Presentado en Compostela o ciclo Xacobeo Classics


Redacción

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela e o director-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, acompañados polo director artístico do Xacobeo Classics, César Wonenburger, presentaron hoxe na Antiga Igrexa da Universidade o programa completo do ciclo Xacobeo Classics como unha “selección exquisita de recitais, concertos e óperas, dirixidos e interpretados polos nomes máis relevantes do panorama actual” que situará a Galicia como referente musical internacional. O ciclo Classics, con máis de corenta actuacións previstas nas sete cidades galegas e outras dez vilas encarna a ambición de organizar un “Xacobeo para todos con eventos culturais de relevancia internacional para todos os tipos de público”, engadiu.

Ao longo do ano levaranse a cabo proxectos específicos pensados para poñer en valor a madurez adquirida sobre todo nesta última década polas orquestras galegas, con acontecementos como a programación do "Réquiem" de Verdi, que interpretará a OSG xunto a un dos mellores coros de Europa, o Orfeón Donostiarra, e catro solistas dificilmente superables, ou a "Misa en fa menor" de Bruckner que ofrecerá a Real Filharmonía como broche final das actividades previstas para 2010. As actuacións previstas inciden especialmente en resaltar o aspecto espiritual do camiño, coa posibilidade de escoitar nas mellores condicións posibles obras senlleiras da música sacra como a monumental "Misa en si menor de Bach" co mellor coro do mundo, o Monteverdi; as mencionadas "Misa de Réquiem" de Verdi, "Misa en fa menor" de Bruckner, "El Mesías" de Händel, a cargo do Gabrieli Consort, e a estrea en Galicia da ópera "Parsifal" de Richard Wagner.

Haberá acontecementos que espertarán o interese de afeccionados de todo o Estado, como a estrea española da versión orixinal do "Guillermo Tell" de Rossini, a primeira ópera romántica, baixo a batuta do máximo experto mundial neste repertorio, Alberto Zedda. A estrea en Galicia de "Parsifal", un proxecto exclusivo coa presentación da Royal Liverpool Philarmonic e os cantantes excepcionais, Nikolai Shukoff, o próximo Parsifal do Festival de Pentecostés de Salzburgo con Simon Rattle, e Violeta Urmana. Ademais das visitas de grandes batutas como Riccardo Muti, Zubin Mehta, Charles Dutoit, John Elliot Gardiner, Vasily Petrenko, Paul McCreesh, Alan Curtis o Lionel Bringuier, entre outros.

Todas as orquestras galegas colaborarán na grande cita musical do 2010, ademais de solistas da terra como os cantantes Borja Quiza, Teresa Novoa, Alba López e Javier Franco; o Ensamble s XXI, a Agrupación Lírica Ofelia Nieto, os pianistas Borja Mariño e Javier Vázquez Grela e o xoven director Fernando Briones, entre outros. Boa parte das actuacións previstas ofreceranse no marco da maioría das programacións galegas xa existentes, contribuíndo a enriquecelas e dotalas dun atractivo moi significativo neste ano especial. Neste sentido, establécense colaboracións especiais con Caixanova, Caixagalicia, Todo Lírica, Ciclo de Lied, Festival de Música de Lugo, Sociedades Filarmónica de A Coruña, Lugo, Ourense, Festival Mozart de A Coruña ou Concurso de Piano Cidade de Ferrol.

No deseño da programación atendeuse moi especialmente á música galega, nos seus aspectos histórico (mediante a recuperación da ópera "O Mariscal" do compositor Eduardo Rodríguez-Losada e o grande poeta Ramón Cabanillas) e actual (cun ciclo-homenaxe ao decano dos creadores galegos, Rogelio Groba, nos seus 80 anos; recuperación do ciclo de cámara da Asociación Galega de Compositores, e estrea dun dos mellores compositores actuais: encargo dun concerto para violín a Octavio Vázquez). A estes proxectos súmase a gravación dun disco adicado á canción galega a cargo dunha grande soprano internacional, Cristina Gallardo-Domas, que se distribuirá en todo o Estado español a través dun importante selo discográfico. Por primeira vez, haberá na Quintana un novidoso encontro de orquestras novas, no que a Xoven Orquestra da OSG ou a nova Orquestra Gaos mediranse coa Joven Orquesta Nacional de España, para ofrecer un panorama dos novos valores musicais.

4 de xan. de 2010

0 comentários :

Danos a túa opinión