O BNG de Outeiro de Rei defende a fusión das caixas


Redacción

O BNG de Outeiro de Rei propuxo a través dun escrito que o pleno municipal, celebrado o pasado venres 26, acordase adherirse como institución ao manifesto “Galicia ten dereito”, un manifesto que acordaron partidos políticos e sindicatos para apoiar a fusión das caixas galegas de xeito que se garanta que a nosa Comunidade non perda as súas caixas pola deslocalización dos seus centros de decisión. Deste xeito, o concello de Outeiro de Rei dar un paso máis para defender os intereses dos cidadáns, garantindo que os aforros xerados no país revertan en beneficios para o noso territorio e a nosa xente e non se desvíen ao exterior. Non obstante, o manifesto “Galicia ten dereito”, a favor da fusión das caixas galegas, foi subscrito polo BNG e polo PP, negándose o PSOE a defender tal manifesto.

Reafirmando postulados que se advirten no manifesto “Galicia ten dereito”, o portavoz do BNG, Arcadio Lombao, argumentou que “o proceso de reordenación bancaria que estamos a presenciar, impulsado polo Banco de España e o Goberno central, conleva o risco de que Galicia perda as súas caixas de aforro pola deslocalización dos seus centros de decisión, e que estas entidades de carácter social se transformen en entidades financeiras privadas”. Diante desta situación, o Parlamento galego aprobou por ampla maioría unha reforma da Lei de Caixas que reforza as faculdades do autogoberno para defender o sistema financeiro propio e supervisar a actuación das caixas, garantindo que estas entidades sexan as bases do desenvolvimento da economía produtiva do país. Porén, o Goberno central presentou un recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Caixas de Galicia que conleva a paralización da súa aplicación nun momento decisivo, o que pode colocalas na situación idónea para que sexan absorbidas por entidades foráneas.

04/03/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión