Antón Bao insta á Xunta a pronunciarse sobre o proxecto da Casa-Museo de Manuel María


Redacción

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Antón Bao, informou hoxe no transcurso da rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno de organismo provincial, fóra dos asuntos da orde do día, do estado no que se atopa o proxecto para levar a cabo a conversión da casa natal de Manuel María nun centro museístico para o estudo e divulgación da obra do insigne poeta chairego. Neste camiño, Antón Bao manifestou que até o de agora “a acollida e predisposición a colaborar no proxecto de todas as administracións ás que se lles foi conquirindo o seu apoio foi enormemente positiva e ilusionante, agás da Consellería de Cultura que continúa sen dar ningunha resposta”.

Deste xeito, Bao lembrou que, logo das diferentes xuntanzas e conversas que se foron dando en datas pasadas, tanto a Deputación da Coruña como a Deputación de Ourense –contando coa aprobación do seu presidente nunha xuntanza celebrada a finais de xaneiro en Ourense- manifestaron o seu compromiso e interese en colaborar co desenvolvemento da iniciativa de musealización da casa natal de Manuel María, así como numerosos concellos. É especialmente significativa, para Antón Bao, a boa predisposición a aportar a súa colaboración dos concellos cos que Manuel María tivo en vida máis relación, como foron o de Outeiro de Rei, cuxo alcalde manifestou nunha recente entrevista co vicepresidente provincial que ofrecería a “máxima colaboración”, ou o de Monforte de Lemos.

Por iso, Antón Bao reclamou unha resposta da Consellería de Cultura xa que, segundo explicou, “non obtiveron resposta ningunha das dúas cartas que lles remitimos facéndolles saber do noso interese por que participasen no proxecto”. Bao explicou que, logo dunha primeira misiva enviada en decembro á Consellería de Cultura na que se lle informaba da posta en marcha da iniciativa de musealización da casa de Manuel María e da proposta de colaboración entre institucións á que non se respondeu, o pasado 15 de marzo enviábase outra carta (tamén dirixida á delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo e ao xefe territorial da Consellería de Cultura en Lugo) na que se explicaban os avances que se ían dando e se requiría novamente que a Consellería de Cultura se pronunciase ao respecto dunha vez. Non obstante, o silencio foi a única resposta que a Área de Cultura da Deputación de Lugo obtivo da Consellería de Cultura.

Antón Bao manifestou que a Consellería de Cultura “é unha pata da mesa moi importante que aínda nos falla para o proxecto” e que debe participar “por ser unha iniciativa cultural dunha magnitude que transcende o ámbito local, importante para toda Galiza e os galegos e galegas”. E, neste sentido, confiou en que os máximos responsables en materia cultural do país teñan en conta isto e se sumen ao proxecto para converter a casa de Manuel María nun referencia para dar a coñecer a súa figura e a súa obra ao pobo galego.

22 de mar. de 2010

0 comentários :

Danos a túa opinión