A auga e a Terra Cha


Xulio Xiz

Nestes tempos, quen non se apunta á industria, apúntase ó comercio e ó turismo como xeito de vender in situ os productos do país, fomentando de paso o coñecemento do que é noso en todos os ámbitos posibles.

Non é que na Terra Chá renunciemos á industria, que as hai e meritorias, pero non somos – como non é a provincia de Lugo, e mesmo Galicia- una zona esencialmente industrial. Así, a Terra Chá, e polo tanto a súa capital, Vilalba, conta co turismo, agardando que o turismo conte coa comarca.

Ós efectos que nos ocupa, a comarca está composta por nove concellos, e un grupo de desenvolvemento rural comprende como "Terra Chá" a Abadín, Muras, Xermade, Guitiriz, Vilalba, Begonte, Castro de Rei, Cospeito e Pastoriza. Esquecémonos, do antigo esquema chairego, onde tamén se consideraba chairegos Rábade e Outeiro de Rei, Meira, Pol e Friol.

Alomenos xa somos nove que, se nos atemos á Mancomunidade da Terra Chá está só restrinxida a Abadín, Cospeito, Outeiro de Rei e Pastoriza.

Pois os nove concellos queren ser alguén no mundo turístico e están a traballar nun Plan que valla para un traballo conxunto de atracción de visitantes cunha mensaxe común que se sabe pode basearse na auga como elemento de identificación.

Un consultor turístico mencionaba que a comarca non ten unha imaxe definida, se ben pode ser a auga a que lla proporcione, que temos líquido elemento nas súas máis diversas manifestacións como para facer honra a un símbolo.

Vivimos na primeira comarca pola que pasa o gran río dos galegos, e – como dicía Aquilino- nos seus primeiros tramos vai recollendo a ledicia dos ríos novos, por Castro de Rei, por Cospeito, por Outeiro de Rei. Do Miño son fermosos alicientes o Pedregal de Irimia, o seu primeiro nacemento, en Meira, e o segundo nacemento, en Fonmiñá, para que non protesten os pastoricenses, que dous nacementos podemos recoñecerlle ó gran río dos galegos.

Coa sua carga de misterio profundo están a Lagoa de Cospeito, a maior; a de Caque, en Castro, as do Ollo en Begonte. As augas mineromedicinais reinan en Guitiriz, onde hai dous balnearios e un gran hotel, en Parga, e naturalmente en Codesido cun gran hotel-spa.

A auga segue sendo a raiña da Chaira no seu segundo río que en Vilalba conforma praia fluvial e longo recorrido pola súa beira, e logo conformará fermosos recantos deportivo-fluviais en Baamonde e Begonte. E o mesmo Miño en Rábade pouco antes de xuntarse os dous ríos.

Certamente un plan turístico para a Terra Chá pode e debe ter na auga elemento decisivo de promoción. Non o único, que os productos a vender ou expoñer son infinitos: os itinerarios turísticos, os monumentos, a gastronomía, os produtos artesanos... todos conforman un todo que, ben presentado e difundido, poden representar centos de postos de traballo e progreso para a comarca.

Empecemos pola auga, santo e seña da Terra Chá, do que nos gustaría fose un emporio de industrias limpias. Pois posiblemente sexa este o camiño, o do turismo, do comercio e da artesanía, que desemboque en ducias de pequenas industrias que fixen poboación e creen riqueza.

Empecemos pola auga. E con ela, todo o demais.

21/04/2010

4 comentários :

  • Centos de postos de traballo? Co turismo, na Terra Cha?... Moi despistados andamos. Cando nos daremos conta de que para ter unha imaxe definida primeiro hai que ter unha diferencia, e se vamos polo da auga, non sei que diferencia hai con outras partes de Galicia. Cando vexa centos de postos de traballo xenerados grazas ao turismo, eu serei papa en Roma.
    E para que non digamos que xa saltou o tipico que o critica todo, ahi vai un pouco de critica constructiva: á Terra Chá, desde hai moitas décadas, quen acostumaba a vir a pasar o verán eran familiares emigrados, si ou non? Pois ben, entre eles e os seus descendentes, como "target" do plan de turismo, poderíase conseguir un incremento de estancias e visitas á Terra Cha. Pero claro, seguimos a pensar que eso non é turismo e que a Terra Cha ten suficiente atractivo como destino turístico, cando obxectivamente non é así. Nin cultura, nin divertimento, nin tan siquera unha naturaleza espectacular, temos que recoñecer que non temos nada especial que non se poda atopar en ningun sitio. Pero si podemos ofrecer un forte gancho emocional a tódolos que está fora, algo insustituible, e que non se aproveita con suficiente forza.

    02:46 do 23 de abril de 2010

  • A min góstame mái o viño ca auga.

    13:48 do 23 de abril de 2010

  • E a min tamén, por iso cáeme ben un tal Xesús, que foi quen de transformar o auga en viño. E disto, poño a Deus por testigo, non hai falla na Terra Chá. Será por bares en Vilalba, carafío...

    15:44 do 23 de abril de 2010

  • Concordo cós 3 anónimos anteriores.
    O que fai falla é apostar polos sectores productivos, nesto a Terrá Chá ten moito por explotar, dende a horticultura até a producción de madeira pasando polo sector gandeiro de carne e leite.Naturalmente cós procesos todos acabados "in situ", e incluso os sectores de xeneración eléctrica.Un país non pode vivir só do turismo, que tamén, hai que desenrolar os activos que temos e habelos hainos.
    Claro que hai que xustificar que se fai algo sin mover ren, e así imos mal.
    Até na Pastoriza agora van sacar Queixo de San Simón ecolóxico.
    E os que sempre produciron este queixo a velas vir.
    Facer unha Feira,que até a fan mal, e quedan tan tranquilos os nosos gobernantes.
    Só falta que fagan outra Feira do San Simón na Pastoriza e con máis éxito.
    A Capital da Terra Chá, só o é de nome.

    FENDETESTAS

    14:07 do 24 de abril de 2010

Danos a túa opinión