Éxito nas xornadas da Tradescola de Vilalba

Redacción

A Tradescola, escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, realizou os días 8 e 14 de Marzo, unhas xornadas didácticas en Vilalba adicadas a música tradicional. Estas xornadas, estiveron guiadas polos profesores da Tradescola, Xerardo Quintela, Bruno Villamor e Pedro Lamas, todos eles mestres de reconocido prestixio no eido da música tradicional.

As xornadas, que se iniciaron o luns no Auditorio Municipal Carmen Estévez de Vilalba cun concerto didáctico adicado a escolares, continuaron no día de hoxe con un curso de Acordeón impartido por Xerardo Quintela e no que os asistentes puideron aprender exercicios de técnica como articulacións, saltos e acompañamento, exercicios técnicos para o dominio e control do fol, intensidade do mesmo, fraseo, etc. Todos estos recursos e coñecementos foron aplicados en pezas do repertorio tradicional galego preparadas para o curso. A súa finalización todos os asistentes ao mesmo interpretaron varias pezas tradicionais en conxunto.

Dende a Asociación de Gaiteiros Galegos pensamos que este tipo de xornadas , que están orientadas aos alumnos, profesorado e persoas interesadas na música tradicional en xeral, favorecen a difusión e promoción da cultura tradicional e axudan a incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego na sociedade actual.

A AGG conta neste momento con 700 asociados e asociadas distribuídas por todas as comarcas galegas e na Galiza exterior. A través dos seus asociados a AGG ten presenza na maior parte das asociacións e colectivos culturais que desenvolven actividades en torno á música tradicional no país. A AGG é a entidade asociativa máis representativa e con maior peso específico no tocante á música tradicional en Galiza.

A Tradescola, escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos conta cunha proposta educativa que lle permite ao alumnado adquirir unha formación integral nos eidos da música e do baile tradicional. Na Tradescola impártense aulas de gaita, zanfona, acordeón, baile tradicional, canto e pandeireta, percusión, requinta, linguaxe musical e etnografía e investigación, e asisten a elas un total de 200 alumnos.

Coa intención de complementar a formación do alumnado,e no seu afán de incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego na sociedade actual, impártense cursiños monográficos e realízanse outras actividades relacionadas coa difusión da cultura tradicional. O obxectivo é ofrecer formación a todas as persoas interesadas na música tradicional e poder colaborar con asociacións de toda a provincia, a través da realización de outras actividades relacionadas co ensino da música e baile tradicionais. A actividade da escola, aínda que centrada en Lugo, trasládase así, a través de diversas accións formativas, ás distintas comarcas da provincia.

14/03/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión