Vilalba no mundo

Xulio Xiz

Diante dun feito como a inauguración do último tramo da autovía Ferrol-Vilalba, teño que autocomplacerme pensando na miña vila e na magnífica noticia que esto supón.

A min esto das novas vías de comunicación teño que confesar que me conmove, e supoño que se me ten notado xa en numerosas ocasións. E supoño que é porque a estas alturas da vida, tendo recorrido millóns de kilómetros por malas carreteras que agora teñamos unhas estradas perfectas é algo bastante parecido a esa felicidade que todos anceiamos.

Non esaxero cando menciono millóns, porque vou polo sexto coche propio, e a cada un rodeino entre douscentos mil e trescentos mil kilómetros, e todo esto sumado ás viaxes nas que eu non conducía, danme unha certa experiencia no recorrido polas estradas galegas, especialmente da provincia de Lugo. As novas autovías, co seu dote de seguridade, amplitude, trazado, son – por agora- a perfección no transporte automobilístico, e deso hai que congratularse.

Eu lembro cando ir no coche de linea ou da feira de Vilalba ás Pontes levaban máis dunha hora, de Vilalba a Muras outro tanto, e de Vilalba a Viveiro máis de dúas horas. De Vilalba a Lugo era unha hora, e así sucesivamente.

Teño ido en coche pola zona que estes días se inaugurou, en coche da feira. E mentras íamos por terreo chao o vehículo levaba unha velocidade de cruceiro que ó mellor chegaba ós corenta por hora, pero nas costas era outro cantar. Cando desde o que agora é autovía se ía hacia Muras – que agora tamén, parece, ten a consideración de Terra Chá, que xa é ter – nas costas, o coche das feiras volvíase remolón e camiñaba (é un dicir), ó mellor a quince por hora.

Ós rapaces gustábanos ir “na baca”, na parte superior, onde ía xente maior e máis a carga. E cando o pobre autobús hipaba nas costas, subindo con todo o esforzo do mundo, os nenos baixabamos pola escaleira posterior, facíamos algunha necesidade menor á beira da estrada, botábamos a correr e collíamolo de novo. Aquello era tranquilidade nas viaxes, e o demáis son contos. Hoxe, queda aquello tan lonxano como a conquista do oeste.

Ó que ía: Vilalba, coa chegada da autovía de Ferrol e As Pontes, queda conectada co mar ferrolano, ten porto de mar a pouco máis de media hora. Pero contando coa autovía A-8, estará conectada – como dicía o Presidente Feijoo- con Francia, e con Asturias, e todo o norte de España, estándoo xa coa A-6, coa Coruña, con Madrid. Se hoxendía o futuro está nas comunicacións, Vilalba está no futuro convertida nun nudo de comunicacións como ningún outro pobo da provincia de Lugo, e como moi poucos outros de Galicia.

Notaremolo no futuro, e notarano as xeneracións vindeiras, pero pensemos que este mércores ianugural foi para Vilalba un día histórico. Non tivemos en tempos – como denunciou o Alcalde, Gerardo Criado – un ferrocarril que nos vencellase coa costa e co resto de España, pero agora temos – e máis que imos ter- unhas comunicacións de primeira orde por estrada que vencellan a

Vilalba co mundo, e a todo o mundo con Vilalba.

25 de feb. de 2010

2 comentários :

  • E esas comunicacións ferroviarias porque non se fixeron antes?. En vez de obsequiarnos cun Parador de Turismo, con cinco habitacións, nos anos sesenta porque non nos proporcionaron un enlace ferroviario con Baamonde. Porque durante 16 anos o partido ao que pertence o sr. Criado, que agora denuncia a ausencia de vías férreas, non construiu nin un só treito ferroviario en toda Galicia?. Esas son dúas grandes preguntas que non teñen resposta. É normal que Vilalba non prosperase nada durante o século XX. O ferrocarril xa se reclamaba nos primeiros xornais do século XX cando se instaba a que se enlazase Vilalba coa Pontenova, que daquela dispuña do tren mineiro. Os que están a responsabilizar a outros da falta de comunicacións son os mesmos que durante 100 anos as impediron, ou mellor dito que pertenceron a ese mesmo partido, chamásese conservador, monárquico, FET y de las JONS, e finalmente AP ou PP. En Vilaba, Lugo e Galicia non gobernou ninguén máis. Así que a responsabilidade das carencias comunicativas xa sabemos de quen é. Sinxelamente a autovía chega demasiado tarde, xa que Ferrol cada vez ten menos relación con Vilalba. Nas Pontes hai menos traballo. Ista autovía deberase levar a cabo polo menos hai 20 anos. Daquela o Sr. Fraga, presidente de todas as Xuntas e canturroleiro onde os haxa, prefiriu facer Santiago-Dozón, pola que se contan cos dedos dunha man os vehículos que pasan cada hora. E non esaxero nada.

    XAN DO MUÍÑO.

    26 de febreiro de 2010, 18:43

  • Esas comunicacions ferroviarias estaban contempladas en tempos de Isabel II, concretamente no 1865, tal e como sinala o "Informe sobre el plan general de ferro-carriles" da "Junta de estadistica". A cargo de Francisco Coello, este informe indica a importancia de tender unha liña dende Lugo a Ferrol e outra dende Lugo a Ribadeo, ambas por Vilalba, dada a maior facilidade de execucion que a liña dende Betanzos a Ferrol, por exemplo. O informe puntualiza que para o arsenal de Ferrol e mais importante a comunicacion directa coa meseta que coa capital de provincia. E curioso, pois este plantexamento centralista, sen embargo, puido supoñer un pulo moi importante para o desenrolo das comarcas do norte de Galicia, que nembargantes ficaron ailladas e subdesenroladas ata hai ben pouco.

    1 de marzo de 2010, 01:20

Danos a túa opinión