Trinta anos d´A Pravia


Alfonso Blanco

A Pravia é un dos sinais máis senlleiro da identidade de Vilalba, porque esta árbore silandeira garda e conserva as coitas, segredos e debates de moitas xeracións de veciños, que confiaron os mellores devezos á súa sombra. É a criatura que máis sabe da cidadanía en toda a comunidade. Nestes centos de anos abrollaron moitas e moitos retoños, pero un, que ven de cumprir anos, é o que mellor asimilou o seu xeito: a revista do colexio Insua Bermúdez, unha mostra daquel dito: "o que a boa árbore se arrima, boa sombra o acubilla". As nenas e nenos, que hai tres decenios teceron este proxecto con fibras tan tenras e rexas, ben sabían que con esta cerna non hai fracaso.

Xa son 39 números, que foron producindo promocións de xornalistas deste centro. As raíces da pravia resisten todos os embates da vida. Así erguida, coa cabeza ben alta, de pé…, segue a inspirar tanta sabedoría popular a estes redactores. A publicación é unha testemuña viva da comarca, agarimada polos ollos sagaces dos máis novos. Tanta sementeira literaria e artística, ata de investigación, só é posíbel nunha vila cunha forte historia xornalística nestes dous séculos. Non hai escrita tan rigorosa sobre o capón, por exemplo, coma a dos seus especiais… Ou eses elencos de adiviñas, refráns, etc. A colección converteuse nunha pequena enciclopedia do noso universo chairego, que vai fornecer de materiais de primeira man, ás vindeiras xeracións.

Advertín nesta colleita de A Pravia que transmiten todos estes saberes coa autenticidade propia da idade temperá dos seus autores, coa obxectividade do que recolle, ata onde a súa ollada marabillada alcanza, sen outros intereses, que non sexan, compartir e comunicar estes descubrimentos. Nesta hora, hai que festexar o latexo e creatividade desta xente nova, cando sentimos que publicar neste soporte, non adoita ser o hábito máis común hoxendía. Buscar datos, estruturalos, darlles esta forma e beleza, ilustralos…, é un proceso ateigado de lentura que os convida a recoñecerse membros da súa comunidade, herdeiros dunha cultura, que eles mesmos están a enriquecer e alongar coa súa revista. Cómo mesatisfixo, cando unha nai me informaba de que ía preparar un xantar no Nadal cunha das receitas que seleccionou n´A Pravia!.

27/01/2010

1 comentários :

  • A Pravia, cantos recordos... Entre eles un que me parecería (desgraciadamente) pouco probable hoxe en día: que rapaces de trece anos fosen un sábado pola mañán ao seu colexio, para pasar a punta dun bolígrafo sen tinta por un cliché, a darlle voltas á multicopista (¡ostia, que vellos imos! nin fotocopiadoras había), e cun sonriso na cara sen decatarnos que, con toda a humildade, poñiamos o noso gran de area na cultura local.
    Unha forte aperta a todos os compañeiros-nenos e compañeiros-mestres que participamos do nacemento daquela revista.
    Suso Ares.

    01:10 do 29 de xaneiro de 2010

Danos a túa opinión