Mañá pase especial de "La sinapsis del códice"

Redacción

Mañá xoves, 11 de febreiro, ás 21:00 h. o Palacio de Congresos de Santiago acollerá un pase especial de La sinapsis del Códice, nova longametraxe do cineasta compostelán Pablo Igresias, autor de obras como a premiada Pedro e o capitán ou o biopic de Xesús Neira Vilas. Nesta ocasión o director compostelán afrontou un ambicioso proxecto para o que contou coa participación de importantes figuras da escena nacional e internacional como Sara Casasnovas, Hugo Silva, Luís Tosar, Óscar Jaenada, Tessa Bergmeier, Sergio Pazos ou Miguel de Lira entre outros.

Na produción, que conta coa colaboración da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, intervén tamén a poetisa Yolanda Castaño, quen pon voz á auténtica protagonista do filme, a relixiosa mística Hildegard Von Bingen, para moitos a mítica peregrina Gerberga de Flandes á que se atribúe a escritura do libro V do Códice Calixtino. Así, a rodaxe, realizada durante o pasado verán en multitude de localizacións ao longo do Camiño de Santiago, está baseada nunha aventura histórica na que a realidade se mestura coa ficción e o espírito da Ruta Xacobea vai calando no seu protagonista (Sara Casasnovas) do mesmo xeito que o fai nos milleiros de peregrinos que percorren este camiño de peregrinación desde hai doce séculos.

O espectador vai descubrindo quen era en realidade esta misteriosa muller á vez que se ve cegado pola beleza dun itinerario fascinante que o equipo de Igresias soubo retratar como nunca antes se vira e que atopa a súa máxima plenitude na chegada a Santiago, onde a protagonista (e con ela o espectador) asiste a un espectacular voo do botafumeiro no que se revelará a transformación que ocasiona a emocionante experiencia da peregrinación xacobea.

O director define a formulación estética do filme como "radical" e sitúao entre a nouvelle vague e o Dogma danés tintado ao Andy Warhol: "É algo novo e hipnótico, que fago combinando dous tipos de texturas de imaxes, por unha banda a subxectiva e do recordo cun tratamento de cinema antigo calibrado e procesado de forma dixital e, por outro, expondo unha liña máis documental cun branco e negro purpúreo que dá solemnidade á información".

Pablo Igresias asegura "estar a vivir un soño" e móstrase convencido de que a película marcará un fito na súa carreira. Polo momento a longametraxe, cuxa estrea terá lugar na Televisión de Galicia e outras autonómicas, xa ten asegurada a súa participación en diversos festivais nacionais e internacionais, será distribuída en varios países para a súa emisión a través de TDT e foi vendida a varias televisións europeas e latinoamericanas.

10/02/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión