Avatar

Bruno Marcos

O futuro é o pasado. Coido que foi Einstein quen dixo que a cuarta guerra mundial sería con paus e pedras, pois os paus e as pedras xa están aquí, en Avatar, a película da que fala todo o mundo.

Si non fose porque parece fundada no cuestionamiento da realidade de Mátrix ou na bioética existencialista de Blade Runner e porque se aseguraron de dar emprego a Sigourney, un non se decataría de que falan do futuro, senón máis ben do pasado. Toda a película é unha escusa para amosar outra guerra e se cadra o orixinal é que a gañen os que loitan cos paus e as pedras.

A especulación inmobiliaria ou algo semellante en base a un subsolo rico en non sei que minerais promove, no salutífero planeta de Pandora, a aniquilación dun pobo humanoide extremadamente sensible e espiritual que encarnaría unha especie de ecoloxismo do mañá. O máis característico destes seres é que desenvolveron, ao final da súa demasiado longa coleta, un ramallete de pelos metafísicos cos que se axuntan a seres vivos producindo un sincopado orgasmo que lles dilata as meniñas dos ollos.

Todas as criaturas son improbabeis desde o punto de vista evolutivo: os cabalos de seis patas, os humanoides enormes con cadeiras atrofiadas, os hipopótamos con morro de peixe martelo... que ademais conviven con paxaros xigantes prehistóricos ou lobos esquemáticos.

Penso eu que unha das claves do xénero fantástico é precisamente a verosimilitude e Avatar é unha mistura de plaxios e de fantasías faltas de imaxinación cuxo mensaxe inconsciente non é un suposto esencialismo ecoloxista e cósmico senón a volta á superstición e ao taparrabos. A súa espectacularidade é un compendio de trapalladas como a das montañas flotantes atadas por pequenos fíos de vexetación unhas a outras para que, de tanto flotar, non se vaian ao quinto inferno, ou a árbore das almas, verdadeiro tratado do concepto visual que manexa como paradigma do belo a cousa máis parva do visual, a fosforescencia.

14 de xan. de 2010

1 comentários :

  • Pois a min gustoume a película. Gustoume e vina en 3D o que a fai máis espectacular. Cando fun non me plantexei que sería unha película de Trufeau, nin dalgún director italiano como o procesado por abusos sexuais. Fun ao cine a pasar un bo rato, e abofé que así foi con Avatar. Cine fantástico, entretido,visualmente xenial, e máis realista ca O Decreto que pretende dar as clases en inglés. Craro que ser crítico de cine debe ser moi difícil, non sí?

    13:26 do 19 de xaneiro de 2010

Danos a túa opinión