O Consello da Cultura, en contra do decreto do galego


Redacción

Os diferentes expertos reunidos na segunda sesión do seminario sobre Lingua, Sociedade e Política en Galicia organizado polo Consello da Cultura Galega presentaron onte as súas reflexións sobre a incardinación das linguas oficiais no modelo educativo galego e español. Os expertos coincidiron na necesidade de facer énfase na convivencia e no multilingüismo como solución para as problemáticas actuais de encaixe das linguas oficiais no ensino.

Ángel López García-Molins, profesor da Universidade de Valencia, analizou a política lingüística do Estado. Para o profesor, “cómpre sensibilizar a toda a poboación española no sentido de que España é historicamente un país tetralingüe e, polo mesmo, un Estado con catro linguas. É conveniente preparar a toda a poboación para entender o catalán e o galego escritos e orais, así como para que posúan nocións de éuscaro”. Segundo este profesor, “é inadecuado presentar a convivencia lingüística como conflito”.

Pola súa banda, Peter Kraus, do Helsingin Yliopisto, presentou unha investigación sobre a política lingüística dos Estados europeos. Para o finés, “a posición institucional non é o factor que máis determina, a longo prazo, a sorte dunha lingua”. Segundo este autor, “a existencia dunha estrutura social multilingüe constitúe un desafío para os Gobernos democráticos modernos. En poucas palabras, o reto consiste en atopar un xeito de lles restar intensidade ás previsibles tensións que xurdirán entre, por unha banda, o fomento da eficiencia administrativa e, pola outra, os requirimentos da lexitimación democrática”.

Na última sesión da mañá, Josu Mezo Aranzibia abordou as “Tipoloxías de política lingüística: comparación Irlanda-Euskadi” na que tratou os elementos comúns e diferenciadores das políticas lingüísticas establecidas nas últimas décadas en ambos países, tanto no seu deseño coma nos seus resultados. Así, e segundo explicou, “trinta anos despois aínda non sabemos cal será o resultado final deste esforzo. Pero si podemos ver claramente que, polo menos no que respecta ao sistema educativo, os vascos chegaron xa moito máis lonxe do que nunca conseguiron os irlandeses”.

Durante a tarde, e nunha perspectiva galega, diversos autores expuxeron tamén a necesidade do plurilingüismo. Para a profesora de Dereito da USC, Alba Nogueira, non abonda cun marco lexislativo xeral para cambiar ou revitalizar unha lingua. “Os poderes públicos non foron quen de usar a súa capacidade de condicionamento da vida económica e social para promover cambios substanciais na presenza do galego en ámbitos nos que esta está infra-representada”. Para Nogueira, a maiores das Leis de Normalización debe haber “un intenso labor nese segundo terreo do labor normativo que é a aprobación de leis ou decretos sectoriais”. Nogueira indica que “en Galicia, os escasos avances experimentados son o resultado evidente do desinterese por realizar ese labor de desenvolvemento normativo que precisaba claramente a Lei de Normalización Lingüística”.

Pola súa banda, Bieito Silva -na fotografía- centrou o seu relatorio nas linguas no sistema educativo galego. Na documentación entregada, o autor considera unha estratexia axeitada: “un modelo de plurilingüísmo inclusivo a partir do galego. Trátase un paradigma distinto que quere superar o debate viciado entre galego e castelán. Debemos asumir que se debe incorporar ao modelo galego unha reflexión sobre a diversidade lingüística, e unha aposta polo galego como lingua de partida. A partir de aí, hai que incorporar outras linguas, incluíndo as estranxeiras, partindo do respecto e da valoración da diversidade”. Para este experto da USC, “a grande eiva no ensino das linguas é a nivel didáctico e pedagóxico. As linguas están a se ensinar moi mal. E mudar isto é posiblemente menos polémico do que o actual debate, pero esixe esforzos importantes. E isto serve tanto para o galego como para o castelán e o resto das linguas”.

A derradeira intervención da xornada correu a cargo de José Manuel Vez, do Observatorio Atrium Linguarum, quen falou sobre a “introdución do uso vehicular das linguas estranxeiras no currículo educativo”. Segundo o seu relatorio, unha educación lingüística avanzada precisa crear un ambiente “onde plurilingüismo e interculturalidade non se vivan como factores de complexidade ou de sobrecarga orzamentaria, senón como estímulos de enriquecemento social e desenvolvemento”. Para este autor, coas linguas da mesma familia “séguese traballando en compartimentos estancos, sen ter en conta o común. Debe haber un tratamento integrado das linguas que evite que as linguas escolares se acaben convertendo tan só na multiplicación de materias: máis linguas=máis materias”.

A sesión “Modelos de oficialidade/linguas e ensino” é a segunda do seminario sobre Lingua, sociedade e política en Galicia organizado polo Consello da Cultura Galega. A vindeira sesión celebrarase o día 4 de maio e centrarase nos medios de comunicación e ámbito socioeconómico.

17/03/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión