Arqueoloxía 1990-2005 no Museo Provincial de Lugo

Redacción

A exposición reúne unha selección, ampla e representativa, dos fondos arqueolóxicos depositados no MPL pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia entre o 1990 e o 2005, unha interesantísima escolma do quefacer arqueolóxico destes quince anos na provincia de Lugo. Desde que se reabriu o MPL, en febreiro de 1991, non se tiña organizado ata o de agora ningunha exposición de arqueoloxía con fondos depositados no mesmo, polo que tócalle a quenda á Sección de Arqueoloxía e Historia de facelo. Por iso xorde esta exposición que, baixo o título de “Arqueoloxía 1990-2005”, pretende amosar algún aspectos da arqueoloxía da provincia de Lugo desde a prehistoria ata o século XVIII, dando a coñecer materiais procedentes de varias das intervencións arqueolóxicas levadas a cabo nese intervalo de 15 anos e depositados nas zonas de reserva deste centro.

Compre lembrar que Galicia foi unha das primeiras comunidades españolas en contar cun Servizo de Arqueoloxía dependente do goberno autonómico, que foi creado en 1985, dez anos antes d que fose aprobada, en 1995, a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia e doce antes do 10 de xullo de 1997 data na que se aprobou o decreto 199/1997 polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Galega. A aplicación desta lei supón que o MPL sexa o receptor de case todos os depósitos de materiais arqueolóxicos exhumados nas variadas intervencións arqueolóxicas que se realizan na provincia e das que se fai o oportuno seguimento dende o Departamento de Arqueoloxía/Historia do MPL, en canto depositario dos materiais para a súa conservación e difusión dende 1990. O ingreso destes fondos arqueolóxicos realizouse ata o ano 2005, data na que como consecuencia da densidade de intervencións arqueolóxicas, a capacidade das dependencias destinadas para a conservación e mantemento adecuado dos depósitos arqueolóxicos viuse saturada.

Segundo eles mesmos manifestan, esta unha das razón que levou aos comisarios da mostra (M.ª Ofelia Carnero Vázquez e Enrique J. Alcorta Irastorza, membros do Departamento de Arqueoloxía/Historia do Museo) a nomeala “Arqueoloxía 1990-2005”. Con elo queren dar a coñecer o patrimonio arqueolóxico da provincia e tentar que se convirta nun centro de referencia para achegar a arqueoloxía ao público, así como para amosar o incremento do patrimonio arqueolóxico da sección producido durante os quince anos que median entre ambas as dúas datas citadas máis arriba, así como expoñer unha selección das pezas máis significativas e/ou inéditas que servan para dar a coñecer a evolución da nosa cultura material, desde as mostras máis temperás, situadas cronoloxicamente no paleolítico inferior, arrededor do ano 300.000 B.P. ata as máis tardías que localizamos no século XVIII.

A presentación dos contidos da exposición articúlase a través de grandes áreas temáticas que abranguen a idade da pedra lascada, a idade da pedra puída co fenómeno cultural megalítico, a idade do ferro co fenómeno cultural castrexo, a cultura romana e a idade media e moderna. Nesta orde evolutiva cronolóxica non nos esquecemos do comezo da metalurxia coa idade do bronce, senón que ao longo destes quince anos non se entregaron no museo materiais claramente adscritos a esta etapa.

ACTIVIDADES CULTURAIS COMPLEMENTARIAS

ACTO DE INAUGURACIÓN
14 de xaneiro, ás 20:00 horas
Intervencións:
Antón Bao, vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo.
Aurelia Balseiro, directora do MPL
María Ofelia Carnero Vázquez
Enrique J. Alcorta Irastorza

VISITAS TÉCNICAS
A cargo dos comisarios da mostra
Xoves, 28 de xaneiro, ás 19:30 horas
Xoves, 18 de febreiro, ás 19:30 horas
Xoves, 4 de marzo, ás 19:30 horas

VISITAS FAMILIARES
Cada sábado, de 12:30 a 13:45 horas, durante o tempo de permanencia da exposición, para grupos familiares e público en xeral.
Xaneiro, días 16, 23, 30 / febreiro, días, 6, 13, 20, 27 / marzo, días 6, 13, 20, 27

VISITAS CONCERTADAS PARA CENTROS ESCOLARES (E.P.)
Visitas guiadas para grupos de E. Primario, complementada cunha Unidade Didáctica.
Inscricion previa a través do Departamento de Didáctica do MPL.

OBRADOIROS
Cos obradoiros, Arredor do lume , Vixiando desde os cumes e Paseando pola cidade, propónse unha visita guiada e actividades que permitan realizar un percorrido por tres grandes etapas históricas, a prehistoria, a cultura castrexa e o mundo romano.
Horario: de 11 a 13 horas.
Entre os 6 e os 9 anos: sábados, 23 de xaneiro, 13 de febreiro e 13 de marzo.
Entre os 10 e os 13 anos: domingos, 24 de xaneiro, 14 de febreiro e 14 de marzo.
Límite: 20 participantes con inscrición previa por quenda e independente para cada data no Departamento de Didáctica do MPL.

VÍDEO-DOCUMENTAL
Proxección de vídeo e documental permanente na Sala de Exposicións.

CONTACTOS
Museo Provincial de Lugo. Tfno. 982 24 21 12
Departamento de Didáctica. Tfno: 982 24 23 00
www.museolugo.org

Todas as actividades son de entrada libre e gratuítas


13 de xan. de 2010

0 comentários :

Danos a túa opinión