Decíamos ayer...


Xulio Xiz

Os clásicos da Radio lucense – Tuñas, Aizpitarte, Hortas...- entre os que destacaban dúas mulleres – Amalita e Tonina-, todos de Radio Lugo por pura razón de antigüidade, xa que a emisora cumpre agora 75 anos, tiñan moi claro o respecto que merecen os ointes cando un está en posesion do micrófono e pode “largar” en cantidade e calidade, pensando que un innúmero de persoas están contrastando as súas experiencias vitais, o seu coñecemento da realidade, co que están a escoitar polos seus receptores.

Nese respecto incidía o primeiro Director de Radio Popular de Lugo, Benito Vázquez Regueira, cando a finais de 1967 comezou a patronear un grupo de rapaces, a maioría inexpertos, que se aportábamos frescura á Radio lucense tamén tiñamos os inconvintes dos poucos anos, e unha vida – Patxi Andión dixit- con todo o mar por diante e non como proclama na súa coñecida canción, “Con toda la mar detrás”.

Aprendemos que as citas literarias ou históricas son preciosas para redondear un comentario, para reafirmarnos nunha determinada postura, e mesmo para demostrar que os nosos recursos estaban mellorando ó tempo que nos facíamos máis veteranos. E aprendemos tamén que, no caso de non saber nun momento determinado o autor dunha frase ou referencia, sempre se pode acudir a “como dixo o clásico”, ou “como afirmaba aquel gran escritor español”, e mesmo sendo francos: “Non lembramos agora quen foi o seu autor, pero si sabemos que o seu acerto foi grande".

Foi o venres, 26 de febreiro de 2010, na Televisión galega que xa cumpre un cuarto de século, dentro do programa máis veterano, “Luar”, que dirixe o incombustible Gayoso, cando a presentadora de quenda –relévanse cada mes- ofreceunos unha perla digna de figurar en calquera antoloxia, que eu recollo aquí para que non se me esqueza.

Remataba xa o programa e a presentadora temporal estaba nas despedidas. Ela, que tan boa lembranza nos deixou como histórica protagonista de “Sempre Xonxa”, ousou mencionar que como dicía aquel inesquecible alcalde madrileño que tantos militantes do Partido Socialista Popular fixo aflorar en Lugo-, don Enrique Tierno Galván, era o autor da frase “decíamos ayer”.

Home, vir a estas alturas da vida a privarlle a Frei Luis de León da frase coa que entrou na historia, despois de ter pasados dous anos preso por unha falsa denuncia, e limitarse a pronunciala diante dos seus alumnos para indicar que alí en definitiva non pasara nada, desacredita á actriz como presentadora, que evidencia hai que escribirllo todo mesmo os lugares onde ten que aproveitar para respirar.

Elixir cada mes unha presentadora diferente porque a súa cara e vestimenta fai xogo cos decorados pode resultar problemático. Para mostra, unha auténtica perla. E anunciou que volvería.

3 de mar. de 2010

1 comentários :

  • Podo estar máis ou menos co que di o artiguista dos aspectos históricos da radio. Non llos bou discutir. Sen embargo, discrepo del que se tome en van a historia da radio nun programa tan esclerótico e fosilizante coma Luar. É certo que alí levan o que lle parece a Gayoso, pero a historia da radio é algo moi serio e os radiofonistas tamén. Non sei quen vai ou deixa de ir a Luar, pero o que non me gusta é a vanalización antroidesca de aspectos que son xenuinamente moi galegos. E cada quen que saque as súas conclusións. Comparto con Xulio Xiz que Gaioso é incombustible, como non podía ser doutro xeito, pero coido que a moitos galegos xa lles cheira, non so a chamusco, senón que arrecede a súa presenza.

    XAN DO MUÍÑO.

    18:06 do 3 de marzo de 2010

Danos a túa opinión