Do [bi]goberno ao [des]goberno


Iago Castro

Se vostede, amábel lector, votou unas pasadas eleccións autonómicas ao Partido Popular de Galicia, terase aledado lexitimamente do trunfo da súa opción na noite electoral do 1 de marzo. Pero é probábel que a estas alturas se teña interrogado acerca de se isto que está a pasar é o mesmo que vostede decidiu naquela altura. Levo razón?

Explícome. Vostede seguramente defendeu co seu voto unha traxectoria, a do PPdeG dende a primeira vitoria de Manuel Fraga até a derrota do ano 2005. Tamén influiría na súa democrática decisión unha presa de promesas electorais formuladas durante a campaña e que, en maior ou menor medida, concordan coa súa visión do país, das que, con seguridade, vostede aplaudiu aquela de acabar coa crise en corenta e cinco días.

Pasou un ano, a cuarta parte da lexislatura, e podemos ir facendo unha análise de canto foi sucedendo até agora para ver se, efectivamente, o seu “contrato” electoral se está a cumprir. Xa me coñece, e sabe perfectamente que coxeo do pé esquerdo, pero gustaríame poñerme no seu lugar por unha vez. Por que? Ben, a esquerda deste país está claro que abomina deste goberno. Por esa banda non hai moito máis que dicir. Interesa máis tratar de inferir que pensa aquela dereita moderada “bávara”, case socialcristiá e maioritaria en Galiza que mantivo por dezaseis anos un sólido goberno autonómico.

Logo entón, comezamos pola maior: é aquel PPdG o que está a gobernar? Vexamos. Eu creo que a vitoria de Núñez Feijóo no proceso de sucesión de Fraga significou a fin do conflito entre boinas e birretes, si, pero dunha maneira que convén analizar polo miúdo. Arrasaron os do birrete, ou máis ben unha parte deles. É evidente que unha parte substancial do partido, por non dicir a maioritaria, quedou absolutamente fóra dos centros de decisión. A composición do goberno saído das urnas deixa ás claras a total marxinación de amplos sectores populares (barreiristas, baltaristas, cuiñistas, etc.) e o empoleiramento dun pequeno sector sostido pola agochada man de Romay Beccaría quen, non o dubide, é a pantasma omnipresente na política galega actual. As actitudes deste sector, as súas formas, a cada vez máis evidente “axenda oculta” coa que traballa, fai pensar se non deixaron vostedes o goberno galego nas mans dunha “sectiña”, no sentido metafórico e non pexorativo do termo, en prexuízo da liña que viña a seguir o seu partido.

Vostede é partidario de liderados firmes e sólidos. É por iso que seguiu a Fraga ás duras e ás maduras e, se cadra, o estea a botar de menos. Non ten a sensación de que Alberto Núñez Feijóo está a outra cousa? Non cre moitas veces que o noso presidente mira demasiado a Madrid, que son os medios de comunicación da capital do Estado os que marcan a súa axenda, e non as necesidades do país? E, o que é peor, non lle parece que moitas decisións políticas clave se toman máis para contentar a certos sectores da dereita estatal que pensando nas propias prioridades? Non estará este home pensando máis na Moncloa que en San Caetano, que é o que agora ten entre mans?

Porque, amigo meu, como bo conservador non cre nos cambios radicais. Cantas veces terá dito neste ano, vendo como o goberno se dedica case en exclusiva a desmontar as medidas do bipartito, aquela frase tan sabia de “algo terán feito ben, ou?”. Pois parece que non. A listaxe de enmendas é abondo elocuente: reparto eólico, servizos sociais, cultura, ordenamento do territorio, política agraria, normalización lingüística... alén de babecadas como aquela dos audis. Tal parece que o que practica o executivo de Feijóo é a arte de [des]gobernar, pero, que van facer cando rematen coa labor executiva do bipartito? Alguén sabe cal é o proxecto de Feijóo?

A vostede, como a min, encabúxano certas actitudes, saídas de testo, máis ben, dalgúns dos máis sinalados conselleiros. Non é tanto que Roberto Varela dixese “Desván de los Monjes” senón que o negara no parlamento, recinto case sagrado en democracia. Mentiu e aquí non pasou nada. E van...

E aquí probabelmente entremos na cuestión na que podemos estar máis de acordo. Nin vostede nin eu damos entendido que lles fixo a nosa lingua común a estes “urbanitas” para que se dean contra ela con tanta saña: a derrogación do decreto que eles mesmos estiveron a piques de consensuar, na liña do acordo que foi salvando os mobles ao longo de toda a nosa historia autonómica, a supresión do galego nas oposicións, as constantes diatribas cara un signo de identidade que é tan noso como a catedral de Santiago... E non é, como pensan algúns, que se meteran un xardín vía promesa electoral do que non saben saír. Hai unha evidente acción política, tristemente a única visíbel, orientada cara a marxinación do idioma galego en Galiza froito de quen sabe que complexos que se agochan na “sectiña” que hoxe ten as chaves do poder.

Chaves que, por certo, cando hai ocasión parece que nin sequera saben usar. Cada vez está máis claro que a espectacular intromisión do goberno no asunto das caixas, logo de meses de absoluto desleixo, todo hai que dicilo, está a crear un grave problema para o futuro destas entidades. Entraron no asunto cal modernos atilas sen estratexia de ningunha clase e sen o que hoxe se chama “folla de ruta”. O resultado salta á vista, e cada vez se albisca máis lonxe un fin ao xeito para este sarillo derivado a “culebrón”.

Sendo honrados, non parece este un ano perdido? Un executivo desnortado, no medio dunha crise na que, non o esquezamos, os gobernos autonómicos contan con competencias máis que suficientes para adoptar medidas correctoras.

Ou é acaso que a clave da saída máxica da crise está en que os nosos pícaros aprendan as matemáticas en castellano?

20/03/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión