8 de marzo!


María Xosé Lamas

Fómolo gañando a pulso, pero aínda non acadamos o obxectivo: a igualdade de xénero.

Loitas máis ou menos silenciadas ao longo dos séculos situáronnos ás mulleres do s. XXI en disposición de ... seguir loitando para lograr o que nos tiña que vir dado.

Os homes non tiveron que facer ningún esforzo para demostrar a súa “suposta superioridade” e, por se nalgún intre se dubidara dese axioma, sempre había alguén disposto a ratificalo con algún estudo nesgado ou sinxelamente cunha opinión indiscutíbel por parte, claro está, dalgún misóxino. Sen embargo, as mulleres sempre tivemos que amosar a nosa valía con signos apreciábeis aos ollos dos varóns e, non obstante, esta podía considerarse como algo excepcional, individual e non xenérica, isto é, unha calidade innata de alguén determinado. Así, existiron mulleres que adquiriron sona, como Madame Curie – máis coñecida como esposa de Monsieur Curie que como Marie, o seu nome propio. Outras, moi poucas, foron coñecidas como cantantes líricas, pianistas, e algunha escritora, mais estas actividades eran consideradas aptas para o xénero feminino e aínda non sempre pois, para editar un libro, ás veces tiñan que facelo baixo un pseudónimo masculino; serva como exemplo entre os máis coñecidos o de Cecilia Bölh de Faber que asinaba como Fernán Caballero.

Actualmente e despois de décadas e décadas nos que as mulleres demostramos día a día as nosas competencias chegando a ser as que posuímos máis logros académicos e sexamos maioría nas universidades, temos que seguir loitando por sernos consideradas en igualdade, tendo forzosamente amosada a nosa superioridade en moitos campos da existencia.

O día 8 de marzo só representa a bandeira, o signo polo cal se nos permite facernos presentes. Pero detrás desa bandeira, e durante os 364 días restantes do ano, hai un exército –se se me permite o símil- disposto a seguir en loita polo que lle corresponde: dignidade como persoas; ninguén ten dereito a menosprezarnos e moito menos a aldraxarnos con maltratos físicos ou psicolóxicos, ninguén ten dereito a ningunearnos ofrecéndonos peores condicións laborais que aos homes, e un longo etcétera de dereitos que se nos negan tantas veces. Tamén nos corresponde a igualdade na consideración das nosas competencias; xa vai sendo hora de que a sociedade tire a venda dos ollos, esa venda construída polo tradicionalismo e o inmobilismo para que nada mude.
Imos seguir en pé e loitar polo que é noso para conseguir que nun futuro, se é o caso, haxa un só día do ano dedicado ao home – emprestámoslles o 8 de marzo- e o resto dos días nos pertenzan.

Ánimo!

09/03/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión