...fugit (O tempo e a Memoria)

Por César Reis

Ler os diarios oficiais coma se fosen un libro de horas, como un dietario, mesmo como un caderno de bitácora. Neles, baixo ese albisque de estilo, gris e funcionarial, que tanto os singulariza, rexístrase con escrupulosa lasitude boa parte do noso fastío cotián, dos traballos e os días, o sórdido e o sublime. Ás veces por omisión. A intrahistoria da Historia debúllase, multiplicándose ad infinitum, nunha sorte de ordes, decretos, proxectos de lei… de tediosa lectura e morosa execución.

Postulo este argumento porque hai unhas semanas un asunto de afastada memoria, cuxa pista me atrevín a seguir hai anos –e mesmo a publicar un rudimentario bosquexo que explica o título deste artigo–, saltou de novo á luz. Non sei se algún de vostedes puido lelo ou escoitalo nos medios. Ignacio Buqueras, presidente da Comisión Nacional para Racionalizar os Horarios, fixo unha proposta formal ao goberno solicitando que España atrase unha hora os reloxos para así poder voltar á chamada hora UTC+0 (Universal Time Coordinated), a do meridiano de Greenwich. Tamén a das illas Feroe, as Canarias, o Nordés de Groenlandia, Irlanda, Islandia, Portugal e o Reino Unido. A razón é clara e a súa explicación baladí. Expóñoa de todos os xeitos para entretemento de lectores ávidos e desasosego de impacientes.

Europa áchase dividida en tres franxas horarias: Europa Occidental, ou UTC+0, para o territorio xa citado; Europa Central ou UTC+1, é dicir, Albania, Alemaña, Bélxica, Dinamarca, Francia, Hungría, Italia, Polonia, República Checa, Suíza…; e Europa Oriental, ou UTC+2, Bielorrusia, Bulgaria, Chipre, Estonia, Finlandia, Grecia, Lituania, Romanía, Rusia, Ucraína... Asombrosamente, o noso é o país no que máis tarde anoitece de Europa, pero tamén no que máis tarde amence. Os habitantes desta parte da pel de touro érguense á mesma hora que o resto de nacións –malia que aquí sexa aínda noite–, pero déitanse máis tarde, porque nestas terras de infinda e iluminada troula a vella saudade do crepúsculo adoita demorarse –o tempora, o mores!– máis aló do que en ningún outro lugar do vello continente.

Desto inférese algo evidente: pasamos máis tempo nos lugares de traballo, pero non producimos máis. Malia iso, somos o que os expertos adoitan chamar “unha excepción horaria”. A causa? A súa explicación debería formar parte –se non o ten feito xa–, do conxunto de reivindicacións confluíntes na denominada “Memoria Histórica”. Sen animo de enfastiar máis ao lector, a intervención de Buqueras estimúlame a expola.

Segundo parece, antes da guerra civil, aquí rexía a hora de Greenwich. Logo da contenda, e coa vitoria nacionalista, o novo goberno decidiu tomar partido no que se aveciñaba adoptando definitivamente, a partires do 16 de marzo de 1940, a hora de Berlín co fin de que “o horario nacional marche de acordo cos doutros países europeos” –imaxinar cales non é difícil–, tal como reza a Orde de 7 de marzo de 1940 –ampliar imaxe adxunta–.

Existen pobos que, como o hindú, carecen de sentido histórico. Non o noso. Non pretendo saber que é o tempo ou a memoria, pero intúo que o primeiro non é máis que unha convención social. A memoria se cadra non. O mecanismo que rexe isto non é novo e tradúcese a múltiples ordes da vida. O pasado, gústenos ou non, afaise a perseguirnos. En ocasións pode voltarse contra nós. Noutras podemos poñelo a proba, mesmo ao noso favor. Non é unha decisión sinxela. Tampouco banal. Pero nada, ou case nada, na vida o é. Non pretendo dogmatizar, ensaiar unha conclusión, persuadir ao paciente lector. A complexidade que supón facelo sobrepasaría con vizosa fartura os límites desta humilde nota. Simplemente o meu desexo é expor. Iso si, comprenderán que lles pase a pelota. As conclusións poden estraelas perfectamente vostedes. Se así o desexan.


cesar.reis.alveiros@gmail.com

12 de feb. de 2010

0 comentários :

Danos a túa opinión