O loitador José Cuba, recibido na Deputación de Lugo

Redacción

Onte pola mañá, o vicepresidente da Deputación, Antón Bao, recibiu no Pazo de San Marcos ao nove veces campión de España de loita olímpica, o vilalbés José Cuba. Segundo expresou Antón Bao, con esta recepción “queremos render homenaxe a Cuba polos seus éxitos logrados para o deporte lucense e apoialo o máximo posíbel de cara a ese enorme reto que supón lograr a clasificación para os xogos olímpicos de Londres en 2012”. O vicepresidente da Deputación, no transcurso da recepción ao loitador chairego, anunciou que desde a Área de Deportes vaise outorgar unha axuda de 10.000 euros ao Club de Loita Vilalba (club no que adestra o deportista Cuba) “para apoiar o deporte da loita, que desde Vilalba está a acadar grandes éxitos a nivel estatal, e conseguir que a súa difusión aumente desde as bases”.

Pola súa banda, José Cuba mostrouse moi agradecido á Deputación por este recoñecemento e polos apoios que está a recibir desta institución o Club de Loita Vilalba, axuda que para Cuba é “indispensábel” e “fai que nos poidamos centrar moito máis en adestrar, o que repercute moi positivamente nos resultados deportivos que se acadan”.

Hai que lembrar que a Área de Deportes da Deputación tamén apoiou, ademais do propio Club de Loita Vilalba para o desenvolvemento das súas actividades, a deportistas individuais de cara a outorgarlles unha axuda complementaria para sufragar os gastos motivados pola súa participación en competicións a nivel estatal. De feito, xunto a José Cuba, outros tres loitadores do Club de Loita de Vilalba recibiron na súa primeira convocatoria unha axuda a deportistas individuais. Este ano, tal como se anunciou hai unhas semanas, a Área de Deportes da Deputación volverá a convocar este tipo de axudas a deportistas individuais, que teñen como obxecto apoiar a práctica e o rendemento deportivo, tanto en relación ao perfeccionamento técnico e á obtención de maior rendemento nas respectivas modalidades deportivas, como posibilitar a súa participación en eventos deportivos, facilitándolles aos deportistas lucenses o acceso a unha preparación integral axeitada.

9 de mar. de 2010

0 comentários :

Danos a túa opinión