Ramistas vilalbeses


Xulio Xiz

Polo que se ve, saíunos madrugadora a Comisión de Festas do San Ramón, que está a traballar intensamente, e ós seus componentes férvelles a cabeza con ideas de todo tipo de acontecementos festeiros que incluir no programa do próximo San Ramón.

En tempos, a tradición das festas contemplaba que os ramistas – que así se chama ós que forman parte dunha comisión festeira- sacasen en limpo para un traxe. Pero eso é so un chiste malo, e o certo é que o que se mete nunha comisión festeira ten garantido un inxente traballo, pequenos aplausos para os acertos e incomprensión e críticas en cantidade para os naturais erros que se produzan na organización.

Teño que recoñecer que a miña visión dese papel é forzosamente pesimisma, que algo tamén teño participado en tarefas organizativas –nada menos que cinco anos como secretario da Comisión de festas do San Froilán en Lugo- e coido saber do que falo cando menciono o ingrato traballo dos membros das comisións, e o curtidos que hai que estar para sacalas adiante.

En Vilalba, este ano, polo que se ve os da comisión lévano bastante ben xa que empezaron con moito tempo, que é vital nestes traballos, e teñen a estas alturas do ano xa contratadas dez orquestas que, tendo en conta que van actuar na forza do verán, a finais de agosto, é traballar con vista e conseguir uns precios que a última hora é imposible conseguir.

Fálase de que o Rallye San Froilán poida pasar por Vilalba como un complemento festeiro tendo aquí un fito ou etapa, de incluir un torneo de tiro ó plato e unha feira hípica, ademáis dun sorteo no que se poñan en xogo dous turismos e 3.000 euros en metálico. O que queira colaborar coa comisión pagarán dez euros por rifa, e ademáis de participar na financiación das festas optará a algún destes regalos.

Pero o que máis me chamou a atención foi o de incluir unha raíña das festas da terceira edade, para recoñecer o traballo da xente maior.

Que haxa unha raíña das festas, escollida entre as mozas da localidade, forma parte da tradición e eu lembro raíñas e damas de honra nas festas de Vilalba desde comezos dos anos sesenta, en tradición ininterrumpida ata a actualidade.

Logo veu a raíña infantil, relativamente recente, na que unha nena se incorpora á comitiva real para, se a maior é a raíña das festas en xeral, a pequena o sexa das festas dos nenos, que viven o feito festeiro aínda con maior intensidade que os maiores. E un ano houbo que tamén existíu un Rei infantil. Que está ben, que con esto da igualdade de oportunidades entrámbolos dous sexos, a monarquía festeira –aínda que fose na excepción dun ano- tamén pode ter elementos masculinos.

Que agora veña unha raíña – e por que non rei? – da terceira idade, non queda mal, que todo o que engada elementos chamativos contribúe á brillantez das festas.

Eu teño experiencia de presentar o acto no que as raíñas e as damas de honra reciben os seus atributos reais e festeiros, pois son máis de trinta os anos que levo no Certame literario e nas ceremonias que as festas levan consigo- e para a relevancia das festas (sempre hai críticas) non lle ben nada mal que haxa raíñas que reinen de xeito efémero, que paseen a súa fermosura en actos e procesións, e que deixen lembranzas fotográficas que anos despois se vexan con nostalxia.

E se agora hai unha raíña máis, da terceira idade, a fin de contas da miña quinta, terei moito gusto en decir fermosuras da elixida que, sexa quen fose, terá méritos sobrados para ser honrada durante o próximo san Ramón.

Eu deséxolle a esta comisión de festas moita sorte. Non só porque os seus éxitos van ser os éxitos de Vilalba e as súas festas, senón porque o traballo longo e intelixente merece como primeiro resultado que as cousas lles sallan ben. Meréceno.

03/02/2010

2 comentários :

  • Ufff, non sei nin por onde comezar. Que Xulio, a quen por outra parte creo que todo o que o coñece o apreza, presuma da súa "experiencia" na condución do "acto" do certame, xa di moito en contra desta "tradición": levan trinta anos facendo o mesmo, unha e outra vez, unha e outra vez, unha e outra vez, unha e outra vez.......... Como mínimo, a falta de iniciativa e imaxinación é notable.
    Despois está o das "raíñas" e as "damas". É unha "tradición" machista, moi propia de tempos xa pasados, pero aquí parece que nos empeñamos en seguir usando ás mulleres como floreiros, que non outra cousa parecen empoleiradas no estaribel que lles montan para lucilas neste antediluviano "acto".
    E agora unha raíña "da terceira idade". Non é por nada, respecto moito ás persoas de todas as idades, pero coido que sobran as raíñas todas, e as damas, e os acompañantes, e un político que, con todos os respectos que me merece, convertiron na nosa particular momia de Lenin.
    Eu todos os 30 de agosto teño a sensación de vivir como Bill Murray naquela fantástica película "Atrapado no tempo", só que en vez do día da marmota, aquí facemos o do certame literario.

    17:30 do 3 de febreiro de 2010

  • Desgraciadamente o chamado certame literario é un acto ancestral, machista (como di o anterior lector) e dende logo antideluviano. O que deben ter os nosos políticos é algo máis de imaxinación: facer un acto novo e ante todo evitar as momias que cada vez nos defenestran a todos un pouco máis e que tan só son unha lembranza do franquismo máis rancio.

    19:30 do 4 de febreiro de 2010

Danos a túa opinión