O decreto-trampa de Núñez Feijóo


Antón Baamonde

Derívase dos criterios feitos públicos por Núñez Feijóo que se vai montar un barullo enorme. Eses criterios respostan á maneira en que foi criado Frankestein: retallos de aquí e de alá, suma de puntos de vista diversos, mesmo incoherentes que van a multiplicar o conflito, que van introducir a discusión e a lea en cada centro, entre os pais dos diversos niveis que sexan convocados a votar o idioma da escola e que, en definitiva, van a provocar unha certa división social, da que non podemos agora maxinar a dimensión.

Ademais vai complicar a xestión educativa, facendo que o traballo de directores e xefes de estudo sexa diabólico, e creando, de tomarse ao pé da letra, malestar no profesorado por ese aspecto que complicará os horarios, etc. Dende logo, nin existe ese 33 % de profesores que podan dar as súas materias en inglés, nin de habelo, os seus alumnos lles entenderían, dado que carecen do nivel para entender, digamos, unha clase de naturais ou etica nese idioma. Para dicilo nas palabras do ínclito Mayor Oreja: é un decreto trampa. En todo caso... Feliz aninovo! E mil primaveras máis para a lingua galega!

02/01/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión