O borrador do Decretazo


Fermín Bouza

Se cadra o maior defecto do escrito chamado Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia sexa a idea de que as cousas han seguir como están alí onde están moi claramente definidas. Deste xeito, nas cidades a lingua de referencia será, sen dúbida, o castelán, co que as oportunidades de progreso cara ao galego non serán viables por baixo do 50%. É unha idea inmobilista que prolonga a caída do galego na urbe e axústase ao movemento de desprazamento da lingua propia de Galicia pola lingua de oportunidade (español) que segue desprazando, por estrita necesidade de supervivencia social, ao galego.

Como sociólogo non vexo a menor posibilidade de que o galego reapareza na cidade desde a súa sub (des)-consideración escolar en todos os niveis. A idea tamén de que o español e galego cedan igual tempo ao inglés (pero hai un profesorado preparado para dar as clases de Física ou Sociais ou o que sexa a nivel de inglés nativo? isto soa a algunha clase de trampa) non está orientada pola consideración de "lingua propia" (e en caída) do noso Estatuto: é unha idea de equilibrio nunha sociedade lingüisticamente moi desequilibrada.

En conxunto, o escrito preparatorio non é realista nin eficiente para o galego, e garante, sobre todo, a vantaxe histórica do español e a definitiva queda do galego como lingua propia de Galicia e como lingua a secas. Unha vez máis, e sen querelo nin desexalo unha amplísima maioría, o problema lingüístico de Galicia desprázase desde eses niveis lingüísticos que a todos nos competen cara aos niveis políticos que a todos nos dividen. Así non é posible garantir a vida da nosa lingua.

A mesma idea de elección polos pais da lingua non é unha idea nin democrática nin, consecuentemente, constitucional: foi reiteradamente rexeitada polos tribunais, e abre o camiño para que calquera pai en calquera lugar reclame o mesmo dereito, porque o que non é de recibo é a xeración de dereitos xerais de estrita aplicación local. Non, polo menos, desta clase de dereitos de alto nivel socioxurídico. Esta é unha debilidade xurídica que os xuristas non parecen dispostos a que prevaleza. Será obxecto de recurso e será derrogado un decreto desa clase con ese contido non xeralizable.

Outra cousa é que o Estado ofreza un sistema paralelo de educación, con certas peculiaridades e garantías, pero isto non é nin viable economicamente, nin desexable ética e socialmente. O nivel de competencia en galego permite, aínda, unha intervención do estado en sentido progresista sen atacar ningún dereito dos español-falantes (50% cada idioma). No caso do inglés, debe ser o español o que ceda tempo alí onde haxa algún profesor que coñeza esa lingua a nivel nativo (só a nivel nativo, o demais sería unha chapuza intolerable). O galego é, lémbreno, a lingua propia de Galicia: a lingua a protexer.

02/01/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión