Ferrín, novo presidente da Real Academia Galega


Manuel París

Esta mañá reuniuse en A Coruña o Plenario da Real Academia Galega, en sesión extraordinaria para a elección do Presidente e da Comisión Executiva da Institución. Tras a correspondente votación, a Xunta de Goberno da Real Academia Galega quedou constituída polos seguintes académicos numerarios: Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente; Xosé Luís Axeitos Agrelo, secretario; Manuel González González, tesoureiro; Euloxio Rodríguez Ruibal, arquiveiro-bibliotecario; e Francisco Fernández Rei, vicesecretario.

A candidatura de Méndez Ferrín, a única presentada e que contaba co aval do anterior presidente, Xosé Ramón Barreiro Fernández, recibiu vinte votos a favor, tres abstencións e ningún voto en contra. Deste xeito, Ferrín convérsese no undécimo presidente da institución.

Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938) é Doutor en Filoloxía e catedrático de Literatura. Preparou a edición crítica do Cancioneiro de Pero Meogo (1966) e como ensaísta publicou De Pondal a Novoneyra (1984). Colaborador no Faro de Vigo e director da revista A Trabe de Ouro. Membro do grupo literario nacionalista Brais Pinto.

Deuse a coñecer como poeta coa obra Voce na néboa (1957), á cal seguiron Antoloxía popular (1972), asinado co heterónimo de Heriberto Bens; Sirventés pola destrucción de Occitania (1975); Con pólvora e magnolias (1977), Premio da Crítica; Poesía enteira de Heriberto Bens (1980); O fin dun canto (1982); Erótica (1992) e Estirpe (1994), Premio Losada Diéguez, 1995.

Como narrador publicou Percival e outras historias (1958); O crepúsculo e as formigas (1961); Arrabaldo do norte (1964); Retorno a Tagen Ata (1971); Elipsis e outras sombras (1974); Antón e os inocentes (1976); Crónica de nós (1980); Amor de Artur (1982); Arnoia, Arnoia (1985); Bretaña Esmeraldina (1987), Premio da Crítica de Galicia, 1988; Arraianos (1991), Premio da Crítica de Galicia, Premio Losada Diéguez, Premio da Crítica Española, e No ventre do silencio (1999), Premio Eixo Atlántico. En 1999 foi candidato pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) para o Premio Nobel de Literatura.

23/01/2010

2 comentários :

  • Parabéns ao Ferrín e máis á Academia por un xesto valente neste momento no que tanto precisamos pasos adiante. A ver se a Academia comeza dunha vez a facer o traballo para o que foi creada hai máis de cen anos, pois até agora, quitando honrosas excepcións, parecía que a institución senlleira tiña mal de ollo.

    10:06 do 24 de xaneiro de 2010

  • Parabéns a Ferrin, pode ser a persoa que lle de pulo á RAG, e a que contribuia cara a normalización do Galego.Dende logo nunca tanto se falou da RAG como nestes tempos de tanta desafección ó Galego.

    FENDETESTAS

    10:43 do 25 de xaneiro de 2010

Danos a túa opinión