Presentación do libro '55 mentiras sobre a lingua galega'


Redacción

Onte tivo lugar en Vilalba a presentación do libro 55 mentiras sobre a lingua galega, un ensaio redactado por membros da plataforma ProLingua, baixo a coordinación de Xosé-Henrique Costas.

Ao tempo que se celebrou en Vilalba, desenvolveuse tamén en máis de sesenta localidades de todo o mundo, ainda que con distintos protagonistas. Presentado e moderado polo xornalista Moncho Paz, comezou ás 20:30 horas na Casa da Cultura e contou coa asistencia de máis de 115 persoas, que durante hora e media escoitaron os argumentos esgrimidos por Luis Villares (xuíz d´A Fonsagrada), Primitivo Iglesias (profesor e alcalde d´A Pastoriza), Antía Veres (estudante universitaria) e Ricardo Polín (profesor e investigador). Entre o público asistente, destacar a presenza de Xesús Rodríguez, director da Revista Galega de Ensino; José-Luís Novo Cazón, historiador; varios directivos do Instituto de Estudos Chairegos; e os concelleiros Xosé Manuel Irimia (BNG), Xosé Teixeiro (PSdeG-PSOE) e Agustín Baamonde Díaz (PPdeG), tamén deputado no Parlamento galego e que ten actuado como voceiro do seu grupo en cuestións de lingua.

Este libro útil, como foi definido no acto da súa presentación, avanza nas súas páxinas até desmontar por completo, unha por unha, as principais falacias que ao longo da historia se veñen verquendo sobre a lingua galega. Así, a obra estrutúrase en varios capítulos, onde se rebaten as mentiras tecidas sobre o noso idioma no ensino, nos medios de comunicación, o comercio, a empresa e, en definitiva, no conxunto da sociedade. De xeito especial, no acto de onte fíxose referencia ás bases do novo decreto elaborado pola Xunta de Galicia, montado sobre a inmensa manipulación que supuxo a consulta aos pais e nais, unha enquisa tecnicamente desastrosa e nada democrática nin transparente. Esa mentira está montada, á súa vez, sobre outra maior que é a da imposición do galego.

Para máis información, pódese descargar o interesante documento Síntese das contradicións entre a doutrina constitucional, as leis de normalización e as bases, do que é autor o xurista Luís Villares.

Fotos: Paulo Naseiro (AVV)

06/02/2010

3 comentários :

  • Xenial reportaxe dun fantátisco acto. Parabéns a todos!

    17:29 do 6 de febreiro de 2010

  • Grande acontecemento o que vivimos o venres en Vilalba. Noraboa aos de Prolingua, e noraboa aos da Voz de Vilalba por saber estar onde hai que estar en todos estes anos. Temos que achegar ao máis da xente o contido do Libro que se presentou. As mentiras páganse e hai que facerllas pagar aos que as cocen.

    13:07 do 8 de febreiro de 2010

  • Alegrame que se presentase ese libro en Vilalba. É todo un síntoma de aire fresco e de liberdade. Sabedes que aos defensores de Galicia e a súa esencia, das que non exclúo a ninguén, uns señores que se din "demócratas de toda la vida" chamannos NAZIONALISTAS?. Coido que me comprendedes verdade.

    XAN DO MUÍÑO.

    16:46 do 9 de febreiro de 2010

Danos a túa opinión