Revista de prensa: EL CORREO GALLEGO


A mala planificación do Ano Xacobeo


Antonio Cendán Fraga

Cando xa principiou un novo ano Xacobeo en moitos lugares do mundo non se dan por informados oficialmente de que este evento ten lugar no fisterrán occidental. Ao longo do último ano levouse a cabo unha campaña deficiente e con escaso interese informativo. O novo ano xubilar regresou ás Antípodas do que era cando se retomou a súa promoción, en 1993, unha feira de folclorismo con supostos turistas de mochila e bocadillo, así coma troulas de última hora na Praza do Obradoiro. Desgraciadamente non se progresou nada en 17 anos, malia que hai que recoñecer que nun comezo foi unha extraordinaria oportunidade para moitos concellos, especialmente os da Galicia interior que vían como cada Ano Santo pasaban miles de forasteiros polas súas terras e contribuían a enriquecela tanto económica coma humanamente. Non obstante, en posteriores edicións dos Xacobeos a promoción repetiuse dun xeito patético e escasamente renovador, cando dende 1993 a 2004 aconteceran feitos salientables entre eles a incorporación das novas tecnoloxías, as que unha vez máis parecen estar ausentes para os organizadores deste evento.

Este singular feito que acontece periodicamente cunha media de cinco-seis anos en Galicia, sofre unha parada cun intervalo de 11 por caprichos do calendario, aspecto este que se debería ter en conta cando se estaba a preparar o actual ano xubilar, xa que ata pasada unha década non volverá suceder un acontecemento destas características. Daquela xa haberá novas xeracións de políticos e tamén doutro xeito de pensar. Se cadra seguirán as peregrinacións a Compostela, pero tamén poden decaer como fixera noutros momentos históricos ata a década dos noventa, porque outros lugares saben aproveitar ese baleiro que deixarán os anos xubilares galegos. Unha gran parte dos cartos dedicados á promoción do actual Xacobeo fíxose a base de patrocinios de equipos deportivos, dos que, dende o meu punto de vista, só está xustificado o de ciclismo, xa que é un deporte que vive exclusivamente da publicidade e da televisión, ademais de levar o nome deste evento polos principais países europeos. Non obstante, os restantes clubs, con todo o meu respecto, representan un desfalco económico xa que dificilmente se pode vender o evento galego no resto de terras do estado, onde é de sobra coñecido, cando non están saturados de escoitalo a través dos medios de comunicación.

O Ano Santo Compostelán non se pode basear só na promoción a base de camisetas, gorras e clubs deportivos. Necesítase unha planificación previa e concienzuda, xa que o resto é auga de borrallas e ganas de tirar cos cartos de todos os galegos dun xeito vil e absurdo. Ademais, hai que ter en conta que esta galiña dos ovos de ouro pode morrer en calquera momento e tendo en conta que terá que pasar unha longa etapa para poder vivir outro.

18 de xan. de 2010

2 comentários :

  • Un saudo:

    Non sei se o patrocinio dos clubes e productivo ou non de cara a promocion do Xacobeo, o que si esta claro e que o Plan de Marketing do Xacobeo carece de seriedade. E non o digo porque o coñeza, senon pola informacion publicada na prensa (Voz de Galicia, 8/12/2009). A segmentacion do publico obxectivo e espantosa. Mais ben non existe segmentacion, nin publico obxectivo: querese disparar a todo, cando se sabe que se lle intentas atinar a duas lebres o mesmo tempo non lle daras a ningunha. Carecendo deste elemento, toda planificacion e construir castelos no aire, e por suposto tirar os cartos, neste caso diñeiro publico.
    O de patrocinar equipos de futbol ou de ciclismo, sinxelamente, e unha mostra mais de como non facer as cousas. Primeiro hai que saber a quen dirixirse, e logo establecer as tacticas de comunicacion.

    03:30 do 21 de xaneiro de 2010

  • De feito xa hai un dato.
    O caso de David Meca facendo un percorrido a nado que non sei para que sirveu, pero o Goberno da Xunta dí que o contrato con Meca ía acompañado de non facer públicos os cartos que custou.
    A cidadanía debe estar informada do gasto dos cartos públicos.
    Así nos vai.

    FENDETESTAS

    14:25 do 23 de xaneiro de 2010

Danos a túa opinión