Carta a un editor


Vicente Piñeiro

A ninguén lle interesa isto que vou contar, pero se o conto é para comprender o que ven despois. Velaquí:

Desde moi pequeno vivín a necesidade, a miseria e o medo naqueles derradeiros anos da ditadura. Ás veces acompañei a miña nai ás colas das racións e metíame na casa cando alguén daba a voz de alarma dicindo que viña a parella da garda civil pola estrada. A miña familia é desde sempre republicana e miña avoa lles levaba de comer aos maquis ás montañas de San Simón, a outro de meus avós os falanxistas quitáronlle os ósos para fóra dunha malleira que lle deron e así... Agora eu escribo sobre a Memoria e recentemente publiquei unha novela en Sotelo Blanco sobre "Os derradeiros días de Ánxel casal".

Excepto este editor, os demais aos que lles mandei unha novela sobre o asasinato de Juana Capdevielle, muller do gobernador civil republicano da Coruña, que apareceu asasinada polos cabaleiros da Coruña nunha cuneta de Rábade, violada, acoitelada nos peitos e cun feto de sete meses no ventre, me contestan ou me din por teléfono, que a miña novela non ten historia nin personaxe e que todo o que se escribe sobre a Guerra Civil Española xa está en Internet, e que se non só os falanxistas foron os malos, que os outros tamén foron, etc.

Eles queren que en cada novela se dea unha de cal e outra de area. Pero eu non escribo sobre os combates nin as trincheiras da Guerra Civil, eu escribo sobre os crimes dos falanxistas. Que mala podía ser unha muller cun neno de sete meses no ventre, desamparada, co seu home fusilado, fronte a tres ou catro mozos ás tantas da noite nunha estrada deserta? Ela é a mala? Aquela muller de Ponferrrada que foron os falanxistas á súa casa preguntar polo seu home que andaba fuxido polas montañas de León, que lles dixo aos falanxistas que ela non sabía onde andaba e lle pegaron catro tiros no ventre matándoa a ela, ao seu feto e a un filliño de catro anos que traía da man. Ela tamén é a mala?

Estou seguro que checas comunistas tamén houbo, pero estiveron menos tempo e os crimes da ditadura estendéronse durante 50 anos. Non hai que esquecer que aínda no ano 1975 se fusilaron persoas inocentes, entre eles o vigués Xosé Humberto Baena Alonso. Talvez estes editores teñen antepasados ou ideas dos e das que se terían que avergoñar e antes que iso din que todos foron malos.


Prezado editor, Vostede encabeza un escrito dicindo que a miña novela non ten nin personaxes nin historia. Non sei se entender que tampouco ten argumento, pero ten o aspecto severo das verdades irrefutábeis. Por que hei de escribir supoñendo que o lector espera un argumento? Por que non supoñer que exista un lector, tan ousado coma un autor, á espera dun silenzo? Se quixese extraer só un discurso, unha tensión entre palabra e palabra, unha revelación sintáctica, un texto auto destrutivo, non podería facelo? E se fose posíbel, que facer daquela co argumento? É posíbel que Flaubert non teña previsto a posibilidade de que a historia tráxica e triste da súa heroína, puidese terminar algún día depositada nese cemiterio de resumes que é o Diccionario Bompiani? Ao escribir, non estou pensando en competir nunha guerra de estilos. Cando se trata de editar ou non editar unha novela sobre os crimes da Guerra civil española, algúns disciplínanse nun bando e outros no de enfronte e o autor ten que situarse coma se fose un franco tirador, sen que ninguén poida culpalo de non ser neutral. A quen lle pode interesar a degradación moral e terríbel coa que se culmina a desgraciada existencia de Juana Capdevielle. Só a dous públicos irreconciliábeis: a un xa o coñecemos, convive con nós, critica, teoriza, compara e metaforiza con delirios coma se fose unha veciña melancólica. Talvez, moitos escribimos sobre esas cousas porque as vivimos, senón directamente, si nas nosas familias, e seguimos desencantados do noso tempo porque non se fixo xustiza e convertémonos en desenmascaradores sacando argumentos coa mesma abraiante facilidade coa que outros os esconden dun xeito ás veces desbastador Talvez a miña novela haxa que lela ouvindo aos personaxes falar, porque segundo vostede, só falan subidos a un escenario de horror. Talvez este texto sexa refractario para ser recordado polo seu contido argumental. Os personaxes incompletos que tamén forman parte dos estilos literarios (“O suxeito do que falo cando falo é o mesmo que o que fala” Jacques Lacan), representan os temperamentos humanos máis correntes. Francisco Pérez Carballo e Juana Capdevielle, que adoran a vida e a temen, que perseguen a claridade e a orde da vida intelectual, están os da outra cara da moeda, aqueles que segundo vostede eu poño por malos, os fascistas que converteron a existencia humana nun val de lágrimas. Poida que vostede diga con razón que non caracterizo suficientemente aos personaxes literarios e que o material argumental está na historia ou en Internet, pero todo o material está implícito nos pensamentos dos personaxes, acompañándoos e vivindo con eles coma aquel que queira comprender a San Xoán da Cruz meténdose con el na cela do convento do Carme de Toledo. Vivindo con el naquel lugar sen sitio onde pariu 24 estrofas do luminoso Cántico espiritual. Diría que esta é a realidade da miña novela e se se quere, que sexa unha parte da realidade da España dos anos do medo, talvez a verdade máis que a realidade, un cadro poético e non un cadro de costumes, narrada cun estilo do indicíbel nunha paisaxe de momentos angustiosos e reveladores. Vostede di que a miña novela está narrada dende o taboado dun teatro. Pero o teatro ou o cine, coma calquera outro proxecto narrativo, tende a sintetizar, a abreviar, a seleccionar. Eu penso que tanto nunha ensalada de tiros coma nunha escena de amor o haxa que explicar todo, contalo todo, desde que chaman á porta até o derradeiro suspiro; se hai unha escena de amor, non basta cun vorcallón dos amantes, que a bo entendedor non necesita máis. Hai que contalo todo, paso a paso, golpe a golpe até o derradeiro arquexo. Dende hai moito tempo que me dedico á poesía civil e a escribir sobre a Memoria, dinme que non hai historia, que non hai nada que ocultar, que se pode ensinar todo, incluso a barbarie e a merda, porque a significación dilúese e que todo forma parte do panorama e hai que aceptalo, porque a humanidade chegou ao seu termo e que é así e non de outra maneira. Cinismo?, e eu quero deixar constancia, como fai Tarantino nas súas películas, do que o que funda é o mal, e o mal non nos é alleo nin sequera ao final da historia. Boileau deixou dito que o verdadeiro podía non ser o verosímil. A literatura realista e naturalista demostrou con éxito que o verosímil tamén podía ser o verdadeiro. A verdade da Guerra Civil Española e das súas consecuencias está aí, pero non se deixa capturar con facilidade. Tal vez, a miña novela non sexa orixinal, coma vostede di. Tal vez vostedes prefiren unha novela burguesa para converter en enigmáticos os destinos dos heroes que pertencían ao mundo real. O pracer máis inmediato da lectura desta novela deriva das dilacións, complicacións, conxecturas que van construíndo a narración deses destinos que a voz do relato coñece e que os lectores, e até os propios personaxes ignoran (nada de Internet, nada de historia). Dixo Claudio Rodríguez Fer da miña novela “A morte dun editor, derradeiros días de Ánxel Casal", que eu son Lola, a narradora. Nesta todo xira arredor do efecto, que goberna a elección do narrador, a articulación ficticia entre o oído e o inventado, a modulación e a delegación das voces dentro da novela. Como dicía Henry James: “A arte da novela é cuestión de procedementos”, e o procedemento que goberna a miña novela é a elección dunha perspectiva verosímil, crible, xustificada dentro da ficción orientada a crear un efecto horripilante. Así, o punto de vista, que vostede critica, se converte nun principio constructivo, un eixe que goberna a estructura e o deseño da novela. Como di James: “A casa da ficción non ten unha, senón un millón de ventás...” “Máis ben, un número incontábel de posíbeis ventás, cada unha das cales foi aberta na súa extensa fachada, pola esixencia da miña visión individual e pola presión da vontade individual” . Vostede examinou a noción do punto de vista co que narrei a novela. Na miña novela ninguén lle conta unha historia a ninguén. O que o lector le non é un discurso, é a historia que pode coincidir ou non coa orden que vostede teña da historia. O punto de vista, ou ángulo de visión que adoptei para relatar a novela, dependía do que desde el podía ver, ou saber ou ter sabido. Nos personaxes, moitos segundo vostede, fixaba o coñecemento do interior e do exterior que desde a miña consciencia omnisciente podía ter. As figuras gramaticais deberían ser dúas: Francisco e Juana e os demais ser personaxes secundarios. Narrei a novela desde un conxunto de materiais, non só de Internet, onde coma todo o mundo me documentei e dos libros de historia, senón de comentarios feitos por persoas maiores que dun xeito ou doutro viviron a contenda, cuxas voces teño gravadas que foron a maior riqueza histórica. A novela podería ser unha fábula, unha historia que fala da historia levantada sobre un conxunto de materiais, de temas, de asuntos, de significados e de acontecementos onde uns personaxes os realizan nun espazo de tempo determinado. Con respecto á clasificación que vostede fai do punto de vista, direille que nin é Modo Dramático, onde o narrador aparece só en delgadas acoutacións escénicas onde predominan os diálogos marcados por informacións neutras acerca do que os autores fan. Non a clasificaría a modo de cámara, como vostede di que o narrador é unha cámara cinematográfica que conta en plano panorámico, pois as secuencias do relato, penso eu que non mostran a cotío o rastro do autor. Olle de novo a perspectiva, a administración do saber respecto ao que se narra, como algo separado da emoción, do significado e da intención moral da obra. Non me compare vostede con aquela institutriz torpe, dos cadernos de notas de Henry James, que non sabe narrar e que se mostra incapaz de comprender, a dama torpe ausente que transmite ao arcebispo de Addington a historia de dous nenos que o arcebispo transmite a James. Na novela, unha historia breve, (ausente, coma a dama) que xamais se conta reuniu aos oíntes, que asisten, despois, á lectura dun manuscrito no que a institutriz relata como testemuñas torpes lle transmiten, recente chegada á casa maldita, fragmentos da historia anterior á súa chegada, e un torpe e retrospectivo namorado da institutriz llo transmite a outro que, á súa vez, llo le a un grupo de oíntes, ese grupo reunido para ouvir aquela historia previa da que non se enteará o lector. Sen máis e para non alongar máis esta narración direille que hai moitas maneiras de narrar. Na miña novela non só narran Lola e Tito, tamén contan a historia as radios históricas ... Para Flaubert, inventar era escribir, ao contrario que Balzac, que escribiu para inventar. Reciba un saúdo.

Piñeiro, Vicente.
Ánxel Casal, a derradeira morte dun editor
97 pp. Sotelo Blanco 2009


01/03/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión