Queremos Galego anuncia medidas legais e sociais


Redacción

A comisión xestora de Queremos Galego compareceu hoxe en conferencia de imprensa para, a través dun dos seus voceiros, Carlos Callón (na fotografía), anunciar as medidas legais e sociais a adoptar logo de a Mesa do Parlamento ter rexeitado por maioría a admisión a trámite da Iniciativa Lexislativa Popular impulsada nos últimos meses dende a plataforma. Esta iniciativa puxérase en andamento a través dunha comisión promotora da que fan parte nomes senlleiros en diferentes eidos da vida social e cultural do país, como Manuel Rivas, Avelino Pousa Antelo, Yolanda Castaño, Margarita Ledo, Xurxo Souto, Marica Campo, Kiko da Silva, Xosé Lois “O Carrabouxo” ou Sonia Lebedynski, entre outros.

Esta proposición de lei por iniciativa popular pretende garantir plenamente a posibilidade de uso do galego das e dos cidadáns perante a administración galega, desenvolvendo o estabelecido na Lei de Normalización Lingüística e na Carta europea de linguas minorizadas. Para Queremos Galego a non admisión a trámite desta ILP é unha mostra máis “do medo que o Partido Popular ten a que a sociedade exprese de calquera maneira o seu apoio ao uso da lingua propia e oficial do noso País, mesmo utilizando e manipulando de xeito partidario institucións públicas como a Mesa do Parlamento e lexislación como a da Iniciativa lexislativa Popular para os seus fins”.

A plataforma cidadá lembra que o dereito á Iniciativa Lexislativa Popular é un dereito democrático básico recoñecido na Constitución española, “que vén de ser vulnerado”. A súa admisión a trámite non implica a súa aprobación, só marca o inicio dun período de recollida de sinaturas entre cidadás e cidadáns maiores idade e censuados en Galicia. Tras completarse o mínimo necesario (15.000), con todos os requisitos recollidos pola lei, motiva o seu debate parlamentario. Para a plataforma cidadá “é a este debate ao que ten pánico o Partido Popular, xa que evidenciaría que detrás do seu discurso o que se agochan son claras intencións de acabar coa lingua galega”. E recorda que “iniciativas anteriores foron tramitadas, sen lles seren aplicadas visións restritivas, con toda naturalidade, independentemente da súa aprobación final ou non”. Dende este momento Queremos Galego comezará a estudar a interposición dun recurso de amparo ante os tribunais competentes contra a decisión da Mesa do Parlamento, “co fin de restaurar a normalidade democrática que o PP teima en facer desaparecer”.

9 de mar. de 2010

0 comentários :

Danos a túa opinión