Na maior das inocencias


Xulio Xiz

O pasado luns estiven en Vilalba, falando coa organización do “Día dos Pepes”, que o próximo sábado vai celebrar como corresponde o seu primeiro medio século de vida.

A xuntanza celebrouse no Centro da Terceira Idade, que corresponde ó lugar onde en tempos se aloxaba a Organización Juvenil Española, Oje. Que daquela era pouco máis ca un caseto de planta baixa, e agora son unhas magníficas instalacións que onte aínda albergaban ben xente.

Nos seus primeitos tempos, comezos dos anos sesenta, en Vilalba, o que entón se chamaba Frente de Xuventudes estaba situado no primeiro piso do edificio das Escolas, na cabeceira do Campo da Feira. Eran unhas instalacións destartaladas que se pretendían motivar ós novos só se pode comprender se temos en conta que daquela era o único existente ó dispor dos rapaces. Logo, cando xa era a Organización Juvenil Española, pasou a un edificio novo, de planta baixa, situado no lateral da praza.

Aínda estaba na cabeceira do Campo da Feira cando, na maior das inocencias, fun darme de alta naquela instalación supostamente cultural –antesala de Falanxe- e sorprendeume que miña nai levou un dos maiores disgustos da súa vida, na que sempre tivo presente o “paseo” dun seu tio por parte dos falanxistas ponteses no verán de 1936. Eu non entendía que tomara tan a mal que eu me afiliara á “Oje”, cando era un lugar para ler e xogar, na maior das inocencias, e na mellor das compañas.

Na Oje, así popularmente chamada, foise evolucionando como asociación xuvenil, e podíase ir xogar a xogos de mesa, ler comics ou libros máis “serios”, e máis adiante ver a televisión. Alí tivemos punto de xuntanza da rapazada, como tamén na Acción Católica, sobre o antigo Cine Parroquial, lugar de lectura, xogos e conversa. E no inmediato cine fomos actores de comedia ensaiada naquela sala de usos múltiples.

Polo que á Oje se refire, nós sabiamos que cando foramos maiores de idade seríamos invitamos a entrar na Falanxe, cousa que nunca chegou a producirse, pero tamén sabiamos que – aínda ignorantes do que a Falanxe tiña como trasfondo- daquela daríamos a espantada, como todos os que daquela estudiaban nos Seminarios, na seguridade de non ter vocación relixiosa pero si gañas de estudiar gratis, que emigrarían a outros centros ou á sociedade en canto se lles pedise un maior compromiso.

Nunca cheguei a entrar na Falanxe, quedándose na Oje todos os meus anceios de participación colectiva, e cando vin para Lugo de repente xa me fixen maior e as inquedanzas foron moi outras.

En Vilalba, xa dixen, a xuntanza foi no centro da terceira idade que se corresponde físicamente con aquel edificio doutrora. Que cadra bastante ben, xa que todos os rapaces daquel tempo andamos agora polos sesenta anos, idade que daquela marcaba precisamente a fronteira da vellez.

Hoxe, xa é o mesmo. Non sei cando a Oje pasou a mellor vida, pero está claro que na actualidade os rapaces teñen infinitos xeitos de pasar o tempo, lugares onde xuntarse para o lecer colectivo, e posiblemente as institucións ás que pertencen non intenten como daquela adoctrinalos nos valores eternos da civilización occidental. O de hoxe é máis sutíl e, polo tanto, moito máis efectivo.

12 de mar. de 2010

0 comentários :

Danos a túa opinión