Revista de prensa: EL CORREO GALLEGO



Baltar non é Cacharro


Antonio Cendán Fraga


Nas poxas políticas xurdidas nos últimos meses no seno interno do Partido Popular ourensán, o presidente da Xunta de Galicia tivo que sacar algunhas conclusións, que lle poden resultar amargas de cara o futuro. O máis importante de todo é que Xosé Luís Baltar en pouco ou nada se parece ao noutrora barón lugués, Francisco Cacharro Pardo. Mentres para derrubar ao antigo líder do PP lucense chegou cun sinxelo golpe de man que, a pesar de todo, non lle saíu de balde, non ocorre nin vai pasar o mesmo con Baltar. De feito, a caída en desgraza de Cacharro costoulle a perda da Deputación lucense e un forte menoscabo dunha importante forza no rural, da que logo conseguiría recuperarse nas eleccións autonómicas.

Sen embargo, as cousas en Ourense son totalmente diferentes. Derrubar a Baltar da Presidencia da Corporación ourensá é unha operación practicamente imposible e facerlle perder o control do aparato político tamén, agás que se faga cun golpe de man que no caso do sureste galego tería un altísimo prezo electoral. A diferenza do que ocorreu en Lugo, o clan dos Baltar ten todo atado e moi ben atado, ademais de ter as inquebrantabeis adhesións que flaquearon no nordés galego. Intentar afastar do poder o actual presidente da Deputación ourensá e o seu fillo parece pouco menos que un intento de suicidio por parte de quen o queira facer, xa que neste caso, a diferenza de Lugo, a recuperación electoral sería practicamente imposible e a devacle do Partido Popular non se faría agardar. Ademais podería ter un contaxioso efecto para as restantes provincias galegas onde a familia Baltar posúe unha poderosa influencia.

Outro serio atranco ao que debería enfrontarse a dirección dos populares galegos é o sempre posible rexordimento dunha escisión. Cabe lembrar que Fraga Iribarne tamén se tivo que enfrontar ao poder de Xosé Luís Baltar e rematou cedendo as pretensións deste último. No hipotético caso de que os controladores do PP ourensán intentasen facer un partido político paralelo, as consecuencias poderían ser devastadoras para os seguidores de Núñez Feijóo. Se cadra no PPdeG están ao tanto e calcularon ben todos os hipotéticos escenarios e a marxe de maniobra que ten a familia Baltar na provincia de Ourense. De non ser así e de non satisfacerse as súas pretensións, non só agora senón ao longo da actual lexislatura, o actual Executivo galego a bó seguro que, en catro anos, correrá a mesma sorte que tivo Touriño en marzo pasado.
El Correo Gallego, 4 de xaneiro de 2010.

4 de xan. de 2010

0 comentários :

Danos a túa opinión