Delibes

Mario Paz González.-

Hai un episodio da vida de Miguel Delibes se cadra non demasiado coñecido polo gran público pero que, agora que finou, botei en falla en todo o espazo que os diversos medios lle adicaron nestes días. Pode que sexa unha historia insignificante e de ningún xeito a máis importante da súa biografía, malia iso coido que, de calquera maneira, deixa un retrato bastante fiel do home e do escritor.

En setembro de 1945 vía a luz en Valladolid o primeiro número da revista poética Halcón, comandada por Luís López Anglada e Manuel Alonso Alcalde. Editar unha revista naqueles escuros anos da primeira posguerra, mesmo de algo tan aparentemente inofensivo como podía ser a poesía, non era tarefa nada sinxela. Quen o tentaba asumía que sería escudriñada con lupa polos mesmos organismos oficiais que a subvencionaban co fin de que a Delegación de Prensa e Propaganda do Movemento puidese, dalgún xeito, controlala.

Os responsables de Halcón sabían isto e tamén que a censura ía valerse da mínima físgoa legal para pechar calquera publicación desafecta á oficialidade. O caso é que naquel tempo, grazas á intermediación da poeta Carmen Conde, tiveran acceso a uns textos inéditos de Miguel Hernández entre os que estaban as fermosas “Nanas de la cebolla”, que o de Orihuela adicara ao seu fillo. Publicar poemas de alguén que falecera dunha penosa tuberculose nunha das sórdidas prisións do franquismo uns anos antes, en 1942, podería carrexar o peche da revista. Por outra banda, para obter o permiso de edición correspondente, un dos trámites requiridos pola exhaustiva e vixiante burocracia do réxime era que tiña que estar á fronte da publicación un escritor co carné oficial de xornalista, cousa que ningún deles posuía. Por iso, tiveron que recorrer a un, entón novo e anónimo, cronista de El Norte de Castilla e profesor na Escola de Comercio chamado Miguel Delibes, quen lles cedeu xenerosamente o seu nome (a partir do número 6, febreiro de 1946) ficando nos trámites oficiais como director, aínda que, el mesmo recoñeceríao modestamente anos despois, non tivese nada que ver con aquela publicación. De calquera xeito, e en parte grazas á súa axuda, no número 9 de Halcón (maio de 1946) puideron ver a luz, ocupando as dúas páxinas centrais, as “Nanas de la cebolla”, co título de “Nana a mi niño”, e catro textos máis.

A anécdota –xa o dixen ao comezo– pode ser menor, pero, retrata como poucas esa elegante sinxeleza que sempre caracterizou a Miguel Delibes, esa discreción e esa austeridade, esa “filosofía cos pés no chan e repleta de valores éticos”, como ten lembrado Gonzalo Santonja, que tamén se reflicten na súa obra e que está asociada á súa estirpe castelá. Sen dúbida o compromiso ético e estético deste autor amósase en todos os seus libros. Cando escribiu A primavera de Praga, un dos menos coñecidos, pero máis sorprendentes, viaxou alén do “pano de aceiro” co fin de amosar, a través dun suposto diálogo cheo de ironía cos lectores, a situación de apertura que se estaba a vivir en Checoslovaquia e, de paso, botar abaixo moitos tópicos sobre aquela Europa que entón semellaba tan afastada. A súa descrición da liberdade que se respira polas rúas, na prensa ou nas conversacións cotiás parece feita máis en contraste co seu propio país naquel momento, que coñecía demasiado ben, que coa Checoslovaquia anterior á primavera de Praga. O resultado daquela viaxe comezou a publicarse, significativamente, en maio do 68 na revista Triunfo. Hoxe en día merece a pena reler o prólogo ao volume editado por Alianza uns meses despois e datado o 22 de agosto daquel mesmo ano, ao día seguinte da invasión soviética.

Como nos lembraron os medios nestes días, Delibes era, como poucos dos seus contemporáneos xeracionais, o escritor total, tanto nas súas crónicas xornalísticas como nos seus libros de viaxes ou nas súas obras puramente literarias. En todos eles amosa sempre o seu irreductible compromiso cos humildes, cos derrotados, cos desfavorecidos... O escritor morreu -segundo el, xa o fixera tras a operación de cancro que superou en 1998-, quédannos as súas obras, o constante reflexo do seu concerto coa vida e a literatura.

15/03/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión