamento) de gaita, percusión tradicional, baile tradicional, acordeón, canto e pandeireta e linguaxe musical
• Organización “Curso de cultura tradicional Galega” que se realiza todos os anos coincidindo coa Semana Santa
• Organización do Festival de Cultura Tradicional no San Froilán.
Outros obxectivos da asociación son:
• Estudio, fomento e divulgación da cultura tradicional galega.
• Creación de un arquivo fonográfico, videográfico e bibliográfico sobre a actividade da asociación, co material recollido durante os máis de 60 anos da súa existencia.
• Edición de publicacións.
• Asesoramento a entidades públicas e privadas de ámbito local no relativo á música e ó baile tradicionais.
• Organización de cursos específicos e seminarios.
• Encontros de música e baile tradicional.
• Exposicións de artesanía e fotografía.
• Viaxes e visitas formativas e de lecer.

Xuvenlugo 2009

Redacción

O vicepresidente da Deputación, Antón Bao, inaugurou esta tarde de xeito oficial a XII edición da Feira de Ocio Xuvenlugo, a alternativa de ocio de Nadal xa consolidada na cidade da muralla. Malia que Xuvenlugo xa abriu as súas portas durante as outras dúas fins de semana de decembro, desde hoxe poderán achegarse ás actividades que no recinto feiral se levan a cabo todas as persoas que o desexen até o 10 de xaneiro de 2010. Os 32 proxectos que conforman o programa de actividades de Xuvenlugo para este Nadal están instalados nos dous pavillóns e máis no corredor do recinto feiral ocupando unha extensión de terreo superior aos 10.000 m2. A organización do evento destinou uns 80.000 euros para a posta en marcha dunha iniciativa na que participaron unha media de 25.000 persoas en cada unha das súas edicións.

Na súa intervención, Antón Bao asegurou que “dende a Deputación e, concretamente dende a súa Vicepresidencia Primeira, cremos que aínda estando en tempos de crise, e tendo en conta as dificultades que isto entraña para as arcas das institucións públicas, debemos facer un gran esforzo para continuar ofrecéndolles ás familias lucenses este tipo de actividades lúdicas e formativas que permiten conciliar a súa vida laboral e familiar durante as vacacións de Nadal”. Alén disto, o nacionalista lembrou que “todos debemos facer un esforzo para evitar que crise leve por diante os proxectos culturais e deportivos” que un bo número de entidades e asociacións desenvolven con gran afán nas distintas comarcas contando, sempre e cando así o soliciten, o apoio da Área de Cultura e Deportes da Deputación de Lugo.

Seguindo coa súa exposición, o vicepresidente da Deputación falou do apoio económico á feira de ocio Xuvenlugo para que esta puidese saír adiante nun contexto económico desfavorable pensando sempre nos lucenses e nas súas necesidades. Logo disto, Antón Bao quixo salientar a necesidade de “manter vivos” determinados espazos da cidade, como é o caso do Pazo de Feiras de Congresos, achegándoos á sociedade e abríndoos a todo tipo de actividades que enriquecerían a vida cultural, social e deportiva da capital lucense e do resto dos concellos.

PROGRAMA XUVENLUGO 2009

Pavillón1: “Multiaventura” (12 a 16 anos)
• Pista profesional de karting e pista infantil de karts.
• Paintball.
• Rocódromo.
• Tirolina.
• Pista de minigolf.
• Columpio.
• Pista de Slot.

Pavillón 2: “Lúdica” (ata os 12 anos)
• Espazo infantil (xogos de psicomotricidade, animación á lectura, contacontos, quebracabezas, cancións, inchables, etc)
• Atraccións (tren da bruxa, saltamontes, scalextric, break-dance, toros mecánicos, coches de choque, etc)
• Obradoiro de videoxogos
• Obradoiros de animación (globoflexia, “Divermagic”, maquillaxe e caracterización)

Corredor Pavillón 1 e 2: “Xoga co Camiño”
• O Camiño de Aventuras: xogo da oca xigante onde os participantes se transforman en peregrinos que, coa axuda dun dato, deben ir pasando polas diferentes etapas do Camiño ata chegar a Compostela.
• Monta o teu Camiño: xogo crebacabezas.
• A Frecha Amarela: xogo de pistas.
• Os detalles do Camiño: xogo interactivo de memoria.

O estado do galego

Fermín Bouza

Asistín a unha parte de Ecolingua 2009 como conferenciante e como oínte, e teño a sensación certa de que algo se move seriamente na área da defensa da nosa lingua e de que imos por bo camiño. Presididos por Antón Reixa e escoitados por Anxo Quintana, Presidente de Igea, puideron falar xentes diversas, desde os magníficos equipos de Normalización Lingüística ao Secretario Xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo. Houbo ideas e protestas, e houbo tamén un público excelente. Vin tamén un artigo de Carlos Callón en El País que non me entusiasma. Tamén tratarei de comentalo. Unha cousa mínima por diante: os datos coñecidos de uso do galego hai uns anos (2003) e moito antes (1992) son moi similares, e isto leva a Mauro Fernández, un excelente investigador de primeiro nivel científico, a manter que nese tempo (1992-1993/2001-2003) e con diversos datos (MSG-92, Censos e IGE) o uso do galego mantense aproximadamente nos mesmos niveis. O propio Mauro cóntao no seu papel do CCG. Nas enquisas pre e poselectorales do CIS hai un repunte (homoxéneo e coherente en termos de validez) do galego como lingua inicial no tramo de idade 19-24 anos. Isto último e o anterior é perfectamente compatible con caídas posteriores ou simultáneas no uso. Esperemos novos datos.

Obradoiro de danza infantil "Flexelf" no CDG

Redacción

O Centro Dramático Galego (CDG) abriu o prazo de inscrición no obradoiro de danza infantil Flexelf, que impartirá o próximo 28 de decembro en Santiago a coreógrafa catalá da compañía Mudances, Ángels Margarit, como actividade complementaria á representación do espectáculo do mesmo título dentro da Mostra de Teatro Infantil de Nadal. O obradoiro, dirixido a nenos e nenas de 5 a 11 anos, que poden ir acompañados de adultos, desenvolverase na sede do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en tanto que a función terá lugar ás 19:00 horas no Salón Teatro.

O obradoiro consta de dúas partes: na primeira, cada participante confecciona unha libreta con diferentes materiais relacionados co espectáculo Flexelf; en tanto que na segunda, faise unha aproximación a algunhas das ferramentas para xerar movemento a partir de diferentes propostas de traballo corporal, ben sexa de xeito individual, en grupo ou con obxectos.

Os obxectivos son a familiarización cos aspectos lúdicos e plásticos da danza, así como proporcionar ferramentas para unha mellor aproximación ao espectáculo Flexelf, aínda que a participación no obradoiro non vai obrigatoriamente vencellada á asistencia á representación no escenario do Salón Teatro.

As inscricións deben formalizarse chamando ao teléfono do CDG 981 581 111 en horario de 9.00 a 14.00 horas. Hai un total de 30 prazas dispoñibles, para familias e grupos de nenos e nenas que se cubrirán por orde de solicitude. A matrícula é gratuíta.

A peza de danza Flexelf nace da palabra flexelf, que á súa vez nace do movemento dun punto que se converte en liña, se enrosca, se reflicte e se repite. Todo o que hai en flexelf móvese, dóbrase ou engúrrase; cada forma transfórmase e convida a viaxar, a descubrir que non todo é o que parece ou a inventar que parece o que vemos.

20 de dec. de 2009

Revista A Pravia

Redacción

Nestes días de preámbulo do Nadal, o CEIP “A. Insua Bermúdez” editou un novo número da revista escolar A PRAVIA, que está adicado preferentemente ao Capón de Vilalba: proceso evolutivo, receitas, comicapón datos actualizados desta e da última Feira… Pero tamén inclúe outros traballos interesantes. Á parte dos contos, poesías, debuxos, noticias do Cole, pasatempos, etc. –traballos todos eles realizados nas distintas aulas do colexio- nesta ocasión publícanse un prólogo que corre a cargo de Félix Villares Mouteira, sacerdote, escritor e profesor. Tamén unha entrevista realizámoslla a Ramón Villares Paz, presidente do Consello de Cultura Galega e membro da Real Academia Galega. Na sección “Falamos con…” podemos coñecer polo miúdo unha das mellores coleccións de figuras e obxectos de vacas do mundo. O seu propietario, Moisés Carballeira Gaute, explícanos todo o relacionado coa mesma. Outros artigos interesantes que se poden ler neste número son: Un sobre a Gripe A e a súa incidencia no Colexio; outro sobre medio ambiente, sobre a árbore da Pravia e o respecto á natureza; outro sobre asa actividades da ANPA do noso Centro, e un interesante artigo sobre a Autoestima, realizado polo Departamento de Orientación. Por último, e para conmemorar a efeméride que representan 30 anos de revista, publicamos unha escolma das portadas máis significativas deste período así como unha selección de pasatempos.

EBA ou os paraísos

Xosé Manuel Pacho

Preto de onde vivo, na Alameda do Concello, en Auria, hai unha estatua, feita dun material que debe ser bronce. Está soa e asexante. Espreitando ao lonxe, cara a un lugar que ningún de nós pode albiscar dende esta distancia. Moitas veces, moitas noites cando na soidade da cidade, volvo para casa e véxoa alí, piso a herba que rodea a estatua, e doulle unha palmada nas costas a Eba, a Eduardo Blanco Amor.

E ollando para a súa cara, para a súa melancolía penso moitas veces na xenialidade do escritor de A esmorga, unha obra tan diferente do seu mundo. Porque quen non coñeza a traxectoria vital e persoal de Eba, lendo esta novela pode ter unha imaxe do escritor ben equivocada, como só conseguen os grandes romancistas. Nela cóntase unha historia sórdida, unha historia fodida, que alguén tamén hoxe podería contar. Fala desa sociedade que existe debaixo da que nos queren dicir que é a sociedade normal, a que abrolla só nas páxinas de sucesos dos xornais, e semella que pasa desapercibida. Dun mundo que algúns queren negar para non se sentir incómodos.

Cun estilo maxistral, cunha lingua chea de riqueza e de realidade, diríamos mesmo coloquial porque é a lingua que se fala, o Cibrán, o Bocas e o Milhomes, os protagonistas, percorren os pecados do mundo, nunha noite de excesos e de desmesura. Ese realismo suxo de Blanco Amor, lembroume a Bukowski, ou mellor dito, cando lin por primeira vez a Bukowski deime de conta de que me recordaba a Blanco Amor. E é que ambos eran provocadores, libres, independentes, mestres da técnica, e poetas. Heterodoxos. E se cadra Blanco Amor, a súa figura, e moitas das súas obras, en vida, foran maltratadas. Porque a heterodoxia non casa ben cun país que como dicía o seu paisano Celso Emilio está habitada por patufos desleigados.

E Eba, Blanco Amor, republicano, nacionalista, de esquerdas, culto, homosexual, viaxeiro, intelixente, é tan descoñecido que dá mágoa. Como mágoa dá pensar que foi desprezado por moitos dos bos e xenerosos do star system galego cando volveu a Galiza (xa se sabe, a este noso país sempre lle faltou memoria). Porque tivo problemas económicos, porque pasou fatalidades e esquecementos. Sufriu o peso da sociedade, da maquinaria social como só sofren os homes libres ou os marxinados.

Paradoxalmente, iso era o que recollía a voz do Cibrán na Esmorga: as miserias do mundo, as miserias do país, de todos os países. Na historia de tres tíos que van de putas unha noite reflíctese a dureza da vida. A dor debaixo da felicidade, da euforia. Desa sociedade que nos combate, que nos lamina como individuos. A novela ten ese latexar existencialista que xorde de dúas guerras mundiais, dunha guerra civil, do desencanto europeo.

Por iso sempre pensei que A esmorga era unha novela para adultos, de literatura independente, non para rapazas e rapaces de trece, catorce, quince anos, que podían rexeitar o galego por non comprender ren. Coido que nesas idades para coñecer a Blanco Amor serían mellor Os biosbardos.

Porque a novela da que estou a falar, semella doada de ler, pero pesa como texto. Eba manexa a técnica narrativa con mestría, tendo en conta ademais que innova, xoga con distintos recursos literarios, distintas visións ou voces como realidade creativa. Consegue que o lector sexa parte da obra, porque ninguén pregunta na declaración xudicial, somos nós mesmos, os lectores, os que somos contestados, e aos que o Cibrán nos conta a historia. E non esquezamos que estamos a falar dunha novela que se publicou no ano 1959, e que non ten case que comparación na literatura peninsular. Como lle lin a Borrazás esa actitude, esa vontade de renovación é moi interesante para comprender a Eba como intelectual, cando nin tan sequera existía a Nova Narrativa.

Exemplo do seu tamaño como creador é que eu hai uns meses, estaba a escribir un texto dramático para monicreques, e chamei a un amigo meu de Barcelona que é titiriteiro para que me dera indicacións, e el díxome, que non había moitos textos pero que se quería un clásico, que lera a un escritor da miña terra, a Eduardo Blanco, que era unha referencia básica nos seus textos publicados en castelán, así se editaran inicialmente As farsas para títeres. Eu non o sabía, pero aí radica a relevancia de Eba, a súa capacidade creadora, que foi máis alá en moitos, moitos campos.

E esa mesma capacidade, se percebe na novela da Esmorga, cando consegue que o tempo escénico que diría un dramaturgo, se volva atemporal. Esa sensación méteseche no corpo como se durase toda unha vida. Canto tempo dura o Ulysses de Joyce? Cronoloxicamente, un día. A sensación? A mesma, toda a vida. E o escenario, os lugares por onde transcorre a novela, tamén se volven fabulación, aínda que fale de Auria, de Ourense, e de que se poidan seguir os seus pasos pola cidade nun roteiro.

De todos estes elementos naceu un fío narrativo que semella unha road movie que non é tal. O camiño e a cidade toman peso e xogan como personaxes máis na historia, como a marxinalidade, e a dor, e o poder transparente da falsa xustiza que temos, eses puntos suspensivos nas preguntas? Trama que doe como a vida, e na que non hai heroes, na que o camiño máis probábel, como contaba Sófocles en Edipo Rei, sexa a destrución. Elementos tan actuais, tan universais, que coido que na realidade de hoxe tamén están presentes. Se cadra Eba riría por esta afirmación, como de seguro que riría tamén por ocupar agora a praza que cando era mozo ocupaba Concepción Arenal, nese Ourense que no seu exilio era o paraíso.

Digo que riría porque a cultura oficial deulle as costas, como case sempre pasa por ser un home libre, independente. Eu quero pensar que é un irmán maior para todos nós, para todos os escritores galegos, un mestre que nos ensina leccións que seguen estando moi vixentes. O fillo da florista, o cativo que sempre ficou agochado detrás do seu sorriso, conseguiu comezar coa Esmorga a madurez de literatura galega. Pero Eba, non esquezamos, é moito máis que esta gran novela.

Entrementres, no silencio da cidade, outra noite máis volvo para casa de madrugada. E volvo pasar tamén pola Alameda, e alí segue soa a estatua de Eba. Agora ten aos seus pés de bronce, un ramo de rosas da última homenaxe. Collo unha, doulle unha palmada nas costas e déixoo alí, coa certeza de que os seus ollos, agora si, están vendo o paraíso.

18 de dec. de 2009

Cinema de animación galego no CGAC

Redacción

Co fin de contribuír ao apoio e promoción do audiovisual galego, o CGAC, en colaboración coa AGADIC, proxectará no vindeiro Nadal unha selección de curtametraxes e dúas longametraxes galegas de animación. As proxeccións están destinadas a todos os públicos a partir de sete anos e pretenden amosar a creatividade e calidade do audiovisual galego de animación.

Nocturna (2007)
29 de decembro ás 12:00 h
Dirección: Víctor Maldonado, Adrià García
Duración: 80 min.
En Nocturna os noveis directores relátannos a historia de Tim, un neno que vive nun orfanato e que ten medo á escuridade, polo que sempre dorme mirando para a súa estrela preferida: Adhara. Unha noite esta desaparece e Tim verase obrigado a encontrala, para iso vaise internar no mundo da noite e nos seus misterios, descubrindo que está dirixida por unha organización de seres chamada Nocturna, encargados de velar polo sono dos humanos. Os luminosos, as despeitadoras ou os pingüinoides serán algúns destes seres cos que deberá relacionarse Tim para atopar a súa estrela perdida. Entre outros galardóns, esta película acadou o premio Goya 2008, que outorga a Academia das Artes e das Ciencias cinematográficas de España á mellor película de animación.

De profundis (2007)
4 de xaneiro ás 12:00 h
Dirección: Miguel Anxo Prado
Duración: 80 min.
De profundis, a primeira película feita de pinturas ao óleo animadas, “é unha gran metáfora, un poema visual e musical”, como declarou o propio Prado. O filme non ten diálogos, unicamente poesía en off e a música de Nani García. O título De profundis, alude ao lugar en que se sitúa a película: o fondo do mar. O argumento conta que un pintor viaxa como mariñeiro nun pesqueiro. Cando se desencadea unha tormenta, e unha vaga xigantesca afunde a embarcación, a muller do pintor, desde a soidade da súa casa, intúe e presaxia a traxedia. Miguel Anxo Prado con De profundis crea a súa obra mestra, unha ambiciosa obra na que entrega toda a súa capacidade creativa nunha experiencia audiovisual única.

Curtametraxes de animación
30 de decembro e 5 de xaneiro ás 12:00 h
Proxección dunha selección de curtametraxes de animación galegas.

Inaugurada a mostra sobre Cabanillas en Vigo


Redacción

O director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López-Barxas, e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Anxo Lorenzo, asistiron onte á inauguración da mostra A Roseira dos recordos, que percorre a figura e a obra de Ramón Cabanillas e que estará exposta ata o 31 de xaneiro de 2010 na Biblioteca Penzol da Casa Galega da Cultura de Vigo. A mostra rende homenaxe ao 50 aniversario do seu pasamento. No acto tamén interviñeron o concelleiro de cultura do concello de Vigo, Xesús López Carreira; o director xeral da Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes; o vicepresidente da Fundación Penzol, Alfonso Zulueta de Haz; e o comisario da exposición, Luís Rei.

Segundo o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, esta homenaxe a Ramón Cabanillas, o que describiu como “o noso poeta da raza”, convídanos a "coñecer un pouco máis da dimensión da súa obra e dos lugares e pegadas do home sobre a súa terra”, porque é esta unha iniciativa que nos permite “dar un paso máis cara o reencontro con don Ramón, coa súa mirada e coa súa escrita”.

Doutra banda, Francisco López comparou a xesta do poeta de Cambados afirmando que “Antonio Palacios pode revolucionar a arquitectura nos comezos do século XX e centrar en Vigo un concepto de cidade deseñada que anticipa a Brasilia de Niemeyer; Seoane trae un abrazo profundo con Picasso ou Juan Gris, e Cabanillas configura unha experiencia telúrica e identitaria que se expande a toda a escrita galega actual”. Esta exposición arredor de Cabanillas “ponnos diante do substrato que nos nutre, sen xuízos nin valoracións conxunturais, senón como material que permanece seguro nos espazos que imos acadando, nunha transformación imparable de Galicia, coa mensaxe escrita a partir do noso propio chan e das achegas recibidas de toda Europa”, afirmou o director xeral.

Ramón Cabanillas Enríquez (Cambados 1876–1959) foi integrante da Xeración Antre Dous Séculos, situada entre o Rexurdimento e a modernidade do século XX. Tras abandonar a carreira eclesiástica en Compostela regresa ao seu pobo natal, Cambados, para logo viaxar a Cuba con 34 anos. De Cabanillas destaca o seu traballo durante o forte éxodo galego a Cuba, onde coñeceu a Basilio Álvarez quen o convenceu para loitar pola causa agrarista e a Xosé Fontenla Leal, clave par a súa literatura en galego. Na Habana publicou No desterro (1913) e Vento mareiro (1915).

Na súa volta a Galicia conseguiu co seu traballo a prol da loita agrarista e formou parte comprometida coas Irmandades da Fala e con A Nosa Terra. Nesta segunda etapa galega coñeceu a Vicente Risco, con quen compartiu teses estéticas e culturais. Gañouse a pulso o sobrenome de "Poeta de Raza" e utilizou os seus poemas en aras do galeguismo. Nesta liña poética destaca Da terra asoballada (1917) cunha actitude moi educadora. Pretendeu concienciar á colectividade acerca do nacionalismo con obras como A man de Santiña (1921), O mariscal (1926) –que versa sobre a execución do mariscal Pedro Pardo de Cela por parte dos Reis Católicos- ou Na noite estrelecida (1926), onde reelabora mitos do ciclo artúrico que funcionan como símbolos produtivos.

Da literatura de Cabanillas destaca a depurada linguaxe, a preocupación formal, o mundo artúrico ou o lirismo intimista de ecos rosalianos. Todas estas facetas de Cabanillas tratadas rigorosamente desde un punto de vista galeguizado. En 1920 foi elixido membro da Real Academia Galega e en 1929 entrou na Real Academia Española. No ocaso da súa vida publicou Antífona da Cantiga (1951), Da miña zanfona (1954), Versos de alleas terras e tempos idos (1954) e Samos (1958).

Familienroman

Bruno Marcos

Deixou escrito Suetonio que Calígula doíase con afectación do feito de que no seu tempo non se producisen grandes catástrofes porque asegurarían que a súa época pasase á historia. O perverso desexo do emperador tolo pon de relevo unha verdade igualmente perversa, a pasaxe directa ao histórico a través do crime. Nese eido o século XX foi un dos máis xenerosos ao facer da guerra e máis do xenocidio acontecementos cotiáns.

Da malévola atracción que orixina esta ecuación entre crime e Historia non poden fuxir nin a ficción cinematográfica nin a literaria, que, continuamente, constrúen relatos sobre estes episodios.

A novela El método Coué de Javier Menéndez Llamazares ten o feitizo de situarnos nun tempo e nun espazo catastróficos moi pouco transitados, un deses períodos apenas retratados no que os individuos quedan fortemente contrastados diante dun fondo que fica baleiro ao desmoronarse as grandes escenografías políticas. Trátase das aventuras dun mozo español alistado na División Azul na Alemaña nazi dos finais da segunda guerra mundial.

Non cabe dúbida de que entraña un risco considerable escoller como protagonista dunha novela a alguén que loitou para a defensa dun dos réximes máis inicuos de cantos padeceu a Humanidade, pero máis comprometido será si este é un antepasado familiar do autor e, na obra, non se pretende narrar a súa transformación moral senón plasmar unicamente unha peripecia existencial.

É certo que El método Coué pasa no bico dos pés polo tema ideolóxico dando, iso si, precisas pinceladas sobre as contradicións que soporta o protagonista ante a visión dos xudeus marcados coma reses ou cando participa nos bombardeos de civís rusos pilotando un avión da Luftwaffe, e que o lector sente, en moitas ocasións, a necesidade de máis explicacións, pero a historia vai avanzando do mesmo xeito que o protagonista, cunha percepción do drama xeral coutada polo contexto.

Nas derradeiras cen páxinas o relato colle un ritmo que atrapa ao lector. O Berlín da descomposición do terceiro Reich enche de neboeiros os encadeados triunfos do protagonista –que ascende desde futbolista local e tenorio xuvenil a aviador de combate, pasando por modelo ou artista cinematográfico– e, de súpeto, na procura da súa amante desaparecida, chega a compartir unha cela das SS cos mallados conxurados do plan Valquiria que pretendeu matar a Hitler. Nese momento o personaxe principal adquire os recursos necesarios para adoptar unha postura crítica respecto ao sistema putrefacto no que está integrado e, canso e desorientado, déixase afundir nos baixos fondos para propiciar con iso, o fascinante retrato literario dun Berlín de prostitución, alcol e drogas, paralelo á cidade bélica que agoniza entre os cascallos dos bombardeos constantes.

A empresa que acomete o autor desta obra pódenos facer pensar na familienroman da que falou Freud alá por 1908. Freud expuxo que algúns individuos constrúen unha historia da familia notablemente alterada para ennoblecer o discurso existencial no que o suxeito se ve inmerso. Con iso elaboran psicolóxicamente un relato familiar coherente pero que está ficcionalizado e é, por tanto, unha novela. Novela é El método Coué, novela de familia, pero non se advirte nela desexo algún de falsificar os feitos históricos, senón máis ben un exercicio moi preciso de contextualización que, ao mesmo tempo que acada o pulso narrativo, proporciónanos unha perspectiva inédita.

17 de dec. de 2009

I Simposium Internacional Ecolingua 2009


Redacción

O Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA) organiza a partir de hoxe en Vigo –e ata o vindeiro 19 de decembro- o I Simposium Internacional Ecolingua 2009, un encontro internacional que se celebrará no Centro Social de Caixanova. Durante tres días medio centenar de especialistas impartirán e participarán en máis de vinte conferencias e mesas redondas, nas que se analizará a realidade lingüística galega e se darán a coñecer modelos e políticas lingüísticas no ámbito do estado e no plano internacional en paises plurilingües.

Por unha banda, farase unha diagnose sobre a situación lingüística galega en ámbitos como os medios de comunicación, a xustiza e a administración, o ensino, as institucións, o mundo da empresa, as culturas emerxentes ou a sociedade civil. Todas as plataformas implicadas no actual debate lingüístico e institucións como a Real Academia Galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Consello da Cultura Galega ou as universidades galegas tomarán parte no Simposium.

Por outra banda, a análise comparada doutras realidades plurilingües do Estado español e doutras áreas da xeografía mundial ocuparán unha parte importante das ponencias coas que se darán a coñecer os casos do Quebec, Finlandia, Gales, Luxemburgo e das linguas eslavas, mentres que especialistas de Cataluña, Euskadi, Valencia e Madrid analizarán o contexto español. A lusofonía terá tamén un apartado especial que será abordado por especialistas portugueses e brasileiros, xunto co avance do documental de Carlos Núñez “Brasil somos nós”. As conclusións do Simposium serán presentadas o sábado 19 de decembro por Margarita Ledo e a clausura correrá a cargo do Presidente do IGEA, Anxo Quintana. Na páxina web do IGEA, www.igea.eu.com pódese atopar o programa e os obxectivos do Simposium Internacional Ecolingua 2009.

O Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos é unha asociación sen ánimo de lucro nada no ano 1987 na Coruña coa intención de se converter nun elemento dinamizador do coñecemento de Galicia e do proceso de inserción do noso país na Unión Europea. Dende o seu nacemento o IGEA ten desenvolvido a súa actividade a través de coloquios, reunións científicas, foros sectoriais ou conferencias, dos que resultaron intercambios e colaboracións con diferentes entidades públicas e privadas dentro e fóra de Galicia.

Entre estas actividades cómpre citar o "I Simposio Internacional da Europa dos Estados á Europa dos Pobos", diferentes xornadas de Política Municipal, Policía Autonómica, Seleccións Deportivas Autonómicas: unha visión galega ou, máis recentemente, as celebradas baixo o título “Do estado das autonomías ao estado plurinacional: unha reflexión dende Galiza”. Dende abril de 2009, e baixo a presidencia de Anxo Quintana, o IGEA iniciou un proceso de relanzamento e ampliación dos seus obxectivos e actividades, actuando como un verdadeiro laboratorio de ideas, un instituto xerador e difusor de opinión e como un espazo de información.

Un plan para a Terra Cha


Xulio Xiz

Os que queremos á Chaira, desexamos que esta comarca natural deixe de ser só unha referencia cultural e literaria para ter significación propia no eido social e, consecuentemente, no económico. Por eso coido interesante o proxecto que existe da promoción da Chaira conxuntamente, desde o punto de vista turístico, poñendo en valor as excepcionais riquezas que a comarca posúe.

Hai pouco, reuníronse os alcaldes dos concellos que desde hai anos comparten programas dotados con fondos comunitarios, correspondentes a Abadín, Castro de Rei, Cospeito, Begonte, A Pastoriza, Guitiriz, Xermade, Muras e Vilalba. Non é exactamente a comarca que aprendimos a querer hai tempo, xa que daquela non estaba Muras e si estaban Rábade, Outeiro de Rei, Friol, Pol e Meira, totalizando trece concellos.

Sexan nove ou máis, o certo é que estes concellos teñen caracteristicas comúns e moito que sumar e aportar a iniciativas promocionais conxuntas se, como se pretende, se afronta un plan de desenvolvemento turístico, que fixe poboación no noso rural e proporcione recursos económicos ás xentes da comarca. Un plan de desenvolvemento, enfrontando con saber e con gañas por parte dos concellos integrantes e co apoio doutras institucións e administracións podería facilitar unha oferta turística de primeira orde, situando a Chaira no centro do turismo provincial.

Sen que esto pretenda ser un inventario senón unha mención de pasada, pensemos nas rutas da auga que se poderían confeccionar ás beiras do Río Miño desde o seu nacemento ata chegar a ser o gran río dos galegos, os lugares de interese comunitario do Ladra e do Parga, as lagoas de Cospeito, de Caque e do Ollo, as augas mineromedicinais de Codesido, Guitiriz e de Pardiñas.

Pensemos na gastronomía e atoparemos o capón, o roscón e o queixo de San Simón en Vilalba, a torta de millo en Guitiriz, as patacas e os grelos en toda a comarca. E as numerosas casas de bo comer, e no inverno o Belén de Begonte para visitar, e as romarías, as festas patronais, innumerables elementos e motivos que deben figurar nun colectivo Plan turístico da Terra Chá.

Hai 1 parador, 1 balneario, cinco hoteis, 1 camping, 11 casas de turismo rural, 2 apartamentos, 4 hostais e 22 pensións, cun total de arredor de mil prazas de aloxamento na comara.

Ademais dunha grande riqueza paisaxística, está a monumentalidade da comarca con mámoas, túmulos e necrópolis de perto de cinco mil anos de antigüidade, máis ou menos coincidentes do apoxeo da civilización exipcia, con abrigos nos que vivían os nosos devanceiros de hai arredor de quince mil anos, destacando dous museos – Viladonga, en Castro de Rei e Vilalba- onde poder facer fincapé no noso pasado histórico e, polo que ó de Viladonga se refire, visitar un dos mellores castros de Galicia en continua exploración e conservación. Sen esquecer outro museo vivo como é o de Victor Corral, en Baamonde, coa magnífica obra deste escultor chairego.

Dos monumentos hai que salientar os centos de capelas, humildes e fermosas, de toda a nosa xeografía; os cimiterios coroados polas cruces talladas polos canteiros de Román, tendo como sen igual punto de referencia o castelo vilalbés, hoxe parador de turismo, que conserva nas alturas o mellor punto para otear as profundidades da Chaira.

O Alcalde de castro de Rei, Xoán Xosé Díaz Valiño, abogou porque a Terra Chá non fose somente un lugar de paso entre o centro da provincia e a costa lucense, senón que fose punto de destino. Quizais aí atopemos o punto de referencia definitivo: conseguir que a Chaira sexa punto de destino, onde xurdan iniciativas turísticas, culturais e sociais, e onde converxan os visitantes a ver, escoitar e mercar; a contemplar o mundo desde unha perspectiva diferente, dándolles motivos para vir e estar, para recoñecer as nosas diferencias e as nosas potencialidades, e para transformar en negocio moito do que temos e ofrecemos gratuitamente, para poñer en valor todas as nosas potencialidades e moitas das nosas xentes poidan vivir de traballar neste sector.


16 de dec. de 2009

Concerto de Nadal de Fuxan os Ventos

Redacción

Mañá mércores 16 de decembro, ás 20:30 h. no Centro Cultural Caixanova de Vigo (na rúa Policarpo Sanz, 13) terá lugar un concerto de Nadal a cargo do grupo folk galego Fuxan os Ventos. Case dúas décadas despois de que o grupo fixese a súa última actuación (os mesmos anos que ten a Universidade de Vigo), o espectáculo Terra de soños brinda a oportunidade de gozar de Fuxan os Ventos tanto á xente que os coñece, lembra e hoxendía os ten aínda presentes, como ás novas xeracións que, por veces sen seren conscientes do que significou o grupo para a música tradicional galega, herdaron cantos populares como A Carolina ou Sementeira, que xa forman parte do ouvido musical deste país.

Fuxan os Ventos foi, nomeadamente, un grupo comprometido coa identidade de Galicia e cos atrancos que esta sociedade tivo que superar ao longo da súa historia recente.

Foron, e son, un grupo que soubo, coas súas cantigas rescatadas do olvido dos tempos, chegar a todas as capas da sociedade e en galego, algo impensábel na metade da década dos setenta.

Convidados: Xabier Díaz, Guadi Galego, Uxía, Rodrigo Romaní, Nova Galega de Danza, Pepe Ferreirós, Sabela e Miguel Lustres.

15 de dec. de 2009

Museo das Migracións


Redacción

O Consello da Cultura Galega dará a coñecer o seu informe para a creación do Museo das Migracións no remate das xornadas “A musealización das migracións: experiencias comparadas”, que se celebrarán na Biblioteca da institución os días 16 e 17 de decembro. O informe será presentado o día 17 por Ramón Villares, presidente do CCG, e Xosé Manoel Núñez Seixas, do Arquivo da Emigración Galega, coordinador das xornadas.

Estruturadas en tres sesións, as xornadas contarán con expertos de Portugal, Arxentina, Brasil, Suecia e Alemaña.
As dúas primeiras terán lugar na mañá e na tarde do día 16. Sobre “Teoría e práctica da musealización das migracións” falarán, a partir das 10 horas: María Beatriz Rocha-Trindade, da Universidade Aberta, de Lisboa, (Museus de Migraçôes: Abrangência Nacional, Potencialidade Educativa, Acçâo Social) e Fernando Devoto, da Universidade de Bos Aires, (As migracións internacionais entre historia, memoria e patrimonio).

Ás 16 horas a segunda sesión coñecerá “Exemplos de Museos da Emigración en Europa e América”, a través dos seguintes relatorios: Ana María Leitâo (O Memorial do Imigrante de Sâo Paulo), Christina Persson (A Casa do Emigrante Sueco en Växjö), Karin Hess (A Casa do Emigrante Alemán de Bremerhaven) e Isabel Ferreira Alves (O Museu da Emigraçâo e das Comunidades de Fafe).

A terceira sesión desenvolveráse desde as 10 da mañá do día 17 coa presentación do “Informe do Consello da Cultura Galega-Arquivo da Emigración Galega para a creación do Museo das Migracións) a cargo de Ramón Villares e Xosé Manoel Núñez Seixas.

As xornadas finalizarán cun debate e a presentación de conclusións, pouco despois da unha da tarde.

Noticias antigas da nosa vila



Ana Naseiro Ramudo


A miña profesión obrígame a cotío sondear nas fontes documentais e bibliográficas, Nestas viaxes polo submundo documental atópome a miudo con vestixios esquecidos ou perdidos da nosa memoria, máis esquecidos se cadra que perdidos, pero sempre estimulantes, pois animan a continuar a procura xa que supoñen un recordatorio da desaparición das fontes históricas mais próximas á realidade do noso pobo. Se ben as coñecidas foron estudadas, as esquecidas pasan a formar parte da “arca das tres chaves” do concello que no caso da nosa vila, nunca chegaremos a coñecer, pois o que non se coñece non existe, o mesmo que aquelo que o tempo fixo desaparecer froito das circunstancias acontecidas.

Ben é certo que o noso pobo esqueceu gardar a súa memoria histórica para as xeracións vindeiras. Foron outros quen gardaron as fontes que directa ou indirectamente contan a historia dos nosos antergos. É o caso do arquivo parroquial, que probablemente é a mellor testemuña dos acontecementos cotiáns. A Igrexa articulou a vida diaria dos veciños antes que o propio Estado, controlando demográficamente e moralmente a poboación, cun instrumento propio: os libros rexistros parroquiais, antecedentes dos rexistros civis. É posible que non exista un arquivo que recolla mellor a vida dos vilalbeses que o parroquial. Os seus fondos históricos pódense rastrexar no Arquivo Diocesano de Mondoñedo, como se sinala na “Guía de Arquivos Eclesiásticos”.

Entre outras fontes podemos destacar as xeradas no seo do Estado. Neste senso é interesante consultar, por exemplo, o Catastro de Ensenada, fonte censual sen lugar a dúbida, pero moi detallada en canto as descricións do pobo no momento da súa elaboración.

Se falamos de rememorar o pasado da nosa vila, teríamos que referirnos aos arquivos nobiliarios das diferentes xenealoxías de abolengo ás que pertenceu o noso pobo. Ditos arquivos consérvanse en diferentes ubicacións, pero son de interese os fondos que atopamos no Arquivo Nobiliario de Toledo ou ben no Arquivo Histórico Nacional, orixinados nas desamortizacións do século XIX.

Descoñecemos que sucedeu cos pleitos máis antigos da nosa vila, probablemente expurgados durante a Guerra Civil Española, época na que se autorizaron as destrucións dos arquivos xudiciais mediante diversos decretos. É posible coñecer aqueles que tiveron que ser sometidos a instancias superiores para a súa resolución se acudimos ao Arquivo do Reino de Galicia ou ao Arquivo da Chancillería de Valladolid.

Para as épocas máis recentes son de interese o Arquivo Histórico Provincial de Lugo e o Arquivo Xeral da Administración, onde a variedade documental supera as nosas espectativas.

Podémonos perder na procura de información nos mares arquivísticos, mais tamén nos mares bibliográficos; desorientarémonos aínda co mais preciso astrolabio. Foi precisamente seleccionando fontes bibliográficas como chegou ás miñas mans un artigo que comenzaba desta maneira: “ En los últimos números del Boletín Oficial de la Provincia de Lugo ha aparecido el anuncio de la venta del castillo que en la villa de Villalba posee el Duque de Alba, como Conde de Lemos”. Este artigo é de gran interese porque con motivo da venda da torre, o autor, José de Villaamil y Castro, evoca no momento da sua decadencia o pasado glorioso e nobiliario da nosa vila, empregando fontes nobiliarias e reais. Esta lembranza histórica da posesión da vila e da torre do homenaxe, non é casual. José Villaamil resalta a súa singularidade nun momento de descoñecemento do que sucederá co monumento tras a venda a un particular. O seu defensor é un conservador dos monumentos por antonomasia: arquiveiro, bibliotecario, anticuario e historiador, José de Villaamil y Castro, foi un grande estudoso da historia de Galicia e da historia medieval en particular, cuxas investigacións se plasmaron en múltiples obras, das que destaca: “Los foros en Galicia durante la Edad Media”.

José Villaamil y Castro, formou parte do Corpo de Arquiveiros do Estado, polo que a noticia da torre recóllese nunha pubicación de ámbito nacional: “Boletín de Archivos, Bibliotecas y Museos”, Tomo 2, 1872, dito artigo é consultable na web da Biblioteca Nacional, no repertorio dixital da Hemeroteca Dixital.

En canto ás noticias históricas que nomea no artigo José Villaamil, fala da presencia da vila na Crónica de Fernando IV, en torno aos anos 1304 e 1305. A Crónica narra a historia do cerco de Fernando Ruíz de Castro ao infante Felipe, que se refuxiou na vila. Se ben as crónicas son moi pouco exhaustivas dende o punto de vista histórico, escritas para servir ao poder máis que para clarificar os feitos históricos, a presenza da vila na crónica resulta interesante. Outro documento donde se nomea a vila é unha mercede feita por Enrique II a favor de Fernán Pérez de Andrade. Trátase dunha doazón do lugar, coa súa xurisdicción civil e penal, pola lealtade prestada á coroa. O documento está datado o 3 de agosto de 1373, en Burgos. Outra doazón posterior da vila aparece nomeada nun documento de Juan II, datado o 9 de xullo de 1442, en Valladolid, onde a posesión da vila pasa a outro Fernán Pérez Andrade, sucesor do antedito. Na Idade Media é un feito común a renovación de xeración en xeración das concesións feitas a través de mercedes ou privilexios. Sen embargo, en moitas ocasións non se facían as renovacións por razóns políticas ou estratéxicas.

José Villaamil finaliza o documento facendo una breve reseña da historia da Torre da Homenaxe. Se ben á coñecida a súa fundación dende o século XIII, como consecuencia das Revoltas Irmandiñas foi destruida e volta a reconsturir polos propios sublevados. No século XVII, a torre foi empregada como cárcel e casa da Audencia. Villaamil fai una descrición do estado do monumento no momento do artigo (finais do século XIX): “(...) destechado y sin pisos, habitan bandadas de aves nocturnas y carnívoras, donde en algún tiempo se alojó la opulencia y el fausto señorial de los Condes de Lemos”.

Se ben José Villaamil y Castro, recolle as fontes máis antigas que falan da existencia da torre da Homenaxe e da vila, a súa historia non finaliza neste momento e podemos atopar maís fontes documentais inéditas da nosa historia máis achegada.

14 de dec. de 2009

Homenaxe ao Rácing Clube Vilalbés

Redacción

O Rácing Clube Vilalbés é desde sempre, como sinalou non hai moito neste mesmo medio Xulio Xiz, "un dos mellores elementos para identificar o vilalbesismo". O ano pasado, conmemorando os seus primeiros 75 anos de historia, o Instituto de Estudos Chairegos editou un estupendo libro e un DVD con variedade de fotos, imaxes e vídeos referidos ao clube. O himno do Rácing, composto por Santiago Mato e Carmiña Prieto Rouco, ten unha versión moi coñecida, interpretada pola Banda Municipal de Vilalba e a Coral Polifónica. A Voz de Vilalba, achega hoxe a os seus lectores a versión dese mesmo himno perpetrada en clave rockeira por "A banda íntima de Martin Frost" nun desmitificador, pero respetuoso, homenaxe ao senlleiro Clube.


13 de dec. de 2009

Dobre aniversario do proxecto de Xornal de Galicia


Redacción

O diario dixital xornal.com, impulsado en 1999 polo xornalista José Luís Gómez, cumpriu dez anos o pasado mércores 9 de decembro. Ese mesmo día celebrouse tamén o primeiro aniversario da saída ao mercado do diario de información xeral Xornal de Galicia. Con varias redaccións e unha marcada vocación galeguista, plural e independente, Xornal de Galicia ten entre os seus principios fundacionais a defensa dos intereses de Galicia. O diario é un medio aberto ás distintas sensibilidades presentes na sociedade galega, e aposta desde por reforzar os valores asociados á liberdade de expresión e de pensamento, dende a máis absoluta independencia.

Baixo a cabeceira Xornal de Galicia, a redacción multimedia do diario está integrada por recoñecidos profesionais do xornalismo galego, un equipo dirixido por José Luís Gómez, que conta con María Val como subdirectora e con Xavier R. Blanco, Lucía López Bayo e Pablo G. Quintas como adxuntos á Dirección. Asemade, ten con amplo elenco de colaboradores, entre os que destacan Luisa Castro, Antón Reixa, Javier González Méndez, Yolanda Castaño, Xosé María Palmeiro, Antonio Campos Romay, David Balsa, Moncho Paz, Iria Salgado e Henrique Alvarellos. A empresa Xornal de Galicia S.A., editora do diario, está integrada en Udramedios, a cabeceira da división de medios de comunicación do Grupo San José. Segundo a auditora Alexa, xornal.com é o cuarto diario dixital de Galicia.

11 de dec. de 2009

"La lata muda", revista dixital de arte

Redacción

Xa se pode descargar o primeiro número, correspondente a decembro de 2009, da revista dixital de arte La lata muda no weblog da publicación (http://latamuda.blogspot.com).

La lata muda é a 1ª Revista digital de arte realizada con software libre, ferramentas gratuitas de internet e baixo licencias Creative Commons. Está editada por Francisco Porto e dirixida por Rocío Osorio.