As enrugas


Ledicia Castro

As enrugas son algo tan importante e fermoso como o reflexo do paso do tempo, din cantas veces sorrimos, cantas veces choramos, dinnos que vivimos alegrías, tristezas, que temos lembranzas, que gardamos segredos. A enrugas son só o espello do noso interior.

Moitas veces escoitamos falar do paso dos anos como se se tratase dunha merma, como se o ser vello significase estar enfermo, ser débil, ou non ter capacidade de decidir por e sobre un mesmo. É frecuente o medo a envellecer, a que o noso corpo xa non sexa como antes, pero moi pouca xente repara no fermosa que é a maduración do noso interior.

Antigamente a xente de idade era considerada como unha fonte da que emanaba a sabedoría, algo, que desgraciadamente se foi perdendo, e incluso transformando no contrario, para dar paso na nosa sociedade actual ao rexeitamento de esas fermosas enrugas.

Hoxe moita xente somete o seu corpo a operacións, a sedacións, a implantes, a estiramentos... xa non é suficiente un tinte, agora imos máis alá na búsqueda da perfección e na procura da eterna xuventude. Todo isto, sen darnos conta de que o que nos embelece por fora fainos débiles por dentro, fainos sufrir o paso dos anos, fainos bagoar polas añoranzas, fainos envexar, fainos correr riscos inutiles...

Teño que recoñecer que prefería que non fose así, que en moitos momentos preferiría a eternidade, pero no fondo, disfruto cando me ergo pola mañá e me miro o espello comprobando que o tempo pasa pero que eu estou aquí, aprendendo algo cada día, dando algo, sorindo, chorando, bicando, vivindo, envellecendo. E aínda que pasasen cen anos, e cada un de eses sentimentos, de eses intres marquen o meu corpo, terei algo que dicir, algo que aprender, algo que sentir. O mesmo que todos e cada un dos maiores que atendemos onte, hoxe e mañá.

02/03/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión