10 anos do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia


Xosé Manuel Pereiro

Hoxe cúmprense dez anos da asemblea constituinte do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Un acto que culminou un proceso de ilusión, compromiso e xenerosidade por parte de todos os que se implicaron nel e de toda a profesión, que respondeu dunha maneira que ninguén, posiblemente nin os seus impulsores, agardaban que fose tan decidida e tan sólida.

Foi un proceso que hoxe mesmo temos que recoñecer como sorprendente, e polo mesmo temos que erguer un recoñecemento sincero aos impulsores, á comisión xestora, aos dous decanos que continuaron aquel esforzo, aos integrantes das xuntas de goberno e, ante todo, aos que participaron e participan naquel afán, e que decidiron que aquel proxecto se fixese entón realidade e agora o siga sendo, coas luces e as sombras que hai en calquera percorrido.

Se comparamos o estado da profesión co daquel 9 de abril de 2000, o balance non é alentador, como sabemos por experiencia propia e cotiá todos e cada un dos colexiados. Precisamente por iso, a maiores de celebrar o logro acadado hai dez anos e sentirnos orgullosos del, é máis necesario ca nunca invocar aquel alento que tomou forma o 9 de abril de 2000, e retomalo hoxe. Son tempos críticos para os xornalistas, pero nunca foi tan necesario, nin tan demandado o xornalismo, o de verdade.

09/04/2010

0 comentários :

Danos a túa opinión