Da lingua ás eleccións do 2012


Fermín Bouza

O galego non ten un contencioso co español, non o tivo nunca: foi Feijóo quen importou dos sectores ultras e crispadores do seu partido esa polémica, porque contra o que creen os xornalistas madrileños Feijóo está na dereita da dereita, non o dubiden. Obras son amores e non boas razóns.

Só pedimos, a día de hoxe, que o tempo dedicado ás materias en galego non baixe do 50%, e que, en caso de dúbida por diversos motivos, se discrimine positivamente ao galego, como mandan os organismos internacionais, e o coidado especial que o Estatuto pide para a lingua propia de Galicia. Non é certo, por tanto, como di Feijóo, que a comparación co español sexa o noso problema. Este home non se decata, descoñéceo case todo e non fai un gran esforzo por comprender as cousas.

A sorte que poida correr o PSOE nas Eleccións Xerais de 2012 pode ser decisiva para outras eleccións autonómicas. Para as galegas, por exemplo. Por iso ten singular importancia que Zapatero manteña o tipo demoscópico e chegue ben colocado ao ano electoral. En Galicia probablemente non poderiamos soportar moitos anos máis coas restricións á recuperación da nosa lingua e doutras cousas esenciais.

Non fixo falta, de momento, que o Paro se reducise na Axenda Pública e nos datos reais para que o PSOE recupere voto a toda velocidade en canto Rajoy convértese de novo no Doutor NON e a xente comeza a verlle de novo as orellas ao lobo (baixo diversas formas, de cardeal a imputado corrupto ou a político que "antes mariñeiro morto que negociar con nada ou ninguén", etc.). Enquisas de confianza da Sexta e La Vanguardia relanzan aos socialistas e abren un escenario inquietante para o PP: o PSOE é capaz de recuperar voto en plena crise. Debilítase o voto económico e reaparece (de momento: aquí todo é "de momento") o voto político con avaliacións máis complexas ou sofisticadas do electorado.

Se o PSOE remonta antes de que se cree emprego neto o PP está, desde xa, fóra do partido. Se cadra o dato que anunciaba isto era a autoubicación ideolóxica en 4,74, moi lonxe do 4,91 que deu a súa mellor vantaxe ao PP. Pero no Barómetro de Decembro, o último do ano, a autoubicación retrocede cara á dereita de novo, a 4,77. Non é moito, pero quizá, de momento, o PP tenda a estabilizarse a 2 puntos do PSOE nas enquisas convencionais. Por aí están as cousas. É absolutamente necesario pensar en termos políticos: a nosa lingua está a ser (mal) tratada desde a política da dereita máis central e, nesa perspectiva, extrema. Esa é a posición obxectiva do goberno da Xunta de Galicia.

6 de xan. de 2010

0 comentários :

Danos a túa opinión