O apagón analóxico chega a Vilalba

Redacción

A terceira e última fase do apagado analóxico comezará este mércores 10 de marzo en Galicia, rematará o vindeiro 2 de abril, e afectará a preto de 1.300.000 galegos. Co remate da fase III, que se desenvolverá nas áreas técnicas de Domaio (a maior parte de Pontevedra e cinco concellos da Coruña) e Páramo (a meirande parte de Lugo), todos os galegos terán acceso único á TDT. As fases I e II do apagado analóxico realizáronse en Galicia do 18 de xaneiro ao 1 de febreiro e afectaron a 1.550.000 galegos, o 56% dos cidadáns da Comunidade, pertencentes a 203 concellos.

Durante esta última fase de apagado analóxico, o Goberno galego seguirá a resolver as dúbidas dos cidadáns sobre a TDT a través do teléfono de atención 012. A Xunta de Galicia recomenda, ademais, aos cidadáns da Comunidade que non agarden ata o último día para adaptar a súa televisión á tecnoloxía dixital.

O apagado analóxico na área técnica de Páramo afectará a meirande parte da provincia de Lugo, unha poboación total de 309.018 persoas. As fases I e II do Plan Nacional de apagamentos afectaron a 10 concellos lugueses: Chantada, O Saviñao, Monforte de Lemos, Bóveda, Pobra de Brollón, Carballedo, Muras, Pantón, Sober e A Fonsagrada.

A fase III comezará nesta área técnica o mércores 10 co apagado dos emisores de Monterroso e Taboada, o que afectará aos concellos de Monterroso, Antas de Ulla, Taboada e Palas de Rei. O día 22 apagaranse os centros de Ribeira de Piquín, Vilalba e Ribeira Piquín II, o que afectará aos cidadáns de Ribeira de Piquín, Vilalba e Pol.

O proceso de apagados na área de Páramo continuará o día 23 nos emisores de Becerreá, Conforto, Pontenova, Pontenova II, Vilamea, San Paio e Viveiro, que dan servizo aos concellos de Becerreá, A Pontenova, Viveiro e Ourol. A fase III rematará o día 2 co apagado do resto de emisores, incluídos os principais de Páramo e do Cadramón.

9 de mar. de 2010

0 comentários :

Danos a túa opinión