Críticas do Consello da Cultura ás bases do Decreto

Redacción

“Non se pode tratar igual aos desiguais”, afirmou o Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e Henrique Monteagudo, secretario e coordinador da Comisión que elaborou o borrador do ditame sobre as “Bases para a elaboración dun decreto de plurilinguismo no ensino non universitario de Galicia” que aprobou onte pola tarde o Plenario da institución. Villares e Monteagudo compareceron hoxe ante os medios de comunicación para explicar o documento. Villares sinalou que se trata dun ditame “crítico pero construtivo”.

1. Ditame do CCG sobre as “Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia“ (en pdf)
2. Audio da rolda de prensa (en mp3)

Villares e Monteagudo reafirmáronse nas liñas xerais contidas na súa Proposta Institucional remitida aos Grupos Parlamentarios en novembro de 2009. Nelas reclamábase un amplo consenso social e político para desenvolver a lexislación sobre política lingüística e a consideración do idioma galego e da cultura coma un recurso e como un activo social necesitado de políticas de promoción por parte dos poderes públicos. Villares e Monteagudo incidiron na traxectoria do Parlamento e dos poderes públicos de Galicia desde os inicios da autonomía. “Os catro anteriores presidentes da Xunta de Galicia adoptaron medidas baseadas no principio de progresividade da imprantación do uso do galego e o papel de reforzo do sistema educativo para conseguir a igualdade plena do galego e do castelán”.

O Ditame do CCG realiza rigorosas críticas a varios puntos das “Bases” e se expoñen propostas alternativas que poidan ser recollidas no eventual decreto a que aquelas poidan dar lugar. O documento pode ser consultado, xunto coa rolda de prensa en audio, no web corporativo do CCG: www.consellodacultura.org.

Puntos máis destacados do Ditame:

1. O Decreto ou norma a que dean lugar estas “Bases” debe centrarse exclusivamente na regulación do uso das linguas oficiais no sistema educativo e na promoción do idioma galego.

2. A lingua da Administración educativa, dos centros de ensino dependentes dela e do persoal ao seu servizo debe continuar a ser, con carácter xeral, a lingua galega, como se recolle no Decreto de 2007 actualmente vixente.

3. A utilización vehicular da lingua estranxeira debe ser introducida de xeito gradual e voluntario, acompañada de medidas de reforzo, como sucede na maioría dos países do noso entorno europeu. A Formación profesional específica e as ensinanzas artísticas e deportivas deben tamén beneficiarse desas medidas.

4. Na etapa de educación infantil, debe seguirse como criterio xeral o uso na aula da lingua predominante entre o alumnado. Ao mesmo tempo, o Consello recomenda prestar unha maior atención á lingua minoritaria nas aulas.

5. As linguas vehiculares no ensino da Educación primaria, Secundaria obrigatoria e Bacharelato deben ser reguladas á luz do preceptuado no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega cando dispón que “como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego”, dado que se trata, máis que de equilibrio ou paridade entre linguas iguais, de evitar as desigualdades con que de partida conta a lingua galega.

6. As previsións referentes á consulta vinculante ás familias para a determinación do uso do galego ou o castelán como linguas vehiculares nunha serie de materias da Educación primaria, secundaria obrigatoria e Bacharelato deben decaer, tanto por razóns de principio como por cuestións prácticas e de procedemento.

02/02/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión