REVISTA DE PRENSA: Prolingua

Unha ameaza á liberdade

Agustín Fernández Paz

-Cando eu emprego unha palabra –dixo Humpty Dumpty co mesmo ton despectivo- esa palabra significa exactamente o que eu quero que signifique, nin máis nin menos.
-A cuestión é saber –dixo Alicia— se se pode facer que as palabras signifiquen tantas cousas diferentes.
-A cuestión –respondeu Humpty Dumpty— é saber quen é o que manda... e punto!

Alicia do outro lado do espello
, Lewis Carroll

1. Escribo estas palabras logo de escoitar na radio e de ler nos xornais electrónicos as liñas xerais do borrador do novo decreto que regulará o galego no ensino, así como as declaracións do presidente señor Núñez Feijoo na rolda de prensa onde se presentou.

Non me vou deter agora na valoración dos contidos deste borrador, algúns tan transcendentais como a severa redución horaria que sofre a lingua galega ou a presenza da lingua inglesa como vehicular, un subterfuxio para “vender” mellor á sociedade este novo decreto e enmascarar o evidente proceso de minorización da lingua no ensino. De todo iso, e de máis, haberá tempo para falar nas vindeiras semanas. Hoxe só quero determe na reiterada apelación á “liberdade” dos pais e nais, e no papel que se lles outorga na elección da lingua que utilizará o profesorado na aula.

2. Na Galicia de hoxe, as persoas galegofalantes (e as castelán falantes que non teñan prexuízos) sabemos que a nosa liberdade lingüística está moi limitada. Son numerosos os atrancos que se nos presentan, sobre todo en determinados ámbitos urbanos, para desenvolver a nosa vida cotiá e profesional en galego. Tan numerosos son, que moitas persoas ocultan socialmente a súa lingua, sexa para evitar desagradables problemas nas relacións sociais, sexa por imperativo da empresa onde traballan. É o fenómeno da invisibilidade social do galego, derivado dos prexuízos sobre a lingua existentes na sociedade; fenómeno amplamente estudado, sobre o que non insistirei aquí.

Estes atrancos reiterados non os padecen as persoas castelanfalantes, que poden desenvolverse con plenitude na súa lingua. A min isto último paréceme moi ben, como é obvio. O que me parece mal é que as galegofalantes non poidamos ter uns dereitos semellantes. Se non se quere que haxa cidadáns de primeira e de segunda, teñen que crearse as condicións para que se poida vivir en galego coa mesma normalidade que o pode facer unha persoa castelán falante.

Para iso é imprescindible que a poboación sexa competente nas dúas linguas oficiais, para que logo cadaquén decida libremente se usa unha ou outra nos diferentes ámbitos e situacións. A dobre competencia é clave para garantir a liberdade lingüística. Unha competencia bilingüe que xa posuímos todos os cidadáns que temos como lingua de instalación o galego. E que posúe tamén un sector das persoas castelanfalantes que non teñen prexuízos sobre a lingua e non perciben como unha ameaza ou unha afronta a presenza do galego na sociedade.

3. Acadarán unha boa competencia en galego os alumnos e alumnas que se van escolarizar nun sistema educativo onde van ter un 33% (teórico, que se a práctica continúa como ata o de agora nun significativo número de centros, nin iso haberá) de docencia en galego? Por desgraza, salvo apelando á fe irracional nos milagres, sabemos que a resposta é negativa. Calquera manual de sociolingüística aplicada ao ensino explica o evidente: que unha lingua minorizada socialmente ten que estar presente nas aulas cando menos na metade do currículo.

Por riba, en Galicia xa temos experiencia práctica, porque ben nolo demostrou o decreto 247/1995, que tamén contemplaba un uso minorizado do galego. Os seus malos resultados respecto do obxectivo básico (acadar unha boa competencia nas dúas linguas oficiais) foron, precisamente, unha das razóns que levaron á elaboración do Plan Xeral de Normalización do ano 2004. Por certo, o señor Núñez Feijoo, que daquela era vicepresidente da Xunta, votou afirmativamente o PXNL no Parlamento. Como crer en diante nas súas propostas de consenso? Acaso non era un consenso –moi meditado e moi traballado, podo dar fe como persoa implicada— o PXNL?

4. Con este decreto, o mandato principal da Lei de Normalización Lingüística (garantir que o alumnado acade unha boa competencia nas dúas linguas oficiais) convértese en papel mollado, malia as palabras baleiras que tentan negalo e poñer a venda antes da ferida. Unha significativa porcentaxe do alumnado, con seguridade, acadará unha escasa competencia en galego. Se a Administración se atreve a propoñer controis externos de avaliación das competencias, en poucos cursos poderemos constatar os amargos froitos obtidos. Os futuros cidadáns que exercerán a avogacía, ou traballarán na administración, ou na fontanería, ou no comercio, ou na medicina, ou nas notarías... non van ter a competencia necesaria para que nós, ou os nosos fillos e fillas, poidamos usar a lingua en calquera situación.

Un decreto coma este supón un intento de converter unha parte da cidadanía en cidadáns de segunda. Un ataque ás liberdades que non se fai de fronte, senón apelando á “liberdade” dos pais. O Ministerio da Verdade que profetizou o señor Orwell habita entre nós!

5. Lembremos, unha vez máis, o evidente: a educación dos nenos e nenas, nunha democracia, non é algo que poidan decidir os pais directamente, porque afecta a toda a cidadanía. Aos que teñen fillos e aos que non, aos que xa non os teñen en idade escolar e aos que pensan telos no futuro. E tamén aos pais e nais que teñen fillos escolarizados, xaora.

Por esta razón, a estrutura do sistema educativo, o horario escolar, as materias que se imparten e os seus respectivos currículos, a capacitación do profesorado, os sistemas de avaliación... son todos aspectos que deciden e regulan os gobernos democráticos, precisamente porque afectan a toda a cidadanía.

O mesmo debería suceder co uso das linguas no sistema educativo. A que se debe esta evidente deixación de funcións por parte da Xunta, malia a claridade coa que xa falou o Tribunal Constitucional? A apelación á liberdade de escolla das familias é unha evidente terxiversación do termo “liberdade”, máis grave aínda se temos en conta que se lles pide opinión sobre unha lingua sometida a arraigados prexuízos sociais, que esixiría políticas activas para favorecer o equilibrio coa lingua máis asentada socialmente.

6. Como ocorre con outros aspectos da ideoloxía neoliberal, úsase a palabra liberdade cando, en realidade, o que se quere dicir é “liberdade para uns poucos” ou “liberdade para os que xa están en posición de privilexio”.

Hoxe está en xogo algo máis que a pervivencia da lingua e a consolidación dos logros acadados, está en xogo algo máis que o baleirado real da Lei de Normalización Lingüística. As persoas galegofalantes imos ter, se este decreto entra en vigor, as nosas liberdades sociais ameazadas. Que a ameaza se converta ou non en realidade, está en mans de todas as persoas que desexan unha sociedade máis libre, máis igualitaria, máis culta. E, sobre todo, máis xusta.

31.XII.09

01/01/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión