Segue adiante a Casa Museo de Manuel María

Redacción

Onte pola mañá, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antón Bao, acompañado do secretario da Fundación Manuel María, Alberte Ansede, xuntouse co alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao, para estudar as posibilidades de colaboración que se abren de cara a erixir un museo ao poeta Manuel María na súa casa natal de Outeiro de Rei. Esta xuntanza adscríbese á rolda de contactos con institucións que o vicepresidente da Deputación de Lugo está a ter para lograr facer da casa de Manuel María un centro cultural para todo Galiza, logo de terse reunido xa cos representantes das Deputacións da Coruña e Ourense.

Nesta visita realizada a Outeiro de Rei, Antón Bao agradeceu a boa disposición do alcalde, José Pardo Lombao, pola importancia que ten a colaboración mutua entre institucións posto que é neste concello onde está ubicada a casa natal do poeta Manuel María, concello ao que se lle abrirían importantes posibilidades de erixirse un centro cultural da magnitude que se agarda que teña o proxecto de musealización da casa de Manuel María centrado na súa obra e vida. Antón Bao remarcou que pola “transcendencia desta iniciativa en todo o ámbito do País, perséguese a implicación de todas as institucións que teñen competencias en materia cultural e daqueloutras que tiveron relación directa coa vida do poeta”.

Neste camiño, Bao explicou que se pretende un achegamento para ver posíbeis puntos de colaboración entre as administracións galegas con responsabilidade en materia cultural (as Deputacións e a Consellaría de Cultura e Turismo), e aquelas institucións que tiveron relación directa e persoal con Manuel María, como é, por suposto, o Concello de Outeiro de Rei, o Concello de Monforte de Lemos, o Concello da Coruña e o Concello de Lugo. Antón Bao manifestou que o proxecto aínda se atopa nunha etapa incipiente pero que co liderado da Deputación de Lugo e o apoio doutras administracións poderase materializar e facer da casa natal do poeta Manuel María un centro cultural museístico para que os galegos e as galegas se acheguen á vida e obra do escritor chairego.

Desde que a idea de creación dun museo adicado á obra e vida de Manuel María fora presentada á Deputación de Lugo pola Fundación Manuel María, acadouse un compromiso da Área de Cultura da Deputación por manter o legado e a memoria do poeta Manuel María e, de xeito máis específico e inmediato, dispoñer no espazo físico da casa natal do poeta un museo onde se dea acollida á biblioteca, manuscritos, obxectos persoais e calquera outro feito que garde relación co poeta, de xeito que sirva, ademais, como lugar de referencia para dar a coñecer a súa figura e a súa obra ao pobo galego.

11/03/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión